Debate sobre o presente e futuro de ASTANO
Cómpre lembrar que a estocada de morte de ASTANO ven de lonxe. Cando o Estado español estaba a negociar o seu ingreso na Unión Europea, o plano para o sector naval propuña unha reducción radical da capacidade productiva. Europa propuxo pechar un dos estaleiros: Cádiz, Sestao ou ASTANO. O goberno de Felipe González propuxo entón a limitación da producción de ASTANO á construcción off-shore, sector en decadencia, que foi aceptado pola Unión, inda que con fortes reservas. ASTANO foi porén o estaleiro que sufriu as maiores reduccións de persoal, perdendo até 3.600 empregos.
A empresa afróntase nese momento a un mercado pequeno (e moi competitivo) cunha factoría sobredimensionada e con pouca productividade, o que fixo que precisase de axudas do goberno, consideradas ilegais pola UE. Nesta situación chégase ao 2005, onde o goberno do Estado opta por integrar as instalacións no grupo de estaleiros do sector militar, primeiro chamado Izar, logo Navantia, o que deu lugar a unha nova reconversión, pasando dos 1.150 empregados a só 300.
O BNG ten loitado dende a súa fundación por recuperar o sector naval civil para o estaleiro de Fene e foron moitas as iniciativas levadas adiante dende o Parlamento do Estado e do Parlamento de Galiza. Venme agora á memoria aquela intervención na que Francisco (Paco) Rodríguez ía falar no Congreso e as súas "señorías" do PP e do PSOE abandonan o hemiciclo nunha mostra de desinterese extrema. U-los deputados galegos do PP e do PSOE?
A Consellaría de Innovación e Industria ten elaborado un plan específico para o tema, mais en Madrid non interesa...
De todo isto falarán hoxe Helena Veiguela, Directora Xeral de Promoción Industrial, Xavier Carro, senador do PSOE e Arsenio Fernández de Mesa, deputado polo PP, ás 20.00 na Casa da Cultura de Fene. Un evento de interese asegurado.
Publicar un comentario