Comunicado de prensa do BNG Cabanas
A organización da mocidade atende as necesidades e as demandas da cidadanía e propón a mellora do transporte público por estrada e por ferrocarril.
Galiza Nova de Cabanas presentoulle ao Grupo Municipal do BNG unha moción sobre o transporte colectivo en Cabanas onde se conclúe a necesidade de reforzar as liñas do transporte colectivo das parroquias de Soaserra, Salto, Regoela, Irís e Laraxe, así como tamén do servizo ferroviario (incluíndo a proposta de crear un novo apeadoiro na zona de Porto-Modias). O representante da organización nacionalista, Iago Varela, entende que hai que garantir un servizo público que vertebre o país e que beneficie ás maiorías sociais. Considera Iago Varela que hai que poñer en marcha políticas que rematen co deterioro das liñas, co recorte de servizos e coa falta de relación calidade-prezo como elementos que condicionaron decisivamente esta situación. Deste xeito, Galiza Nova demanda que se rebaixe o prezo dos billetes tanto do transporte ferroviario coma no de transporte por estrada nos traxectos con orixe ou destino a Cabanas e a potenciación da intermodalidade entre o transporte colectivo por estrada e o transporte ferroviario e a xestión dun novo servizo de proximidade pola Xunta de Galiza no Eixo Atlántico.
O representante de Galiza Nova en Cabanas considera que a sociedade galega e en concreto os/as cidadáns/ás de Cabanas deberían ter un transporte colectivo acorde ás súas necesidades, xa que este promove a igualdade social e permite que persoas con poucos recursos ou mesmo dependentes gocen de autonomía (maiores, discapacitados/as, xente nova...) pero ademais é vital para a vertebración do país e o estabelecemento de vínculos sociais, económicos, comercias, culturais... coas vilas do noso contorno.
O portavoz municipal do BNG, Xosé Manuel Pérez Sardiña, valorou positivamente o traballo e a proposta de Galiza Nova e considera que o Concello, a institución máis próxima aos/ás cidadáns/ás, debe pronunciarse a favor do aumento de frecuencias nos servizos de transporte ferroviario e por estrada, debe conectarse coas políticas deseñadas polos gobernos estatal e galego e debe atender as demandas e as necesidades da cidadanía trasladadas por Galiza Nova.
Cabanas, 18 de Febreiro de 2008
Publicar un comentario