Expandir contido
Mostrando entradas con la etiqueta actualidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta actualidade. Mostrar todas las entradas

Fomos moitos os que hoxe acordamos con resaca de indignación. Beber Google (quen di Google, di calquera gran empresa de Internet que nos ofrece servizos "gratuítos") en grandes doses ten efectos secundarios, e hoxe estamos a sufrir as consecuencias da nosa googledependencia.

Si, son (somos) Google dependentes. Isto non é novidade, somos milleiros os que cada día centralizamos o noso correo electrónico en Gmail, conversamos por Gtalk, marcamos citas en Calendar, editamos documentos en Drive, levamos a nosa música en Music, vemos vídeos en YouTube e planificamos as nosas viaxes en Maps... tamén somos (éramos?) moitos os que empregabamos Reader como ferramenta de traballo a diario, como O Agregador de Feeds, en maiúsculas e negriña.

Somos moitos os que onte levamos a labazada do cese de actividades deste servizo, que malia existir alternativas igualmente válidas, tiñamos xa todo ben organizadiño aló e, para que dicilo doutra maneira, estabamos acostumados a empregar a ferramenta desde os seus comezos.

Pero, por que Google decide pechar Reader? É obvio que as explicacións que nos deron non resultaron  en absoluto convincentes, mais tamén é certo que Google adoita traballar así cando lle dá o arrouto, entrando coma elefante nunha cristalería. Para exemplo temos o defunto Wave, un produto que para  min era tremendamente útil e que pasou a mellor vida como hoxe Reader, cun anuncio sorpresa.

Pero... e se acontece con Reader que pasou con Google Wave? Lembro como a miña mágoa inicial fora desaparecendo ao descubrir como as diferentes utilidades coas que contaba Wave foron implementándose en Google Docs, agora transformado en Google Drive.

É certo que Google leva tempo traballando a política de unificar servizos, algo que ben xestionado pode resultar tremendamente positivo. Volvendo ao exemplo de antes, coido que a integración do disco duro virtual Drive con funcionalidades de xestión de documentos (antigo Google Docs coas opcións portadas de Wave) mellorou a experiencia de usuario. Ou o tan rumoreado servizo unificado de mensaxería, que poña fin ás 4 ferramentas que hoxe en día ten distribuídas (Talk, Voice, Messenger e Hangouts), tamén debería ser moito máis interesante e atractivo.

Se así fose, o cambio podería chegar a ser menos traumático; pensemos que tamén está Currents, o lector que non foi publicitado en exceso e ao mellor miran de dar unha sorpresa por ese lado. Quero pensar que en Mountain View pararon a pensar no que facían antes de tomar unha decisión que afecta a tanta xente que traballa día a día cos seus produtos.

Só o tempo, que cura todo, poderá dicirnos se efectivamente a decisión de Google foi acertada e camiñamos cara unha nova (ou diferente) Internet onde se traballe coas fontes de información doutro xeito ou se, polo contrario, estamos ante un novo EPIC FAIL do xigante de Internet.

Hai lugares máxicos. Recoñécelos porque a primeira vez que vas a eles cautívante sen que tan sequera chegues a darte conta. E unha vez que iso pasa, non tes nada que facer.

Mentiría se dixera que recordo a miña primeira visita ás Fragas do Eume, pero supoño que foi de moi pícaro. E é que os meus pais tamén están envoltos nesa maxia do bosque atlántico que compartimos Cabanas, A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume. De feito, as fotos da súa voda foron tomadas nas Fragas. Non sei, que eu non casei, pero penso que cando escolles o lugar para unhas fotos que marcan unha data importante na túa vida vas a un sitio especial.

A min as Fragas cautiváronme. Maxicamente. Sen tan sequera darme conta. Sen ser capaz de dicir cando foi. Pero cautiváronme. E agora son un máis deses enmeigados polas Frondosas, como cariñosamente lle chamamos os galegos ás nosas Fragas. Un máis dos que cada vez que nos adentramos nelas marabillámonos, deixámonos levar polos seus sendeiros e nos abraiamos ao descubrir cada vez unha cousa nova, unha sensación indescriptíbel e non explicábel para alguén que non teña estado aló.

