Terceiro mitin, Ares
O terceiro mitin desta campaña levoume até terras de Ares, concretamente a Chanteiro.
Había moito tempo que non percorría a boca da ría, dende aquela vez que fóra facer un roteiro a pé que moito gostara. E volver pola zona e ver o fermoso de ver o mar dende aló meteume o fugillo no corpo de querer voltar a facer unha camiñata por aquela zona. O que si, haberá que agardar máis á primavera.
Neste mitin tocoume falar acompañado de Silvia Fernández e Pablo Villamar, con quen xa coincidira no mitin de Narón.
Aproveitei a miña intervención para comentar que unha das principais preocupacións terá que ser facer fronte á crise económica. Por iso dende o BNG apostamos por crear un Instituto de Crédito Galego, para axudar ás pemes cun instrumento público.
Pero tamén é preciso apostar porque ASTANO volva contruír barcos, porque o sector naval é dos que mellor está a facer fronte á crise económica, e porque na comarca contamos coas instalacións necesarias.
Tamén fixen referencia á necesidade de que Galiza conte cun novo Estatuto de Nación, que nos dote de máis autogoberno, de máis competencias e de máis control sobre os nosos recursos. Só cun novo estatuto poderemos saír airosos desta crise económica.
Publicar un comentario