Expandir contido

Pekín Express II: Moscú-Kazán

Pekín Express convertiuse na miña "adicción" televisiva dos domingos pola noite. O programa que emite Cuatro, e que leva co de onte dous capítulos, tenme innotizado.

A semana pasada deivos conta da primeira etapa desta carreira por etapas que leva a 10 parellas dende Rusia até China, para tratar de conseguir chegar os primeiros e acadar o premio monetario.


Pois hoxe, como luns que é, dispóñome a contarvos o que deu de sí a segunda etapa, que levou a 9 das parellas (cómpre lembrar que unha delas xa tivo que abandonar na anterior etapa por ser os derradeiros en chegar) dende Moscú até Kazán, cunha parada intermedia en Klin, localidade de 200 habitantes situada á beira do Volga. Esta etapa, de tres días de duración, tivo un percorrido de 869 quilómetros.


Como novidade nesta etapa, a cada parella de concursantes déuselle unha tarxeta co enderezo dunha rúa situada nas proximidades do ponto de partida no que se atopaba un taxi do que disporían durante dúas horas... pero dúas horas contadas a partires do momento no que se lles deu a tarxeta, non cando colleran o taxi...


As habilidades das diferentes parellas, fixo que as xemelgas Idoia e Ainhoa tardasen só 10 minutos en atopalo, polo que puideron disfrutar do servizo durante unha hora e 40 minutos, nos que avanzaron 70 quilómetros. Pola súa banda, o matrimonio formado por Víctor e Encarna fixo unha nova mostra de inutilidade e desesperación, co que conseguiron ter un taxi só por media hora, co que só avanzaron 4 quilómetros, o que os deixou inda dentro da cidade de Moscú.


Á hora de atopar de xantar nese primeiro día desta nova etapa, os avós (así é como coñecen as demais parellas a Carlos e Mario, atoparon cun executivo que os levou nunha furgoneta. Home, o de executivo é relativo, porque ao meu ver, tiña máis pinta de mafioso. Logo diso, paroulles na que era a súa oficina, e lles deu de comer e, sobor de todo, de beber. Vodka, moito vodka, co que algún deles xa agarrou medio colocón. Logo, regaloulles a botella para o camiño e achegounos até a estrada, onde os acompañou até que conseguiron un coche no que proseguir a marcha.


O matrimonio, desesperado, seguía por Moscú, onde conseguiron que uns rapaces lles pagasen un carriño de compra para comer. Penso que tiñan máis preocupación por comer que por avanzar na carreira.


Por outra banda, José e Oier, quedaron preto de Martha e Javier, empregada e xefe, cando chegou a hora de baixar do taxi, e aproveitáronse de que estes últimos pararon un autobús para montar con eles.


Chegaron as sete, e como non, a hora de deter a carreira. José e Oier coincidiron esta vez cos Juanan e Tony e xuntos foron procurar para durmir. Foron os que quizáis máis sorte tiveron, porque desta vez atoparon coa hospitalidade dun matrimonio que tiña a casa en obras e dispuñan dun baño totalmente equipado (tan só o 5% das casas rurais en Rusia dispón de tal cousa) e puideron darse un baño por primeira vez no programa.


Martha e Javier, atoparon cuns ortodoxos que nun principio non os quixeron acoller por ser católicos (penso que aquí Martha contestou afirmativamente á pregunta contando que non fose empregada na súa contra), pero finalmente deixáronnos pasar aló. E puideron disfrutar dunha sauna, un tanto rudimentaria.


Os avós, que inda ían medio contentos pola cantidade de vodka inxerido no traxecto, atoparon unha casa dunha señoriña que os acolleu, cun baño un tanto peculiar.


Encarna e Víctor, como non podía ser doutro xeito, nerviosos porque non atopaban sitio (tampouco penso que fixeran moito esforzo), polo que tiraron de saco de durmir e botáronsee nun parque. As xemelgas Ainhoa e Idoia, tampouco atoparon sitio onde quedar, así que botáronse preto da estrada pola que circulaban, para proseguir o camiño tan pronto como se iniciase a carreira dende un ponto accesíbel.


Segundo día


Tras durmir, cada un onde puido, Martha e Javier retomaron a viaxe nun autobús, mentres que o matrimonio catalán conseguiu por fin saír de Moscú, á cola da carreira.


O obxectivo principal deste día era a chegada a Klin, onde se celebraría a proba de inmunidade. Desta vez, tan só 3 das 9 parellas poderían participar deste xogo.


Como xa dixen antes, Klin ten tan só 200 habitantes. Parece ser que a chegada do programa á vila supuxo unha revolución, polo que os veciños quixeron ser partícipes do xogo.


Os primeiros en chegar até Klin foron Begoña e Noel (nai e fillo), dos que non se soubo nada dende Moscú, seguindos dos avós e, en terceira posición, de Fernando e María, a parella en crise.


O xogo consistiu en seleccionar a un da parella como o competidor físico e ao outro coma o competidor lóxico. Os primeiros tiñan que ir polas casas cunha foto buscando ao veciño que aparecía nela. Cando o atopaban, éste dáballes un cubilete con letras e a foto do seguinte veciño. Cando se facían con cinco cubiletes, tiñan que voltar correndo até o ponto onde estaban os competidores lóxicos, que estaban a memorizar un alfabeto ruso-latino.


O primeiro en chegar cos cubiletes de volta foi Fernando e tamén, xunto coa súa parella, foron quen de conseguir descubrir cal era a palabra agochada de xuntar os cubiletes: Volga, o nome do río.