As Fragas son un orgullo colectivo, un as na manga para todos os enmeigados que vivimos na comarca do Eume. Sabemos que cando alguén de fóra nos di que ten un lugar máxico que amosarnos nós temos outro que estamos ansiosos por descubrirlle.

Sempre quero levar á xente que quero ás Fragas, amosarlles o meu segredo, o lugar no que son capaz de desconectar do mundo. E sempre intento cautivar á xente coas palabras máxicas que alguén un día tivo a ben compartir comigo: Para. Cala. Pecha os ollos. Escoita. Abre os ollos.


Eu, como enmeigado, sei o que acontece nese momento. Éntrase nunha espiral de sensacións onde escoitas o percorrer dun río de augas frías e transparentes, sintes o zoar dunha brisa que comeza por acariciar as túas orellas e acaba por percorrer todo o teu corpo, ules o verde húmido das follas de milleiros de árbores, ves unha imaxe que quedará no teu maxín para toda a túa vida e saboreas a mellor sensación das imaxinábeis. Desde ese momento, os teus acompañantes serán outros enmeigados, coma ti.

O pasado sábado fun dar unha volta polas Fragas en bicicleta como tantas veces fixen, sobre todo dun ano a esta parte. Acompañábame outro enmeigado. Saímos do bosque máxico sen saber que dentro as cousas non ían ben. Non sería até chegar a Pontedeume cando vimos que detrás de nós había fume, que nun principio non soubemos identificar de onde viña pero que tardamos poucos minutos en descubrir.


Non son capaz de describir con palabras a tristura, a indignación ou a impotencia de non poder facer nada que me invadiu nas horas seguintes, a sensación de perda total. Foron días de estar pendente do que podía ver desde a relativa proximidade da miña casa e de seguir os acontecementos a través de #sosfragasdoeume (única forma de canalizar a información ante o silencio oficial), aínda que tomando os datos con cautela ante a intoxicación de información falsa que algúns usuarios introducían no fío.

Agora non hai lume e moitos políticos irán visitar as Frondosas sen empregar dez minutos a ficar parados, calados. Sen pechar os ollos, escoitar e volver abrilos. Sen ficar enmeigados. Sen entender nada, só para sacar unha foto con fondo verde aquí-non-pasou-nada.

Queda moito traballo por diante e vai levar moito tempo que as Fragas, as nosas Fragas, volvan relucir coma antes. Pero serán capaces de conseguilo, porque a natureza é sabia, aínda que ás veces a estupidez humana poida facernos crer o contrario.

*Imaxes: Luis e Carmen
Algo que me gusta das campañas electorais é ver como traballan os partidos os spots. Deixo nesta entrada os que vou atopando dos comicios do 20 de novembro. Se atopas algún que non está, faimo saber e sigo ampliando a entrada (podes facelo nos comentarios ou a través do meu twitter @iagovarela).

Amaiur (graciñas a @fandiarzua)


Anticapitalistas (graciñas a @fandiarzua)


Bloque Nacionalista Galego (BNG)


Coalición Canaria (CC) (graciñas @19_alvaro_82)


Compromís (graciñas a @xmps)


Convergencia i Unió (CiU)


Converxencia XXI (CXXI)


Escaños en blanco (graciñas @_omoloc)


EQUO (graciñas a @jmgolpe)


Esquerra Republicana de Catalunya (ERC)



Iniciativa per Catalunya - Verts (IVC)


Izquierda Unida (IU)


Partido Comunista de los Pueblos de España (PCPE) (graciñas a @fandiarzua)


Partido Popular (PP)






Partido Socialista Obrero Español (PSOE)




El Programa oculto de Rajoy from Con Rubalcaba on Vimeo.


