Expandir contido

Até non hai moitos anos, ver un filme de ciencia ficción era para os frikiños (apaixoados das novas tecnoloxías) todo un acontecemento no que se deixaren marabillar cos trebellos tecnolóxicos que nel aparecían. Lembremos a Kitt, o coche fantástico, que ademais de respostar a comandos de voz era quen de se desprazar de xeito autónomo. Ou aquel móbil con aspecto de portátil que aparecía en The Saint (O Santo), que resultaría ser un Nokia 9000 Communicator. Quen seguira Dragon Ball estará a pensar nas scouter, os lentes que utilizaban personaxes coma Vexeta, nos que se lles amosaba diferente información.

[...]

Podes ler o artigo completo na páxina 21 do número 65 do semanario Sermos Galiza [loxa]

Este ano adicase o día das Letras Galegas a Vidal Bolaño. Do seu "As actas escuras" é o seguinte fragmento:

PAYÁ E RICO: Mandar a voz por cable dun sitio a outro! A quen se lle conte! A este paso o mundo vai semellar unha rede de aramio. E a saber o que virá despois. Con todo,  o pior deses adiantos non han ser eles mesmos, senón o uso ó que se van poder prestar.  Ademáis de levar e traer xente, mercadorías, mensaxes ou enerxías han levar e traer ideas. E as que gobernan hoxe Europa non agoiran nada bon nin para o home nin para a Santa Madre Igrexa.

Gustavo Rivas, La Voz de Galicia
Raiba, tristura, indignación, impotencia... verbas que hai un ano definían os meus sentimentos cando, aínda enxugando as bágoas, parei a escribir o relato dun enmeigado polas Frondosas, un texto escrito cando as lapas estaban xa extintas pero as brasas aínda  mantiñan quente o terreo.

Xa pasou un ano desde aqueles fatídicos días, tempo que serviu para avaliar os danos causados polo maior incendio forestal que sufriu o Parque Natural das Fragas do Eume (750 hectáreas arrasadas polo lume segundo as cifras oficiais), mais tamén para dar por resolto o asunto como se resolven outras tantas cousas neste País: arquivando o caso, sen responsábeis materiais nin políticos, esquecendo.

Tempo que tamén tivo a tropa gobernante para facer, xa nos primeiros días, unha especie de tourné, ascendendo pola marxe do río desde o lugar de Nogueirosa até o Mosteiro de Caaveiro para tratar de amosar á sociedade unha falsa imaxe de normalidade. É certo que o incendio, por fortuna, non afectou ao mosteiro nin ás inmediacións da ponte e muíños do Río Sesín, espazos onde calquera enmeigado fica perplexo ante tal frondosidade e riqueza natural, onde a auga brota en manantiais inagotábeis que fan posíbel a vida en ducias de tons verdes.


Pero tamén é certo que reducir as Fragas do Eume ás inmediacións de Caaveiro é simplificar de máis, é amosar un descoñecemento total do territorio, da xoia natural que temos ao lado da casa. As Fragas son infinitos recunchos, infinitos lugares nos que perderse, marabillarse. As Fragas son matriz inagotábel de "momentos".

Logo do incendio púxenme como obxetivo afondar no meu enmeigamento, aventurarme a perderme polos diferentes camiños e vieiros para min descoñecidos do Parque Natural, tentar aprender onde leva cada un deles, descubrir novas paraxes... Se ben é certo que algo avancei neste cometido persoal, foi desde logo unha miguiña insignificante comparado co imaxinado, en parte debido á falta de tempo e á climatoloxía adversa, que tampouco axudou demasiado. Con todo, as miñas visitas ás Fragas aumentaron, seguramente o medo a perdelas fixo que a atración sexa hoxe en día maior do que era.

Confío en que o incendio teña servido para concienciar algunhas mentes sobre a importancia de protexer o noso medio. E confío tamén en ser capaz de, pasiño a pasiño, ir acadando o meu obxetivo persoal. Quen sabe? Pode que algún día os incendios sexan anécdotas de avós, de nós depende que así sexa.


*As imaxes, salvo a primeira de Gustavo Rivas, son todas propias, tomadas durante 2012 e o que vai de ano.

Fomos moitos os que hoxe acordamos con resaca de indignación. Beber Google (quen di Google, di calquera gran empresa de Internet que nos ofrece servizos "gratuítos") en grandes doses ten efectos secundarios, e hoxe estamos a sufrir as consecuencias da nosa googledependencia.

