No paraíso da infancia
Déixovos cun artigo de Iván Area Carracedo, publicado hoxe en Xornal de Galicia, No paraíso da Infancia.
Recordo as viaxes en coche cos meus pais cando eramos pequenos. Eles tiñan moitos xeitos de nos manter entretidos. Lembro con especial agarimo os repasos da xeografía xogando coas matrículas, o que sen dúbida facían outros nenos que viaxaban nos coches cos seus pais, e o que con certeza non era tan frecuente: a aprendizaxe das declinacións do latín como un xogo. Que inocentes eramos!
Agora os nenos e as nenas seguen viaxando nos coches cos seus pais e nais e seguen sendo tamén inocentes como o eramos nos, pero apenas se pode xogar con eles/elas a aprender xeografía botando man das matrículas, e posiblemente ninguén tente aprenderlles as declinacións do latín, condenado a esmorecer no sistema educativo. Con todo o xogo segue sendo posible se por exemplo botamos man deses obxectos que ultimamente entraron formar parte dunha nova paisaxe no país: os tarabelos ou muíños eólicos.
En Galiza hai instalados aproximadamente 4000 muíños para unha potencia total de 3200 MW distribuídos nuns 130 parques eólicos en funcionamento. A produción no ano 2006 foi de arredor de 660 millóns de euros superando os 6000 GWh durante o 2006. Poderiamos, xa que logo, xogar coa división ao preguntarlle ao neno/a canto xerou cada un dos tarabelos.Mais tamén podemos avanzar e formular un problema matemático un pouco máis actual. A recente aprobación por parte da Consellaría de Innovación e Industria de 2325 MW suporá proporcionalmente moitos menos muíños de vento porque o regulador di no decreto que serán preferentes os muíños con potencia igual a ou maior que 1,8 MW. En calquera caso, podemos asumir que o número de novos tarabelos que en breve veremos nos nosos montes será de arredor de 2200 para unha produción que pode chegar, coa actualización do prezo da enerxía aos 500 millóns de euros anuais. Deste xeito, podemos preguntarlle ao neno/a canto xeraría anualmente cada tarabelo e, unha vez resolto este problema, abordar canto xeraría diariamente. Se o neno fai ben as contas sairanlle máis 600 euros diarios.
Queda tan só un problemas matemáticos para o final. Se o 15% dos beneficios regresa a Galiza a través do INEGA (Instituto Enerxético de Galiza), canto diñeiro xera diariamente cada tarabelo? Con axuda da calculadora, o/a neno/a poderá deducir que máis de 94 euros diarios será o beneficio derivado das voltas de cada tarabelo que vemos desde o coche, sen contar os postos de traballo que xere todo o proceso.
Cando sexa maior poderá entender algúns dos beneficios: cun tarabelo en cinco días de funcionamento a Xunta poderá conceder diariamente unha axuda mensual do RISGA (Renda de Integración Social de Galiza); ese mesmo tarabelo con outros seis días dando voltas conceder diariamente un salario mensual da liberdade; cun día máis a Xunta dispón de recursos para abordar un mes completo do programa xantar na casa; co xerado nun só día podemos pagar unha bolsa de aloxamento para un/unha estudante universitario/a na Universidade de Vigo; en tres días xeraría os recursos que ten que achegar a Xunta para catro prazas mensuais de galescola. E só vai medio mes.
Diante de toda esta clase de matemáticas ao mellor o/a neno/a acabaría facendo unha suxestión: sendo tan feos estes novos tarabelos, pero tan rendibles, por que non decoralos coas facianas que se imiten ás persoas que se benefician deles?
Publicar un comentario