Plataforma per Catalunya (PxC) (graciñas a @fandiarzua)


Por un Mundo Más Justo (PUM+J)



Cun total de 16 doodles conmemorativos celebra hoxe Google o 76 aniversario do nacemento de Roger Hargreaves. Velaquí todos eles:








Non hai moito tempo enterábamonos dunha nova bastante boa para os usuarios das compañías de telefonía móbil (debera dicir para todo o mundo?): a Comisión Europea propuña a eliminación das tarifas de roaming, é dicir, manter as tarifas do país de orixe nas viaxes pola UE.

Esta proposta europea vai na liña da xa iniciada coa limitación do prezo/minuto que xa se está a aplicar, ou a unificación das tarifas de sms dende o extranxeiro, que quedaron en 11 cént, o que fai que usuarios de certas compañías españolas paguen menos por enviar sms dende o extranxeiro ca cando fican no Estado español.

Mais hoxe enterámonos de que as operadoras non están a encaixar moi ben esta modificación das condicións, e xa se fala dun encarecemento das tarifas 'nacionais' para contrarrestar (ler isto).

E eu digo. Máis?

Até non hai moito as tarifas de referencia das compañías españolas era de arredor de 20 cént/min e non foi até a chegada dos OMV con prezos nunca vistos (falamos de 8, 6, 5 e mesmo 4 cént/min) cando o panorama comezou a mudar.

E se por algo se caracterizaron - e caracterizan - as compañías españolas é polos seus prezos excesivos, en comparanza co resto de compañías europeas, cuxos servizos, alén de ser mellores, son máis baratos.

É certo que as operadoras deberán seguir pagando ás do país de destino cando os seus clientes viaxen fóra. Pero tamén recibirán clientes doutros países e ingresos por ilo, o que compensa unha cousa pola outra. En fin, que estamos diante doutra estúpida desculpa para subir os prezos. Así imos.
Tradución de Mallando na-eira

Os cidadáns e as empresas usuarias de Internet adheridas a este texto MANIFESTAMOS:
  1. Que Internet é unha Rede Neutral por deseño, dende a súa creación até a súa actual implementación, na que a información flúe de maneira libre, sen discriminación ningunha, en función de orixe, destino, protocolo ou contido.
  2. Que as empresas, emprendedores e usuarios de Internet puideron crear servizos e produtos nesa Rede Neutral sen necesidade de autorizacións nin acordos previos, dando lugar a unha barreira de entrada practicamente inexistente que permitiu a explosión creativa, de innovación e de servizos que define o estado da rede actual.
  3. Que os usuarios, emprendedores e empresas de Internet puideron definir e ofrecer os seus servizos en condicións de igualdade, levando o concepto da libre competencia até extremos nunca antes coñecidos.
  4. Que Internet é o vehículo de libre expresión, libre información e desenrolo social máis importante co que contan os cidadáns e empresas. A súa natureza non debe ser posta en risco baixo ningún concepto.
  5. Que para posibilitar esa Rede Neutral as operadoras deben transportar paquetes de datos de maneira neutral, sen erixirse en "aduaneiros" do tráfico e sen favorecer ou prexudicar a uns contidos por riba doutros.
  6. Que a xestión do tráfico en situacións puntuais e excepcionais de saturación das redes debe acometerse de xeito transparente, de acordo a criterios homoxéneos de interese público e non discriminatorios nin comerciais.
  7. Que a dita restrición excepcional do tráfico por parte das operadoras non pode converterse nunha alternativa sostida á inversión de redes.
  8. Que a dita Rede Neutral se ve ameazada por operadoras interesadas en chegar a acordos comerciais polos que se privilexie ou degrade o contido segundo a súa relación comercial coa operadora.
  9. Que algúns operadores do mercado queren "redefinir" a Rede Neutral para manexala de acordo cos seus intereses, e esa pretensión debe ser evitada; a definición das regras fundamentais do funcionamento de Internet debe basearse no interese de quen a usan, non de quen as proven.
  10. Que a resposta ante esta ameaza para a rede non pode ser a inacción: non facer nada equivale a permitir que intereses privados poidan de facto levar a cabo prácticas que afectan ás liberdades fundamentais dos cidadáns e a capacidade das empresas para competir en igualdade de condicións.
  11. Que é preciso e urxente instar ao Goberno a protexer dun xeito claro e inequívoco a Rede Neutral, co fin de protexer o valor de Internet de cara ao desenrolo dunha economía máis produtiva, moderna, eficiente e libre de inxerencias e intromisións indebidas. Para iso é preciso que calquera moción que se aprobe vincule de xeito indisolúbel a definición de Rede Neutral no contido da futura lei que se promova, e non condicione a súa aplicación a cuestións que pouco teñen que ver con esta.
A Rede Neutral é un concepto claro e definido no ámbito académico, onde non suscita debate: os cidadáns e as empresas teñen moito dereito a que o tráfico de datos recibido ou xerado non sexa manipulado, terxiversado, impedido, desviado, priorizado ou retrasado en función do tipo de contido, do protocolo ou aplicación empregado, da orixe ou destino da comunicación nin de calquera outra consideración allea á da súa propia vontade. Ese tráfico tratarase como unha comunicación privada e exclusivamente baixo mandato xudicial poderá ser espiado, trazado, arquivado ou analizado no seu contido, como correspondencia privada que é en realidade.

