Expandir contido

O reino da falsía e do preconceito, por Pilar García Negro

Recollo hoxe este artigo, O reino da falsía e do preconceito, publicado na web do BNG, no que Pilar García Negro responde aos empresarios vigueses que nun informe do Clube Financieiro de Vigo (do que por certo, forma parte a Universidade de Vigo), recollían que o galego propiciaba a fuga de xente coalificada...

Que en pleno século XXI haxa voces galegas -supostamente representativas- que desprecen a lingua do país en que traballan, obteñen o lucro e a cuxa sociedade se deben resulta difícil de crer, mais é certo. Superada a vergoña allea que tal feito nos produce, imos tentar esclarecer algunhas das claves que explican unha lóxica perversa, a que pode levar a empresarios da cidade máis povoada da Galiza a lle endosar á lingua galega "culpas" que en modo algún ten. En primeiro lugar, non hai povo normal no mundo que renegue da lingua de seu: nen sequer por alto patriotismo; simplesmente, por realismo e por economía, por encontrala expresiva dunha maneira específica de ser humanos a que non se quer renunciar.

En segundo lugar, a lexislación vixente -estatal, autonómica- así o recoñece, como non podía ser doutra forma, porque, se existen poderes públicos que se nomean democráticos e institucións autonómicas que forman parte do Estado español, é mesmamente grazas á existencia de sociedades con linguas diferentes da oficial do Estado (nada menos que nun 42% da povoación total española). En terceiro lugar, a lingua galega está, na sincronía actual, moi lonxe de viver mínimos de igualdade, de presenza cooficial, e de receber o impulso e o amparo que aquela lexislación proclama.

Só desde un profundo autoodio se pode comprender que se atribúa á lingua galega o que ela nunca produciu nen poderá provocar: a saúde económico-empresarial e o concurso de novos capitais ou de novas industrias. De por parte, enrubia lembrarmos como galego e español son linguas xeneticamente emparentadas e tipoloxicamente non opacas: ¿que nível de cerrazón cumpriría lembrar para que se aduzan (por parte de nativos ou por parte de forasteiros) motivos de incomprensión? ¿Acaso para un galego español-falante ou para un forasteiro español é máis difícil aprender galego do que o inglés ou o alemán?

Desafío, por contra, a estes empresarios de Vigo (que, aliás, non terán problema á hora de receberen axudas públicas dun goberno galego que se exprese en galego…) a que me respondan á seguinte pregunta: por moito que traballadores-as e empresarios se produzan única e exclusivamente en español, ¿conseguiron ou conseguirán melloras salariais; criación de novos empregos; mellor trato das autoridades da Unión Europea para a pesca, a agricultura, o sector lácteo ou a industria naval?

Señores, o seu pronunciamento resulta ser a apoteose da mentira, da ignorancia e do autodesprezo. Se fosen benevolamente "bilingües", terían que estar a clamar por que o galego se achegase minimamente aos níveis de uso e presenza social e pública do español. Saiban que un embuste mil veces repetido endexamais dá lugar a unha verdade. Se os nosos antepasados, á forza, tiveron intelixencia abonda para se instalaren no español, ¿van vostés pór problemas a admitiren e entenderen o galego? Se todo o mundo, hoxe, ten de saber o que significan "stop", "play", "light"…, ¿vai ser imposíbel comprender "orzamentos", "caixa de aforros", "rúa" ou "ensino"? Por favor, dediquen o seu tempo e enerxías, se souberen, a traballar polas súas empresas e, de paso, un pouco polo país, a Galiza, de onde obteñen man de obra, recursos, capital e plusvalías. Co galego, claro está, ao lado de todo isto. Sen exclusións nen totalitarismos.

One Response so far.

  1. Mais umha vez mostra-se-nos a vergonhenta realidade da língua na Galiza.