Segundo mitin, Cabanas
A segunda parada desta campaña levoume a Cabanas, o meu concello, onde teño a miña vida. A verdade é que sempre presta falar no lugar de onde un é. Non sei, parece que as raíces son se cadra maiores.
A cita foi o pasado venres 20 de febreiro, no lugar de Lavandeira. Aló, nunha antiga escola unitaria, tivo lugar un mitin moi destas datas, moi de entroido.
Rompeu o xeo Xosé Manuel Pérez Sardiña, voceiro do Grupo Municipal, quen deu conta de diversas actuacións que o goberno da Xunta de Galiza fixo nestes últimos anos na nosa localidade.
A continuación falou Xoan Carlos Bascuas, Delegado da Consellaría de Vivenda, quen ironizou sobre os lemas dalgúns candidatos e o que agochan na realidade, nun relatorio con certos toques lúdicos.
Finalmente, na miña intervención, destaquei o concurso eólico, a transparencia coa que dende o BNG se levou a cabo todo o proceso de concesión dos muíños de vento e os beneficios que ten dita concesión para Galiza. Agora o 14% dos beneficios son para nós, para políticas sociais, para Galiza.
Pero tamén falei do rural, de por qué é preciso que Galiza conte cun Grupo Lácteo Galego, de por qué hai que continuar a desenvolver o Banco de Terras de Galiza.
Para rematar, mantivemos unhas palabras con todos os asistentes dunha forma máis informal, entre freixós e orellas (de aí o de mitin de entroido). Foi todo un éxito.
Publicar un comentario