Antes de saír de Klin, Paula Vázquez, directora da carreira, fíxolles entrega dun xornal local de Kazán, en cuxa edicción do día seguinte habería un anuncio que diría onde estaba o ponto final da etapa. Indicoulles, asimesmo, que para conquerir os 100 ruplos (2,75 euros) que valía o xornal, deberían traballar.


Fernando e María, pese a teren a inmunidade, foron os primeiros en poñerse a currar para conquerir os cartos, e fixéronno limpando un coche. José e Oier, que conseguiron abandoar Klin nun autobús, amenizaron a viaxe tocando a harmónica, co que tamén conseguiron os cartos. As gogós, como non podía ser doutro xeito, bailaron para o conductor que os levou no seu coche, e os vellos fixeron o propio coa señora que os levou, facéndolle un truco de maxia.


Novamente, ás sete da tarde dentense a carreira e toca procurar sitio para durmir.


Fernando e María atópanse con Idioia e Ainhoa, as irmás xemelgas, e xuntos van procurar dun sitio para durmir. Atópanno xunto a unhas señoras que estaban a celebrar o cumpreanos dunha delas, polo que, a parte de durmir, tamén tiveron un momento de lecer.


Martha e Javier aproveitan o momento no que teñen sitio para durmir para facerlle algúnhas labores do fogar aos donos da casa: Martha prancha a roupa mentres que Javier lava a louza.


E, como non, Víctor e Encarna volven a pasar a súa segunda noite na rúa, por non ser quen de atopar (... ou non buscar??) sitio onde quedar.


Terceiro día


Ao día seguinte, case todos fan o camiño até Kazán en camión.


Xa en Kazán, Javier e Martha consiguen que un rapaz lles faga de taxista. A cambio, Javier dalle o seu reloxo, porque non ten cartos. Cando paran a mercar o xornal que lles dará a pista para saber a onde teñen que ir, o que lles fai de chófer síntese enganado, porque viu que tiña cartos para mercar o xornal e deixa de levalos... para min que o tipo o que tivo foi un morro da hostia e foi un pouco fillo de... iso.


Oier e José atopan cunha rapaza encantadora que os leva até mercar o xornal e logo até a meta. Para Fernando e María, o buscar un sitio para mercar o xornal convertiuse nunha nova excusa para unha discusión.


Meta


Á chegada á meta, José e Oier foron os primeiros, seguidos de Martha e Javier, Ainhoa e Idoia, Ferando e María, as gogós, os avós, Noel e Begoña, Tony e Juanan... e de últimos, Encarna e Víctor, quen tampouco tiveron sorte coa tarxeta que podería libralos de marchar, e tiveron que abandoar o programa.


Impresións


As miñas impresións pasan por dicir que me aledo que marcharan Víctor e Encarna, porque creo que a falla de confianza en si mesmos fixo que perderan todo o interese polo programa, polo que a súa carreira perdeu todo interese competitivo,


Os avós continúan a marcar ritmo e darlle o ton de humor: nin unha discusión, chegan aos sitios, demostran vitalidade e entusiasmo.


José e Oier... teñen algo que non me gustan (aprovéitanse de que Martha e Javier paran un bus para collelo tamén, encóndenlle as botas a Tony e Juanan cando durmiron na mesma casa...)


As gogós seguen destacando pola súa forma de ser, botadas para adiante ;)


E nada maís por este vez... só quedan 6 días para o próximo programa.


Vídeo: As aventuras das xemelgas (inédito)



2 Responses so far.

  1. Denébola says:

    Ao principio pensaba que o video era do próximo día... pero seica é do primeiro...

    Comezo a esclarecer a miña opinión respecto das parellas. "Os anciáns", as gogós e a nai e o fillo, son as tres parellas que para min teñen máis oportunidades. Sorprendeume a parella en crise ao gañar a proba da inmunidade, cando non discuten o fan millor.

    E pese a que sempre quedaron en últimos postos, aínda albergo certa esperanza de que os amigos travestis den algunha sorpresa.

    Desgustoume a actitude de Javier (o xoven que fai o viaxe con Martha, a súa empregada do fogar), pareceume bastante infantil cando tivo que traballar, e cando golpeouse no camión.

    Alédame que o profesor e o exalumno gañasen a etapa, pero non me agradou que ao marchar esconderan as botas, e penso que deberían cambiar un pouco a súa actitude, paréceme excesivamente seria. E é un xogo.

    Polo alegres que se manteñen ante tódalas diversidades, por estar en cabeza aínda que non sexan os primeiros, por disfrutar dos paraxes polos que pasan e das persoas coas qeu se atopan, por non discutir nunca, polas súas habilidades e don de xentes... Carlos e Mario ("os avós") son para min os favoritos.

  2. Luisinho says:

    (Perdinme a segunda metade do programa [o que ten ser cinco en casa], así que o post foi un spoiler coma unha casa! xD)

    Para min os favoritos son José e Oier, claramente. E sigo pensando que Fernando e María son unha parella con posibilidades, a pesar do negativismo de María. A actitude de Fernando é a de buscarlle o lado positivo a todo, o que lles pode axudar como parella, sempre e cando María non se derrumbe e faga un pranto à la Encarna .

    Eu aos que non acabo de ver son á nai e ao fillo. Non sei se é que non me caen ben ou que.

    E nada, non moito máis... se saen máis temas de discusión máis comentarei. Un saúdo!