Pekín Express V: Omsk - Krasnoyarsk
Primeiros pasos
A Carlos e Mario, gañadores da etapa anterior, dáselles a oportunidade de escoller a dúas parellas para que os acompañen en primeira clase no traxecto nocturo no Transiberiano, o mítico tren que cruza Siberia. Os escollidos serán Tony e Juanan, os amigos e drags, e Fernando e María, a parella en crise. Os seis desfrutan dunha cea agradábel, ben servida e na que non faltan productos tan deliciosos coma o caviar.
Os non escollidos, isto é José e Oier, as xemelgas Ainhoa e idoia e Javier e Martha, comparten mesa repartindo o que teñen para comer.
A chegada á estación tras pasar a noite no tren significará o comezo real da V etapa de Pekín Express.
Comeza a etapa
Tralo percorrido por Siberia a bordo do tren, os concursantes chegan a Nobosibirick, onde José e Oier reciben o handicap que anunciaba Paula Vázquez a semana pasada. Cómpre lembrar aquí que ese handicap veulles imposto polo feito de que foron salvados da expulsión grazas a que a tarxeta contida no sobre "último recurso" era verde.
O handicap resultou ser que debían viaxar cunha galiña poñedora viva e cunha ducia de ovos, que debía chegar enteira ao final da etapa. É preciso indicar que esa ducia de ovos ían nas mans, é dicir, non podían levalos nunha bolsa ou similar. No caso de que rompese algún ovo, terían que repoñelo para acadar a fin da etapa coa ducia completa.
A saída xa supón unha discusión entre Javier e Juanan debido a que Javier intenta aproveitarse dun coche que pararan os amigos drags. Para José e Oier, á dificultade á hora de parar os coches para viaxar engádese o feito de levar unha galiña.
Carlos e Mario, que foron os primeiros en coller coche, no seu percorrer polas terras rusas e contando que levaban vantaxe sobre os demais, decidiron facer unha pausa no camiño e disfrutar dun baño nunha praia fluvial, onde tamén deron uns toques ao balón.
Mentres tanto, Martha e Javier descubren unha nova forma de facerse con cartos: aproveitan a condición de que Martha é negra e que é sumamente raro ver a alguén de cor en Rusia, para deixarse fotografar a cambio de cartos, co que consiguen unha boa doazón.
Unha nova discusión tería lugar no programa, e unha vez máis Juanan e Tony estarían polo medio. Despois de que chegasen a un ponto onde non podían continuar co conductor que levaban, van dar a un lugar onde xa estaban as xemelgas facendo autostop. Pero eles, aprovéitanse da pillería de poñerse antes na estrada para ter máis facilidade para coller un coche, feito que a Ainhoa non lle gustou nada.
Párase a carreira
Mentres os concursantes andaban en aventura, Paula Vázquez atopábasae en Biisk desfrutando dunha das sopas tradicionais rusas, inda que nas súas propias palabras a sopa "está boa, anque onde se poña un caldo galego...". Dende aló mándalles a mensaxe de parar a carreira.
Ainhoa e Idoia atópanse no medio de nada, polo que deciden pórse a camiñar. Tras 2 horas sen atopar ningunha vila, deciden parar e poñerse a comer algo. Continúan a camiñata durante 3 horas máis, nas que percorreron un total de 14 quilómetros. Atópanse entón con un rabaño de vacas, e pouco despois cunha poboación onde coincidirán con María e Fer. A dona da casa onde éstes se aloxaban non as quixo acoller e elas pensaron que sería mellor ir durmir a unha marquesiña préto da estrada para saír antes ao día seguinte.
Martha e Javier obteñen unha boa pousada onde lles dan a oportunidade de ducharse (en auga fría) e de lavar a roupa. Pola súa banda, José e Oier, xunto coa galiña, atopan un sitio onde aloxarse, iso sí, a ras de chan.
Continúa a carreira
Unha vez ten aparecido o sol, os concursantes póñense en marcha. Carlos e Mario por un lado e Ainhoa e Idoia polo outro, atopan coche doadamente. Oier pásao mal para coller un coche á beira da estrada, xa que chovía a raudais.
Proba de inmunidade
A proba de inmunidade tivo lugar en Gorno-Altaisk e os primeiros en chegar ao ponto de verificación foron Carlos e Mario, seguidos por Ainhoa e Idoia. Serán os únicos que poderán participar nesta proba, xa que queda restrinxida a dúas parellas.
