Expandir contido
Mostrando entradas con la etiqueta opinións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta opinións. Mostrar todas las entradas
Gustavo Rivas, La Voz de Galicia
Raiba, tristura, indignación, impotencia... verbas que hai un ano definían os meus sentimentos cando, aínda enxugando as bágoas, parei a escribir o relato dun enmeigado polas Frondosas, un texto escrito cando as lapas estaban xa extintas pero as brasas aínda  mantiñan quente o terreo.

Xa pasou un ano desde aqueles fatídicos días, tempo que serviu para avaliar os danos causados polo maior incendio forestal que sufriu o Parque Natural das Fragas do Eume (750 hectáreas arrasadas polo lume segundo as cifras oficiais), mais tamén para dar por resolto o asunto como se resolven outras tantas cousas neste País: arquivando o caso, sen responsábeis materiais nin políticos, esquecendo.

Tempo que tamén tivo a tropa gobernante para facer, xa nos primeiros días, unha especie de tourné, ascendendo pola marxe do río desde o lugar de Nogueirosa até o Mosteiro de Caaveiro para tratar de amosar á sociedade unha falsa imaxe de normalidade. É certo que o incendio, por fortuna, non afectou ao mosteiro nin ás inmediacións da ponte e muíños do Río Sesín, espazos onde calquera enmeigado fica perplexo ante tal frondosidade e riqueza natural, onde a auga brota en manantiais inagotábeis que fan posíbel a vida en ducias de tons verdes.


Pero tamén é certo que reducir as Fragas do Eume ás inmediacións de Caaveiro é simplificar de máis, é amosar un descoñecemento total do territorio, da xoia natural que temos ao lado da casa. As Fragas son infinitos recunchos, infinitos lugares nos que perderse, marabillarse. As Fragas son matriz inagotábel de "momentos".

Logo do incendio púxenme como obxetivo afondar no meu enmeigamento, aventurarme a perderme polos diferentes camiños e vieiros para min descoñecidos do Parque Natural, tentar aprender onde leva cada un deles, descubrir novas paraxes... Se ben é certo que algo avancei neste cometido persoal, foi desde logo unha miguiña insignificante comparado co imaxinado, en parte debido á falta de tempo e á climatoloxía adversa, que tampouco axudou demasiado. Con todo, as miñas visitas ás Fragas aumentaron, seguramente o medo a perdelas fixo que a atración sexa hoxe en día maior do que era.

Confío en que o incendio teña servido para concienciar algunhas mentes sobre a importancia de protexer o noso medio. E confío tamén en ser capaz de, pasiño a pasiño, ir acadando o meu obxetivo persoal. Quen sabe? Pode que algún día os incendios sexan anécdotas de avós, de nós depende que así sexa.


*As imaxes, salvo a primeira de Gustavo Rivas, son todas propias, tomadas durante 2012 e o que vai de ano.

Fomos moitos os que hoxe acordamos con resaca de indignación. Beber Google (quen di Google, di calquera gran empresa de Internet que nos ofrece servizos "gratuítos") en grandes doses ten efectos secundarios, e hoxe estamos a sufrir as consecuencias da nosa googledependencia.

Si, son (somos) Google dependentes. Isto non é novidade, somos milleiros os que cada día centralizamos o noso correo electrónico en Gmail, conversamos por Gtalk, marcamos citas en Calendar, editamos documentos en Drive, levamos a nosa música en Music, vemos vídeos en YouTube e planificamos as nosas viaxes en Maps... tamén somos (éramos?) moitos os que empregabamos Reader como ferramenta de traballo a diario, como O Agregador de Feeds, en maiúsculas e negriña.

Somos moitos os que onte levamos a labazada do cese de actividades deste servizo, que malia existir alternativas igualmente válidas, tiñamos xa todo ben organizadiño aló e, para que dicilo doutra maneira, estabamos acostumados a empregar a ferramenta desde os seus comezos.

Pero, por que Google decide pechar Reader? É obvio que as explicacións que nos deron non resultaron  en absoluto convincentes, mais tamén é certo que Google adoita traballar así cando lle dá o arrouto, entrando coma elefante nunha cristalería. Para exemplo temos o defunto Wave, un produto que para  min era tremendamente útil e que pasou a mellor vida como hoxe Reader, cun anuncio sorpresa.