Europa, e España en particular, atópanse no medio dunha crise económica tan importante que obrigará ao cambio radical do seu modelo produtivo e a un mellor aproveitamento da creatividade dos seus cidadáns. A Rede Neutral é crucial á hora de preservar un ecosistema que favoreza a competencia e innovación para a creación dos innumerábeis produtos e servizos que quedan por inventar e descubrir. A capacidade de traballar en rede, de xeito colaborativo, e en mercados conectados, afectará a todos os sectores e todas as empresas do noso país, o que converte a Internet nun factor clave actual e futuro no noso desenrolo económico e social, determinando en gran medida o nivel de competitividade do país. De aí a nosa profunda preocupación pola preservación da Rede Neutral.

Por todo iso instamos con urxencia ao Goberno español a ser proactivo no contexto europeo e a lexislar de xeito claro e inequívoco neste sentido.

Esta entrada é unha tradución do Manifiesto por una red neutral no blogue de Enrique Dans. Síntete libre de reproducir, traducir e compartir isto onde quixer.

Redacción de Mallando na e-ira
Hoxe fanse 8 anos do afundimento do Prestige


En Santiago. Nuns minutos sairá o meu voo cara Madrid, onde cubrirei para Mallando na e-ira a SIMO Network, unha das feiras máis importantes do sector TIC de toda Europa.

A través do meu twitter (@iagogz) e o de Mallando (@mallando) tratarei de cubrir en directo a feira. Non sei se durante os días en Madrid, ou a posteriri de volta en Galiza, haberá post(s) contando que se viu aló e algunha que outra sorpresa.


Din que o mar, falou.
Din que o mar lles falou aos homes
e compartiu con eles a súa historia e os seus tesouros.

Din que os animais, as prantas
e mesmo as rochas dos océanos
quixeron axudar aos homes, e lles axudaron a medrar.

Din que o mar falou doutras vidas,
doutra forma de pensar, doutro mundo posíbel.

Din que o mar falou,
e os homes, o escoitaron




Descuberto grazas a @xosegrandio
Hoxe á mañá andiven por Vigo, vendo a cómica carreira de carrilanas "Red Bull Autos Locos", na súa segunda edición. A verdade é que foi un espectáculo, se ben é certo que a gran cantidade de participantes e o tempo de espera entre autos facía que ás veces a espera fose insufríbel...

Déixovos ligazóns a continuación a uns cantos vídeos (xa aviso, pouca calidade) e un albume en Flickr.

Onte tiven a gran sorte de poder asistir ao concerto que ofreceu o gaiteiro vigués Carlos Núñez acompañado dos irlandeses The Chieftains e a Orquesta Sinfónica de Galicia, na Praza do Obradoiro.

