Primeira anotación do ano
Xa van cinco días deste novo ano, 2009. Cinco días que van poñendo fin ás curtas, sempre curtas, vacacións de nadal. E é que co remate das festas volve o traballo duro, volven as xornadas de intenso estudo que nos encamiñan para un febreiro que, a lo menos na Universidade de Vigo, cae a mediados - finais de xaneiro.
As vacacións tiveron para min aquel trago de aire fresco tan preciso tras tres meses de traballo dende o incio do curso. E supuxeron tamén unha desconexión da urbe viguesa para sumerxirme na miña 'pequena patria', Cabanas.
A dous días de regresar á monotonía da cidade sureña, invádeme a morriña, máis unha morriña sá e moderada, pois sei que a volta ás viaxes en autobús e en tren servirán de alivio e desconexión.
As festas transcorreron con normalidade, i.e., xantares abundantes (inda que sen deixarse levar pola gula), visitas de aquí e de acolá e algo de festa nocturna, que estaba esquecida. Descubrín o bo sabor das caipirinhas que se fan no Habana (Pontedeume) e redescubrín que aninovo non é o mellor día para degustar o chocolate con churros.
Unha viaxe dun día levoume onte até as terras de Boimorto, un concello que non tiña o gusto de coñecer e que agocha paraxes ben fermosos que merecen un retrato nun óleo.
E máis nada, 15 días 'libres' tampouco dan para moito, inda que todo está no xugo que se lle queira sacar, aí queda.
Publicar un comentario