As linguas en campaña, por Henrique Monteagudo
Artigo publicado hoxe no diario EL PAÍS.
Estoutro día xiramos unha visita familiar á exposición Redes de coñecemento, unha interesante aproximación á historia da investigación científica en Galiza durante os últimos 100 anos, montada no Museo do Pobo Galego de Santiago. Ao pouco de entrarmos, sentimos ao noso carón que un señor se puña a fungar en voz alta, aparentemente dirixíndose á súa dona: "No lo ves? Esto es por culpa de las puñeteras autonomías..." Estabamos diante dun panel que rezaba en grandes titulares Un futuro esperanzador, encabezando unha breve explicación (en galego) sobre a importancia do Seminario de Estudos Galegos, ilustrada con varios documentos da época (en castelán). Non puiden reprimirme, e pregunteille cortesmente ao desbardallante se podía aclarar qué era o que tanto lle amolaba.
Contendo a duras penas a indignación, contestoume que se se puñan as explicacións en galego, os españois que viñan de fóra non se ían enteirar de nada. Suxerinlle que volvese considerar o texto que tiña diante dos ollos, e me dixese se realmente experimentaba algunha dificultade en entender o que alí puña. Encabuxado, explicoume que se se fixaba, ningunha, pero (literalmente) que non lle petaba da gana de facelo. Daquela, concluín: "Entonces el problema no es que usted no entienda, el problema es que usted no quiere entender" (toda a conversación se desenvolveu en castelán). Vireille as costas e seguín a visita coas miñas fillas, elas cos ollos arregalados e mortas de ganas de que lles explicase qué mosca lle picara a aquel pericán.
De onde nacen, de que se nutren e a onde nos levan este tipo de actitudes? A raíz é o nacionalismo español excluínte, imbuído dun modelo de identidade nacional monolítica, que entre outros atributos coloca o idioma castelán por riba de todo e de todos. O auténtico español é castelán-falante, e quen non é castelán-falante non é un español-de-verdad. Un cidadán galego-falante sería, pois, un español anómalo, ou como moito, de segunda. Para homologarnos aos falantes das outras linguas pensinsulares non nos queda outra que extirparnos o noso idioma e implantar no seu lugar o do Estado: non abonda con que saibamos e practiquemos este, temos que botar o noso ao balde do lixo.
Acabamos de superar o transo dos comicios xerais, e xa sabemos que a maioría do electorado entendeu o dilema en termos de opción entre o diálogo e a cohesión social ou ben o autoritarismo e a insolidariedade, e non en termos da eterna confrontación da España esa-Gran-Nación (un epíteto que dun tempo a esta parte parece obrigatoriamente adherido ao nome) contra a arquipérfida anti-España. Endebén, o mapa coa distribución dos votos mostra ás claras que Zapatero gobernará grazas ao voto polifónico das periferias (sobre todo de Cataluña), e moi a pesar do voto monolóxico do centro. Velaí un par de derivadas do pluralismo lingüístico das nacionalidades: a aposta polo respecto á diversidade e a consecuente preferencia pola cultura do diálogo. Louvor a Cataluña, esa pequena gran nación!
Pola contra, reparemos no noso paisano recén derrotado nas urnas, que pasará aos anais pola súa impermeabilidade ao idioma galego. Nin dándolle a Vicepresidencia da Xunta conseguiron Manuel Fraga e Xerardo Fernández Albor que a daquela incipiente promesa dese unha palabra en galego. O primeiro chegou a dicir publicamente: "O que lle eu recomendo a Mariano son tres cousas: que case, que deixe de fumar e que aprenda a falar o galego". Pero Mariano non só tivo moitos reparos en luxar os seus beizos coa lingua proletaria do seu pobo, senón que lle preocupa que ningún outro español o faga. A nada que os condanados socialistas andaluces anunciaron que ían ofrecer a posibilidade de estudar o galego (e vasco, e catalán) nas escolas oficiais de idiomas, o esgrevio dirixente púxoselles moito con que non perdesen o tempo, que o que tiñan que aprender era o inglés. Despois estráñanse de que no seu feudo (Galiza), o PP obtivese o peor resultado electoral en décadas. E logo non?
Alberto Núñez Feijóo, que en xeral se portou sensatamente e non disimulaba certa incomodidade coas directrices deschavetadas de Génova (pensadas para arrasar en Madrid, pero que en Galiza soan francamente lunáticas), faría moi ben en tomar nota, e entre outras cousas recomendar a Corina Porro e outros dirixentes do seu partido que procuren non involucrarse tan abertamente nas campañas contra o idioma do país. Si, é certo que o PSOE de Paco Vázquez tamén xogou co lume da lingua cando o PP gobernaba a Xunta, pero mellor será esquecer ese precedente. Resulta que boa parte do electorado do PP é galego-falante, quizais non moi esixente en cuestións lingüísticas, pero seguro que non tan parvo coma para que lle guste que se rían del.
O curioso do asunto é que fronte a esta ofensiva do reseso nacionalismo gran-español, o que se abre é unha especie de baleiro, tanto de discurso público coma de acción gubernamental. O BNG, un tanto desconcertado, parece que decidiu abandonar (en boa hora) así a caduca análise en termos de conflito lingüístico coma o obxectivo dubidosamente utópico do monolingüismo social, pero aínda non foi quen a artellar unha nova mensaxe de defensa en positivo do noso idioma. Un discurso renovado que conxugue a vella apelación á identidade coa novidosa reivindicación da diversidade, e que en definitiva asuma que o castelán non pode ser visto na Galiza de hoxe como unha lingua estraña. Que resultaría absurdo pedirlle ao país que renunciase ao idioma do Estado, que é tamén lingua nosa, aínda que non sexa de noso. Pero o nacionalismo galego democrático non pode trocar o seu antigo radicalismo verbal -que sementaba temores e facía recuar á maioría- por un deleixo ante o idioma que ninguén entendería. Pola súa banda, o Partido Socialista, que hoxe por hoxe ten ao seu cargo a política lingüística da Xunta (implicando na súa responsabilidade nada menos que ao presidente), debe aclarar que é o que quere facer co galego (ademais de discursos máis ou menos floridos), e poñerse a elaborar un proxecto propio, feito de ideas e propostas, non de tópicos manidos. Seguro que a política lingüística non é tan relevante coma a económica, a sanidade ou as obras públicas, pero a fin de contas é política, e por tanto hai que tomala a serio, ou, caso contrario, mellor deixala.
A clase dirixente galega no seu conxunto ten que ser consciente (e tamén saberllo transmitir á cidadanía), de que unha boa política lingüística para Galiza, orientada a crear as condicións dun porvir digno e florecente para o galego nun clima de asenso maioritario, non esixe máis radicalismo. O que si debe ser é coherente e eficaz (non retórica), minimamente pensada (e por tanto ben asesorada: as carencias neste punto son tan xigantescas como inexplicables), convenientemente explicada á cidadanía, e posta en práctica con rigor, para o cal é imprescindible dotarse dunha serie de ferramentas operativas. Sinceramente, no noso país cada día botamos máis en falta algo diso.
Publicar un comentario