Si, son (somos) Google dependentes. Isto non é novidade, somos milleiros os que cada día centralizamos o noso correo electrónico en Gmail, conversamos por Gtalk, marcamos citas en Calendar, editamos documentos en Drive, levamos a nosa música en Music, vemos vídeos en YouTube e planificamos as nosas viaxes en Maps... tamén somos (éramos?) moitos os que empregabamos Reader como ferramenta de traballo a diario, como O Agregador de Feeds, en maiúsculas e negriña.

Somos moitos os que onte levamos a labazada do cese de actividades deste servizo, que malia existir alternativas igualmente válidas, tiñamos xa todo ben organizadiño aló e, para que dicilo doutra maneira, estabamos acostumados a empregar a ferramenta desde os seus comezos.

Pero, por que Google decide pechar Reader? É obvio que as explicacións que nos deron non resultaron  en absoluto convincentes, mais tamén é certo que Google adoita traballar así cando lle dá o arrouto, entrando coma elefante nunha cristalería. Para exemplo temos o defunto Wave, un produto que para  min era tremendamente útil e que pasou a mellor vida como hoxe Reader, cun anuncio sorpresa.

Pero... e se acontece con Reader que pasou con Google Wave? Lembro como a miña mágoa inicial fora desaparecendo ao descubrir como as diferentes utilidades coas que contaba Wave foron implementándose en Google Docs, agora transformado en Google Drive.

É certo que Google leva tempo traballando a política de unificar servizos, algo que ben xestionado pode resultar tremendamente positivo. Volvendo ao exemplo de antes, coido que a integración do disco duro virtual Drive con funcionalidades de xestión de documentos (antigo Google Docs coas opcións portadas de Wave) mellorou a experiencia de usuario. Ou o tan rumoreado servizo unificado de mensaxería, que poña fin ás 4 ferramentas que hoxe en día ten distribuídas (Talk, Voice, Messenger e Hangouts), tamén debería ser moito máis interesante e atractivo.

Se así fose, o cambio podería chegar a ser menos traumático; pensemos que tamén está Currents, o lector que non foi publicitado en exceso e ao mellor miran de dar unha sorpresa por ese lado. Quero pensar que en Mountain View pararon a pensar no que facían antes de tomar unha decisión que afecta a tanta xente que traballa día a día cos seus produtos.

Só o tempo, que cura todo, poderá dicirnos se efectivamente a decisión de Google foi acertada e camiñamos cara unha nova (ou diferente) Internet onde se traballe coas fontes de información doutro xeito ou se, polo contrario, estamos ante un novo EPIC FAIL do xigante de Internet.
Esta mañá participei no programa A Vivir Galicia da Cadena Ser, podedes escoitalo aquí:

O luns pasado entrevistoume Kiko Novoa e compañía no Galicia por Diante. Estivemos falando uns minutos sobre o Mobile World Congress 2013.

Se vos interesa, podedes no seguinte widget (desde o minuto: 3:50)

 Nos últimos anos tiven a sorte de poder viaxar por riba do que viña sendo habitual en min no que a día de hoxe é o meu medio e transporte favorito, o avión. E seguramente por iso tamén fun collendo experiencia no tema de escoller un bo sitio para sentarse, aínda que sempre no asento pegado á xanela. Pero calquera xanela? Por suposto que non, con sentidiño e sabendo o que fago, consciente do que vou atopar ou poder ver.
Existen moitos lugares nos que se ofrecen razóns para facer este tipo de escolla, pero a máis primitiva e básica resúmese en dúas palabras: as vistas. Todas as que acompañan este post son do voo Barcelona - Santiago de onte

Moitos xa sabedes que son moi fan da publicidade. Así en xeral non, da que ten algo de sentidiño detrás, polo que non é de todo raro verme prestándolle máis atención ao espazo de anuncios máis ca a certos programas...

En Galiza temos varias empresas que apostan pola creatividade e que teñen claramente definida unha imaxe de marca e, sen dúbida, R é unha delas. Tras bastante tempo afastados da televisión volven cunha nova campaña formada por, até o de agora, 5 spots protagonizados polos televisivos Tacho e Isi e que leva un eslógan que resume a filosofía da casa: R, xente de aquí.

Voilá!