Ambas parellas diríxense en helicóptero até Elanda (Montañas de Ouro), unha paraxe declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Aló teñen que escoller unha cor (as xemelgas collen o amarelo) e baixar facendo rafting por un río, parar a metade de camiño nunhas rochas a coller unha matrioska (típicas bonecas rusas que se van metendo unhas dentro de outras) e seguir río abaixo até un areal onde estarán soterradas outras 13 pezas para completar a boneca.
A equipa formada polas xemelgas faise co triunfo ao atopar (e armar correctamente) a matrioska, tras unha hora de excavación. Dende aló, ambas parellas percorrerán 600 quilómetros en helicóptero a maiores.
Pola súa banda, o resto dos concursantes faran un cambio de parella. E neses cambios establécense dous roles: o tirador e o lastre. Os tiradores terán que intentar chegar primeiro á meta coa parella que lle asignen (o que chegue de último será o que abandone o programa), mentres que os lastres terán que facer que o tirador non gañe.
Os cambios de parella colocan a Martha (tiradora) con Fernando (lastre), a María con Oier, a Jose e Juanan e a Tony con Javier.
As actitudes dos diferentes grupos son ben distintas. Martha consegue sen dificultade seguir parando coches, Fernando non supón ser un lastre real. María ten máis difícil o reto de tirar de Oier, pois cando ela para un coche Oier usa a galiña para espantar aos conductores. José e Juanan fan boas migas, e pese a que Juanan fai de lastre, brota unha amizade entre eles impensábel en outras etapas. A relación de Tony e Javier é pésima: non se falan, Javier resulta borde... iso sí, fai dun lastre estupendo: faise o borracho, pasa de todo...
Segunda noite en camiño
Carlos e Mario e Ainhoa e Idoia atópanse xuntos no momento de parar a carreira. Así pois, deciden probar sorte nun hotel e, eureka! Déixanlles pasar a noite aló de balde.
José e Juanan atopan sitio nunha casa cunhas mulleres... digamos que bastante soltas. Juanan explícalles como pode que ambos son gais e que están casados, para ver se así conseguía que elas perdesen interese... pero nin así.
A Tony e Javier, o tema de facerse cun sitio para durmir fáiselles un chisco máis complicado, pois quedaron dentro da cidade. Tras moito buscar, dan cunha casa onde, tras verificarlles os pasaportes, ábrenlles a porta e trátannos moi ben, mesmo se poden duchar e beber champán.
Fin da etapa e resultados
O ponto final desta etapa, situado na cidade de Krasnoyarsk, atópase nunh hermita que aparece nos billetes de 10 rulos.
Á chegada á meta, Paula Vázquez comproba primeiramente que José e Oier teñan cumplido o seu cometido: levar a galiña viva e unha ducia de ovos intacta, causa que conseguiron. Tras esas verificacións, lese o ranquing, que deixa a Carlos e Mario como gañadores unha vez máis. Seguidos deles, moi de preto, Ainhoa e Idoia. O resto do ranquing veu dado pola chegada dos tiradores, que arrastran ás súas parellas habituais até a súa posición. Así José (e Oier) acadan a terceira posición, logo Martha (e Javier), a continuación María (e Fernando) e, por último, Tony (e Juanan).
A oportunidade do sobre coa tarxeta que pode salvar da expulsión foi negativa, e Tony e Juanan tiveron que abandoar, para gusto do primeiro e disgusto do segundo.
Impresións.
Nesta etapa, Carlos e Mario demostraron que son o rival máis forte da carreira.
Juanan, un dos drags, amosou un comportamento exemplar con José. Maila que o ten criticado noutras ocasións, nesta etapa, froito da convivencia con el no momento do intercambio de parellas, afirmou que era unha grande persoa... de feito, cando tiveron que marchar, a aperta entre les foi elocuente. Pola contra, Tony quedou en evidencia, e demostrou que era o "cancro" (paréceme un tanto dura esta palabra, pero non se me ocorre outra) da parella.
Non me gustou moito o comportamento inquirente de Fernando, que no tempo que tivo que convivir con Martha lle andivo enriba preguntando pola súa relación con Javier. E a súa parella, María, demostrou que lle é resulta difícil facer as cousas pola súa banda.
O vídeo: as xemelgas causan un "conflicto diplomático"
Publicar un comentario