Nos anuncios do concerto indicábase que "a entrada era de balde até completar aforo", polo que fomos precavidos e chegamos a Santiago arredor das 18.30h, 2 horas antes de que comezase o espectáculo. E que nos atopamos? Pois unha Praza do Obradoiro a medio encher, xente collendo sitio, polo que fixemos o mesmo: aguantar sentados nunhas cadeiras incómodas as dúas horas previas ao concerto.

Cando comezou o espectáculo, coa praza chea (arredor dunha media hora antes de comezar, a última vez que puiden estirar un pouco as pernas, andábase xusto pola zona que non había cadeiras), unha serie de persoas comezaron a berrar "Fuera, fuera!" dende a entrada á praza da rúa do Franco.

Cara de estupor de Carlos Núñez (Que pasa aí?), quen comeza a tocar a primeira peza. Afortunadamente, coa música non se oían os berros. Ao remate desta, vólvense a oír os berros de Fuera, fuera! e outros de Feijóo dimisión!. Tócase a segunda canción, e volve acontecer o mesmo, polo que o gaiteiro pediu respeto e, confundido polos berros, fixo un chamamento a deixar de lado a política e desfrutar do espectáculo, lembrando incluso que a súa familia era comunista e sufriu desterro.

Nada, outra peza e o mesmo. Pásanlle unha nota dicindo que o problema é de aforo, que os que berran son os que quedaron fóra e comenta que se vai retransmitir pola Galega unhas horas despois. Os berros continúan, pero xa non só dende o Franco, senón tamén dende a entrada aledaña ao Hostal dos Reis Católicos.

Coa chegada da peza da afamada Mar Adentro, os berros cesaron. Como sospetei naquel momento, e puiden comprobar despois, porque abriron portas e deixaron pasar libremente.

Sinceramente, pareceume un espectáculo bochornoso por parte de todos estes imbéciles - falemos claro - que quedaron fóra. Cando alguén vai a un espectáculo no que se anuncia límite de aforo, terá que espabilar e chegar antes. E claro que fode ter que agardar 2 horas, eu tamén prefería estar tomándome unha caña nunha terraciña do casco vello compostelá.

Non me parece de recibo que alguén, por pretender entrar a 5 minutos dun espectáculo das características do de onte, intente boicotealo. Sentín verdadeira compasión por Carlos Núñez, que como "mestre de cerimonias" e anfitrión estaba a pasalo ben mal, despois de levar máis dun ano preparando este concerto conxunto cos Chieftains e a Sinfónica para traelo a presentar na casa, en Galiza.

E permitídeme dicir que minten os xornais cando din que as protestas eran porque "quedaban fóra e había asientos vips baleiros" porque dende as entradas da praza era imposíbel que alguén vise a "zona vip" e as poucas cadeiras que quedaron baleiras ían sendo completadas, pouco a pouco, con xente que estaba de pé (e que levaban tempo agardando, non como os das entradas).

Menos mal que os berros cesaron e puidemos disfrutar dun espectáculo sinxelamente xenial na que penso que todos saímos, como apuntaba Manuel Bragado na súa retransmisión vía Twitter, con máis autoestima de Nación.

[Imaxe]: Xornal de Galicia
Hoxe irei ver a Carlos Núñez no Obradoiro, xunto cos The Chieftains e a Orquesta Sinfónica de Galicia.


Como me soe pasar todos os anos, entereime de casualidade de que hoxe é o BlogDay, o Día dos Blogues.

Como é tradición, cada blogger debe recomendar 5 blogues que lle resulten de interese. Velahí van as miñas.

Mallando na e-ira: Como non podía ser doutro xeito, a miña primeira recomendación é Mallando na e-ira. Puidera soar extrano que recomendase un blogue no que eu mesmo participo, mais o certo é que este proxecto que comparto cos meus queridos Luís e Vítor (cuxos blogues son tamén recomendábeis :p) está a dar os seus froitos, no camiño de ter un espazo na rede na que contar cousas relacionadas cos nosos ámbitos de estudo e traballo e en galego, cubrindo unha falta destes contidos na Internet.