Pero... e se acontece con Reader que pasou con Google Wave? Lembro como a miña mágoa inicial fora desaparecendo ao descubrir como as diferentes utilidades coas que contaba Wave foron implementándose en Google Docs, agora transformado en Google Drive.

É certo que Google leva tempo traballando a política de unificar servizos, algo que ben xestionado pode resultar tremendamente positivo. Volvendo ao exemplo de antes, coido que a integración do disco duro virtual Drive con funcionalidades de xestión de documentos (antigo Google Docs coas opcións portadas de Wave) mellorou a experiencia de usuario. Ou o tan rumoreado servizo unificado de mensaxería, que poña fin ás 4 ferramentas que hoxe en día ten distribuídas (Talk, Voice, Messenger e Hangouts), tamén debería ser moito máis interesante e atractivo.

Se así fose, o cambio podería chegar a ser menos traumático; pensemos que tamén está Currents, o lector que non foi publicitado en exceso e ao mellor miran de dar unha sorpresa por ese lado. Quero pensar que en Mountain View pararon a pensar no que facían antes de tomar unha decisión que afecta a tanta xente que traballa día a día cos seus produtos.

Só o tempo, que cura todo, poderá dicirnos se efectivamente a decisión de Google foi acertada e camiñamos cara unha nova (ou diferente) Internet onde se traballe coas fontes de información doutro xeito ou se, polo contrario, estamos ante un novo EPIC FAIL do xigante de Internet.


Comezo a escribir este post nun tren. Sen embargo, as posibilidades de que o poida chegar a publicar desde o mesmo son practicamente nulas. Imaxino a algúns que me coñecedes pensando 'comooorrr? pero se hai "Internet everywhere"! non es un rapaz conectado?'

Síntoo. It was my fault... quizais debera ter comezado cun "Ola, son Iago e vivo en Galiza". De seguro que así moitas e moitos de vós xa me entenderíades.

Como dicía, collín o tren ás 7.20 horas. Semellante madrugón non me permitiu levar a cabo a miña habitual rutina de almorzo, consulta de correo electrónico pendente, lectura da prensa diaria, etcétera. Pensei en aproveitar o traxecto en tren entre Cabanas e A Coruña para ir facendo iso, consciente das dificultades. Pero, por intentalo que non quedase.

Como podedes imaxinar, o que aconteceu foi o que acontece sempre que viaxas por Galiza: ráfagas de conexión e desconexión que desesperan e que, aínda por riba, son mortais para a duración da batería dos teus gadgets.

E é que cando viaxas por Galiza descubres que a cobertura móbil nas principais arterias de comunicación é, digámolo claro e sen tabúes, unha merda espichada nun pau. Dá igual que te movas pola AP9 (principal arteria de comunicación por estrada), polo Eixo Atlántico de Alta Velocidade (principal vía de comunicación ferroviaria) ou por calquera outra liña férrea. Atoparaste con que, cando estás preto (moi preto) de núcleos de poboación importantes terás 3G (con moita sorte a evolución mais rápida HSPA/HSPA+) e no resto GPRS ou, simplemente, a nada.

Haberá quen diga que "GPRS é conectividade". Si, máis eu lle engadiría aquilo de "limitada ou nula", porque, sinceramente, esperar medio minuto para cargar unha foto subida a Twitter ou máis de un para que cargue a web dun xornal non é conectividade.

Todo mellorará co 4G...

Correcto. Temos unha nova tecnoloxía por despregar, o LTE/4G. Polo de agora en España hai probas piloto nunhas poucas cidades, polo que a súa implantación vai levar anos (sobre todo tendo en conta a crise e todo iso).

O 4G véndese como "a solución para chegar a todos os recunchos con alta velocidade, incluso aos lugares onde non se pode chegar con conexións fixas". A pregunta é: cando?

De varias conversas que tiven con responsábeis de diferentes operadores saquei a mesma conclusión: as prioridades son sempre as cidades, onde está o "nicho de clientes" (que mal me soa ese termo...). E logo, o resto. Como foi sempre, vamos.

