O BNG denuncia documentos internos da Garda Civil que inclúen simboloxía galega como elemento "sospeitoso"
O grupo parlamentar do BNG, a través do seu deputado Bieito Lobeira, ven de denunciar a existencia de documentos internos da Garda Civil que inclúen simboloxía galega como elemento “sospeitoso” a controlar e perseguir.
Bieito Lobeira rexistrou unha iniciativa parlamentar na que se fai eco de que en actos formativos desta institución, dirixidos aos seus efectivos en Galiza, se inclúen como “símbolos sospeitosos” autocolantes coas iniciais GZ para veículos, bandeiras galegas coa estrela vermella ou o escudo deseñado por Castelao coa lenda “Denantes mortos que escravos”, así como un bo número de colectivos e entidades de carácter feminista, ecoloxista, cultural ou estudiantil.
Para o parlamentar nacionalista, é “intolerábel”, do punto de vista democrático, que forzas e corpos de seguridade do Estado, nos seus programas de formación, criminalicen elementos propios do País, asumidos, ademais, por unha parte moi importante da sociedade galega.“Ser nacionalista –dixo- ou posuír elementos simbólicos da nosa Patria non pode ser considerado como delito ou como presunción de comportamentos contrarios aos principios democráticos, sobre todo cando aínda existen en Galiza rúas, prazas ou edificios con nomenclatura fascista”.
Ante o exposto, Lobeira quer saber que coñecemento ten o Goberno galego destes feitos, se sabe quen deu ordes ou instrucións na Garda Civil e se existe a previsión de dirixirse ao Ministerio do Interior para esixir explicacións.
Publicar un comentario