Fin do roaming a costa de encarecer as chamadas estatais? Non, grazas
Non hai moito tempo enterábamonos dunha nova bastante boa para os usuarios das compañías de telefonía móbil (debera dicir para todo o mundo?): a Comisión Europea propuña a eliminación das tarifas de roaming, é dicir, manter as tarifas do país de orixe nas viaxes pola UE.
Esta proposta europea vai na liña da xa iniciada coa limitación do prezo/minuto que xa se está a aplicar, ou a unificación das tarifas de sms dende o extranxeiro, que quedaron en 11 cént, o que fai que usuarios de certas compañías españolas paguen menos por enviar sms dende o extranxeiro ca cando fican no Estado español.
Mais hoxe enterámonos de que as operadoras non están a encaixar moi ben esta modificación das condicións, e xa se fala dun encarecemento das tarifas 'nacionais' para contrarrestar (ler isto).
E eu digo. Máis?
Até non hai moito as tarifas de referencia das compañías españolas era de arredor de 20 cént/min e non foi até a chegada dos OMV con prezos nunca vistos (falamos de 8, 6, 5 e mesmo 4 cént/min) cando o panorama comezou a mudar.
E se por algo se caracterizaron - e caracterizan - as compañías españolas é polos seus prezos excesivos, en comparanza co resto de compañías europeas, cuxos servizos, alén de ser mellores, son máis baratos.
É certo que as operadoras deberán seguir pagando ás do país de destino cando os seus clientes viaxen fóra. Pero tamén recibirán clientes doutros países e ingresos por ilo, o que compensa unha cousa pola outra. En fin, que estamos diante doutra estúpida desculpa para subir os prezos. Así imos.
Publicar un comentario