Os que agora poden gozar de conexións de 100 ou 200 Mbps (cando se faga o despregamento de 4G pode que xa teñan posibilidade de contratar 1 Gbps) terán acceso antes a conexións móbiles de até 100 Mbps en 4G. O resto, os que teñen acceso por Internet fixo a 1 Mbps (con sorte 3 ou 6) seguirán disfrutando de GPRS. Vamos, que a fenda dixital será cada vez maior.

Neses momentos é cando máis me acordo nese modelo de iPhones gratis, no que os clientes esixen terminais gratuítos (polos que logo acaban pagando moito máis, pero iso é outro tema...). Ese vicio creado polas operadoras, aumentado polos clientes, que fai que grandes operadoras como Vodafone invertise a mesma cantidade de cartos en subvencións ca en rede, cando queda tanto, tanto, tanto por mellorar.

Queremos pois, supersmartphones sen cobertura? Eu, desde logo, non.

Imaxe: Desmotivados
Non hai moito tempo enterábamonos dunha nova bastante boa para os usuarios das compañías de telefonía móbil (debera dicir para todo o mundo?): a Comisión Europea propuña a eliminación das tarifas de roaming, é dicir, manter as tarifas do país de orixe nas viaxes pola UE.

Esta proposta europea vai na liña da xa iniciada coa limitación do prezo/minuto que xa se está a aplicar, ou a unificación das tarifas de sms dende o extranxeiro, que quedaron en 11 cént, o que fai que usuarios de certas compañías españolas paguen menos por enviar sms dende o extranxeiro ca cando fican no Estado español.

Mais hoxe enterámonos de que as operadoras non están a encaixar moi ben esta modificación das condicións, e xa se fala dun encarecemento das tarifas 'nacionais' para contrarrestar (ler isto).

E eu digo. Máis?

Até non hai moito as tarifas de referencia das compañías españolas era de arredor de 20 cént/min e non foi até a chegada dos OMV con prezos nunca vistos (falamos de 8, 6, 5 e mesmo 4 cént/min) cando o panorama comezou a mudar.

E se por algo se caracterizaron - e caracterizan - as compañías españolas é polos seus prezos excesivos, en comparanza co resto de compañías europeas, cuxos servizos, alén de ser mellores, son máis baratos.

É certo que as operadoras deberán seguir pagando ás do país de destino cando os seus clientes viaxen fóra. Pero tamén recibirán clientes doutros países e ingresos por ilo, o que compensa unha cousa pola outra. En fin, que estamos diante doutra estúpida desculpa para subir os prezos. Así imos.
O XXIV Encuentro de las Telecomunicaciones que se está a celebrar estes días en Santander, deixounos na súa primeira xornada interesantes reflexións sobre as previsións do futuro deste sector en auxe.

O primeiro día veu marcado pola comparecencia de Julio Linares, Conselleiro Delegado de Telefónica, que comentou que o "modelo actual de Internet non é sostíbel" e deixou caer a intención da compañía de pór fin ás tarifas planas ilimitadas e de facer pagar máis a quen máis as use. Como ben apunta Luís no seu post E queren que paguemos máis, resulta satírico que este home se queixe porque o cliente faga uso lexítimo do que ten contratado, e se é unha tarifa plana ilimitada poderá descargar todo o que lle veña en gana, só faltaba. E por poñer un exemplo máis aos sinalados por Luís, é como se vas a un buffet como todo o que queiras e paga 10 € e ao saír dinche que comiches moito, e que tes que pagar máis. Non, non funciona así.

O que para min resulta máis patético é que estas declaracións veñan de onde veñen, da operadora que presume de ter un maior número de clientes (lembrades o falso - colla por onde se colla - como somos más, pagamos menos?). Iso si, canto menos invirta neles, mellor. Senón, como se entende que non teñan a mellor rede de datos que ofrecerlles, nin cableada nin móbil? Quizais deberan plantexarse deixarse de mercar Tuentis e regalar iPhones e investir en mellorar a calidade dos seus servizos.

