Adeus 2009, benvido 2010
Hoxe dicimos adeus ao 2009, un ano que remata coma todos: coa sensación de que pasou axiña e de que houbo moitas cousas boas e outras moitas mellorábeis.
Non pretendo con esta anotación facer unha listaxe de todas esas cousas, nin moito menos, xa que sen que o puidera evitar, sempre habería algún feito que ficase no esquecemento temporal, non por menos importante, senón porque non se pode ter todos os datos á vez no pensamento.
Os primeiros días do 2009 foron protagonizados or unha tristura compartida co pobo Palestiniano ante os reiterados bombardeos de Israel que deixaron centenares de mortos inocentes.
Febreiro viu marcado pola cita electoral do 1 de marzo, que condicionou totalmente a actividade e roubou un gran número de horas que doutro xeito estarían adicadas ao lecer. Mais, maila os resultados finais, coido que o esforzo pagou a pena. Agora estamos a ver as consecuencias de todo o que pasou a partires desa data.
En abril, concretamente durante a semana santa, chegou a primeira escapada. Tras as dúas experiencias anteriores a través de excursións do concello, aló repetín o tema do rafting, un dos meus deportes de auga-aventura favoritos (se ben é certo que neste grupo poderíamos englobar moitos que non teño probado, polo que a opinión é sesgada). Percorrer as augas do Ulla foi toda unha aventura e quedamos con ganas de repetir a experiencia (quizáis no 2010?).
Pero nesa semana santa tamén houbo tempo para o sendeirismo polas Fragas do Eume, ese espazo natural que teño a escasos minutos da casa e que sempre me descubre novas paraxes e lugares dunha beleza superlativa.
Maio resúmese cunha palabra: SORPRESA. A que argallou Carmen polo meu aniversario. Canto esforzo e traballo detrás! E que felicidade descubrir o enredo, a verdade un dos momentos máis especiais do ano.
Maio foi tamén mes de graduacións, experiencias festivas pola cidade de A Coruña, e preámbulo do xuño de exames.
En xullo chegou a ansiada viaxe a Catalunya que durante tanto e tanto tempo organizamos. Unha viaxe que quedará na lembranza polo ben que o pasamos primeiro por Port Aventura e logo en Barcelona. Mais tamén quedará no recordo polos infinitas xornadas maratonianas que nos marcamos para ver o imposíbel nos días pola capital catalá :)
Quizáis un dos momentos máis emocionantes da estancia - logo da experiencia acelerativa do Furious Baco - fose a viaxe en helicóptero sobrevoando a cidade. 10 minutos dunhas vistas xeniais.
Logo virían xornadas festivas en Galiza, como o Festigal ou diferentes noites de sábado...
Setembro trouxo a visita da familia catalá e, con ela, o discubrimento de zonas de interese da comarca, como a fervenza do Belelle, que xa comentaba neste blogue.
O outono estivo marcado por unha viaxe a Picos de Europa, á zona de Potes, onde fixemos unha rota de sendeirismo máis que aconsellábel por fermosura e dificultade moderada.
Pero tamén, a chegada do novo curso trouxo consigo un paso máis en convivencia, repetíronse ceas con amigas e amigos, festas varias, algún que outro concerto... neste sentido, o Porrón foi un dos lugares emblemáticos das noites viguesas...
O peche do ano protagonízao, entre outras cousas, unha nova andaina, o novo proxecto chamado Mallando na e-ira.
En definitiva, o 2009 estivo pragado de bos momentos, de descubrimentos de xente e afianzamento de novas amizades. De sorpresas, de novidades no xeito de vida, ... en fin, de centos e centos de cousas que desexaría non remataran nunca.
O 2010 apreséntase nesa mesma liña. Como obxetivos a seguir márcome, alén dos académicos, continuar afondando no camiño aberto no 2009, metendo os céntimos na caixa do 'diñeiro negro', planificando roteiros por toda Galiza para coñecer a fondo os nosos espazos naturais, potenciando Mallando, relendo O Señor dos Aneis, seguir afianzando amizades, descubrir novos intereses... e un longo etcétera.
Amigas, amigos... que os vosos propósitos para o 2010 se fagan realidade. Sede felices e bo aninovo.
Cantos recordos achégame a tua entrada amor.
Non sería capaz de facer unha recopilación tan boa coma a túa! Xenial.