Quen son
Teño dous pasaportes, pois ademais de galego tamén son brasileiro. A miña vida pasa entre Cabanas, unha pequena vila costeira da Coruña que para min é a capital do mundo, e Vigo, aínda que non é raro atoparme noutras ubicacións.
Son da escola pública, e non podería estar máis orgulloso de selo. Estudei no CEIP Eladia Mariño, no IES Fraga do Eume e agora atópome a pouco de rematar Enxeñaría de Telecomunicacións na Universidade de Vigo.
Interésanme unha chea de cousas, son un apaixoado das novas tecnoloxías, moi especialmente das comunicacións móbiles, da transmisión de sinal e dos gadgets. Intento cacharrear con calquera trebello que se me pon a tiro e son un habitual das feiras máis destacadas do sector.
Sei algo do mundo dos blogues. Tras iniciar un proxecto divulgativo con dous grandes amigos, Mallando na e-ira, foron xurdindo outros como Mallando no Android, do que son coordinador e editor.
Alén de todo iso, encántame viaxar, descubrir (e que me descubran) novos lugares. Disfruto das postas de sol, de ver bater o mar, das camiñatas polos montes galegos (alguén dixo Fragas do Eume), dos deportes de auga e aventura, do biciclismo, do bo - para o meu gusto - cinema, das festas e das boas conversas que se dan arredor dunhas tapas, dunha boa comida, duns cafés ou dunhas Estrellas Galicia.
En fin, son Iago, un de tantos.