Mais o Encuentro contou ademais con outras presenzas destacadas, como a de Reinaldo Rodríguez, Presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, quen criticou dunha banda as exquisiteces de Apple cos seus novos trebellos (iPhone4, iPad) e a necesidade de que conten cunha microsim (ver post en Mallando na e-ira sobre as SIM), feito que rompe coa convivencia e universalidade coa que naceu o servizo de telefonía móbil e, doutra banda, as dúbidas sobre o debate da neutralidade da rede.

Finalmente, unha das conferencias "profuturo", foi a de Johan Andsjö, Conselleiro Delegado de Yoigo, quen falou fondo da experiencia da súa filial TeliaSonera no despregamento da rede 4G/LTE en Suecia e as intencións da compañía de comezar canto antes co despregamento da rede no Estado español. Ademais, sobre esta tecnoloxía apuntou que resulta 4 veces máis rápida cá 3G e cun coste de infraestrutura moito máis baixo: 8 veces inferior.

Tamén criticou Andsjö o spam telefónico do tipo vente a Fruitimóvil y te regalamos 1 teléfono buenísimo, algo que Yoigo rexeita totalmente.

Veremos que nos depara o resto do ciclo de conferencias.
Que é: Xeolocalización
A xeolocalización é un termo que fai referencia a coñecer
a nosa ubicación xeográfica automaticamente.

Que é: Foursquare
Rede social na que os usuarios comparten a súa posición
en lugares de interese e opinan sobre eles

Dun tempo a esta parte falamos moito de xeolocalización e evolucionamos do sonado que está a pasar ao onde está a pasar. Damos por feito e natural que no gadget do tempo do noso móbil apareza a climatoloxía do concello no que nos atopamos, ou que cando no noso terminal buscamos en Google a palabra gasolinera aparezan entre as primeiras opcións as que temos máis preto e non unha situada no centro de Roma, por pór un exemplo.

Todo isto é grazas á xeolocalización, que moitos sinalan coma a fin da privacidade. Eu rexeito de pleno esta idea, porque o usuario sempre pode decidir cando, como e con quen quere compartir a súa posición.

O caso de Foursquare

Como adiantaba, Foursquare é un exemplo dunha rede social na que os usuarios comparten información sobre a súa posición nun lugar de interese, que pode ser un negocio, un centro de estudos, unha paraxe natural... e milleiros de cousas máis.

O seu funcionamento é moi sinxelo. Cando chegas a ese sitio, fas un check-in (confirmas que estás alí). Ademais, podes deixar opinións do lugar ("Bo lugar para tomar un licorcafé con vistas ao Eume"). Segundo vas facendo check-in, vas gañando badges, un xeito de premiar a túa actividade na rede social. O que máis check-in fai nun determinado lugar, convírtese en Alcalde.

Para os establecementos, os check-in de Foursquare son publicidade gratuíta, mais non ten por que ser positiva. Neste sentido, nas grandes metrópoles, certos establecementos coma Starbucks [tamén comeza a haber exemplos no Estado, como é o caso de Telepizza], ofrecen descondos aos seus alcaldes ou simplemente a calquera usuario que compara a súa posición no local.

Futuro da xeolocalización

Sen dúbidas, o futuro deste servizo virá ligado ao desenvolvemento de ferramentas capaces de explotalo, mais non cabe dúbida que é un terreo frutífero e que pode traer moitas vantaxes para os usuarios, sempre e cando o usemos con cabeciña.
Non vos deixedes enganar polo título. Non estou a falar da omnipresente crise económica, que non sei que tal lle vai a Google neste eido, senón a unha hipotética crise - cicais o termo é algo excesivo - no que ten a ver coas ideas rompedoras que ten, cos produtos que ofrece.

Primeiro foi Google Vídeo. Malia que este proxecto era en moitos aspectos superior a YouTube, foi incapaz de acadar un éxito semellante ao popular portal de vídeos online, o que o levou a frear o seu proxecto propio e investir na compra de YouTube.

Logo veu Google Wave, unha idea innovadora para o traballo en equipo - ferramenta que, por certo, a min ségueme a parecer caralluda e uso con frecuencia - que non acadou o éxito nin o uso que agardaban, o que levou a Google a paralizar o proxecto esta mesma semana.

