Sobre o concerto de Carlos Núñez
Onte tiven a gran sorte de poder asistir ao concerto que ofreceu o gaiteiro vigués Carlos Núñez acompañado dos irlandeses The Chieftains e a Orquesta Sinfónica de Galicia, na Praza do Obradoiro.
Nos anuncios do concerto indicábase que "a entrada era de balde até completar aforo", polo que fomos precavidos e chegamos a Santiago arredor das 18.30h, 2 horas antes de que comezase o espectáculo. E que nos atopamos? Pois unha Praza do Obradoiro a medio encher, xente collendo sitio, polo que fixemos o mesmo: aguantar sentados nunhas cadeiras incómodas as dúas horas previas ao concerto.
Cando comezou o espectáculo, coa praza chea (arredor dunha media hora antes de comezar, a última vez que puiden estirar un pouco as pernas, andábase xusto pola zona que non había cadeiras), unha serie de persoas comezaron a berrar "Fuera, fuera!" dende a entrada á praza da rúa do Franco.
Cara de estupor de Carlos Núñez (Que pasa aí?), quen comeza a tocar a primeira peza. Afortunadamente, coa música non se oían os berros. Ao remate desta, vólvense a oír os berros de Fuera, fuera! e outros de Feijóo dimisión!. Tócase a segunda canción, e volve acontecer o mesmo, polo que o gaiteiro pediu respeto e, confundido polos berros, fixo un chamamento a deixar de lado a política e desfrutar do espectáculo, lembrando incluso que a súa familia era comunista e sufriu desterro.
Nada, outra peza e o mesmo. Pásanlle unha nota dicindo que o problema é de aforo, que os que berran son os que quedaron fóra e comenta que se vai retransmitir pola Galega unhas horas despois. Os berros continúan, pero xa non só dende o Franco, senón tamén dende a entrada aledaña ao Hostal dos Reis Católicos.
Coa chegada da peza da afamada Mar Adentro, os berros cesaron. Como sospetei naquel momento, e puiden comprobar despois, porque abriron portas e deixaron pasar libremente.
Sinceramente, pareceume un espectáculo bochornoso por parte de todos estes imbéciles - falemos claro - que quedaron fóra. Cando alguén vai a un espectáculo no que se anuncia límite de aforo, terá que espabilar e chegar antes. E claro que fode ter que agardar 2 horas, eu tamén prefería estar tomándome unha caña nunha terraciña do casco vello compostelá.
Non me parece de recibo que alguén, por pretender entrar a 5 minutos dun espectáculo das características do de onte, intente boicotealo. Sentín verdadeira compasión por Carlos Núñez, que como "mestre de cerimonias" e anfitrión estaba a pasalo ben mal, despois de levar máis dun ano preparando este concerto conxunto cos Chieftains e a Sinfónica para traelo a presentar na casa, en Galiza.
E permitídeme dicir que minten os xornais cando din que as protestas eran porque "quedaban fóra e había asientos vips baleiros" porque dende as entradas da praza era imposíbel que alguén vise a "zona vip" e as poucas cadeiras que quedaron baleiras ían sendo completadas, pouco a pouco, con xente que estaba de pé (e que levaban tempo agardando, non como os das entradas).
Menos mal que os berros cesaron e puidemos disfrutar dun espectáculo sinxelamente xenial na que penso que todos saímos, como apuntaba Manuel Bragado na súa retransmisión vía Twitter, con máis autoestima de Nación.
[Imaxe]: Xornal de Galicia
Publicar un comentario