El Androide Libre: completísimo blogue de contidos relacionados con Android en español. Declárome fan, mais agora que conto cun móbil Androide.

O Bichero: Blogue de Luís Davila, debuxante e caricaturista, no que vai colgando debuxos con contido humorístico.

Cooking ideas: Defínese como "un blogue de Vodafone para alimentar a túa mente de ideas" e, malia o que poida parecer, os seus contidos non teñen nada que ver coa compañía de telecomunicacións. Recolle contidos relacionados con tecnoloxía e ciencia.

Fogonazos: Blogue de ciencia de Antonio Martínez Ron, ou o que é o mesmo, Aberrón.
A alguén lle extrana algo de Feixóo e Cía a estas alturas?



Hoxe é do Día da Galiza Mártir, coincidente co asasinato hai 74 anos de Alexandre Bóveda.

Para o acto público no que falarei hoxe representando a Galiza Nova, xunto a Xoan Xosé Pita, candidato do BNG á Alcaldía de Ferrol, escollín estes versos do noso poeta Manuel María, adicados a Bóveda.

Ti es lume vivo, acesa chama,
roita irreversíbel de futuro;
potente trebón que berra e crama,
home do pobo, asoballado e puro!

Es a luz, o guieiro i a bandeira
chantada nos cumes de Galiza.
Es a voz limpa e verdadeira!
Es o pan, o viño i a ledicia!

Ouh Alexandre Bóveda, paixón núa,
furacán potente e desatado:
que exempro foi a morte túa!
que cantidá de amor sacrificado!

Ouh Alexandre Bóveda, meu irmao,
pai desta patria triste, escura.
Invoco a Rosalía, a Castelao...!
¡Nomeo a vida túa, nobre e pura!

Ouh Alexandre Bóveda, semente,
colleita fidel de lealtade:
se vive Galiza i a súa xente
a túa morte non pode ser verdade!
Ás veces, lendo bibliografía básica ou recomendada para algunha materia, descubro detalles e anécdotas sobre experimentos tecnolóxicos que me parecen ben interesantes e me pregunto se chegarán a acadar o seu obxetivo.

Estes días, lin no Redes de Computadores. Un enfoque descendente basado en Internet - de James F. Kurose e Keith W. Ross - acerca dunha das aplicacións interesantes de Internet, o proxecto SETI@home; trátase dun experimento que usa os computadores de xente anónima de todo o mundo na busca de vida extraterrestre. Os datos que recollen os radiotelescopios son divididos en partes pequenas, para que os ordenadores dos voluntarios que participan no proxecto fagan cálculos. Así, unindo centos (ou milleiros) de ordenadores, pódense facer grandes proxectos.

E agora, veño de ler en El País que grazas a un proxecto semellante, Einsten@home, no que participaron 250.000 voluntarios de 192 países, vense de descubrir unha nova estrela. Un exemplo tanxíbel de que este tipo de modelos de traballo son eficientes.

Sabemos que hai estudos de todo tipo, algúns dignos de ter un Guinness á parvada máis gorda.

"Os propietarios de iPhone son os usuarios
de móbiles con maior actividade sexual"

Entre os smartphones máis avanzados podemos distinguir 3 tipos: iPhones, BlackBerry's e Androides. Según este estudo, os usuarios de iPhone (Apple) teñen unha media de 12,3 parellas sexuais, os de BlackBerry 8,8 e na derradeira posición, os de Android (Google), con 6.

Terá que ver isto con que Steve Jobs (Apple) cape os seus terminais?
Hai uns días o meu amigo Luís fíxome chegar os datos dun estudo elaborado pola Asociación Española de Economía Dixital sobre o uso de Twitter, do que se desprenden datos moi interesantes sobre os usuarios, que paso a resumir:

- Hai máis homes ca mulleres.
- A franxa de idade 'tipo' é de 25-34 anos.
- Preto do 80% teñen titulación superior.
- O 95% segue a algunha empresa
- O 70% accede cada día