Que pasará con Google Buzz? Malia forzar aos usuarios a ter o novo servizo, incluíndoo no Gmail de serie, creo que chega nun momento tardío, no que xa existen outras ferramentas - léase, Twitter - cunha forte implantación, polo que pode que esteamos a vivir a crónica dunha morte anunciada.

Outro dos non-acertos de Google foi o modus operandi na venda do Nexus One. Pretenderon revolucionar o mercado vendendo o terminal directamente e liberado; o pouco nível de vendas obrigounos a replantexarse esta estratexia, obtando finalmente por botar o peche á tenda en liña creada para tal fin e chegando a acordos con operadoras para a súa venda (que non puxeron fin á súa produción, como se rumoreu por Internet froito dunha mala tradución do inglés).

Con estes datos, formúlome un par de preguntas: non nos interesa o que nos ofrece Google? Vai Google máis rápido que a sociedade?
'Aprovecharé la Presidencia de turno de la Unión para levantar el veto a ASTANO'. Así de fachendoso amosábase ZP preguntado en Madrid polo deputado do BNG, Francisco Jorquera. Ilusos de nós que inda gardabamos algunhas esperanzas! Pois non vai ser. Mais unha vez vemos como o barco do PSOE, con base nalgún despacho madrileño e Zapatero por patrón, dálle ás costas á nosa comarca e cambia de rumbo cara outros mares. 'O tempo pasa e non pasa nada', que dicía a canción.

Que lle importa a ZP o grande apoio social á Iniciativa Lexislativa Popular? Que lle importa que a mocidade desta comarca estea a emigrar por falta de emprego? Nada. É que o PSOE está moi ocupado nun bis a bis co PP, que hai eleccións preto e o talante non dá votos cando afoga a crise. Neste escenario, que importan os da esquiniña do noroeste?

Non hai Plan E para nós. As instalacións que noutrora servían para construír algunhas das maiores e máis avanzadas plataformas pretrolíferas fican hoxe paralizadas, enferruxándose, relegadas a reparacións menores por mor dun veto inxusto e inxustificábel, que non busca máis que confinar ao estaleiro fenés á súa desaparición, quen sabe con que intereses.

Mais non nos enganemos, non todo a culpa é do PSOE-patrón. Os contramestres CC.OO. e UXT, cos seus silencios cómplices, non fan máis que axudar a afundir o noso futuro, e temos agora na nosa man a oportunidade de impedírllelo.

Por todo iso, Galiza Nova vai estar presente na manifestación convocada por Rumbo21 para o próximo 27 de marzo, defendendo o sector naval, e defendendo tamén o dereito das mozas e mozos de poder traballar na comarca, construíndo barcos, como os nosos pais e avós.

(*) Iago Varela Martínez é Responsábel Comarcal de Galiza Nova
Parece que a tomou con nós. A impresentábel de Rosa Díez, esa tipeja que xa nos ten acostumados a recibir insulto tras insulto, volveu ás súas.

Non lle chega con insultar a riqueza cultural dos diferentes pobos que formamos parte do Estado español. Non. Para ela só existe a idea da España unha e grande - quizáis tamén libre? - e fíxose ben famosa coa súa idea da Gran Nación Española e defensora do español, ese idioma en perigo de extinción na Galiza, Euskadi e Catalunya.

Pero os insultos desta fulana - no sentido máis pexorativo da palabra - contra Galiza e o seu pobo van máis aló. Hai uns días dicía que Feijóo era muy gallego, en el sentido más peyorativo de la palabra, afirmación que reafirmou ao falar de Zapatero e Rajoy nunha entrevista no programa Hoy, de Iñaki Gabilondo.




Para min, tan recriminábel é a súa actitude como a do entrevistador. Gabilondo, o xornalista que sempre - que lle interesa - pon os puntos sobre os íes, que non ten pelos na lingua para recriminar a quen sexa calou, facéndose cómplice co seu silencio da estupidez de Rosa Díez.

Paréceme unha actitude decepcionante e lamentábel, por parte de Gabilondo. En fin, isto é o que temos, e polo que hai que seguir loitando día a día. Parece mentira.

Podedes ver a entrevista completa aquí: Parte 1 Parte 2 Parte 3
Por moito que Alberto Núñez Feijóo queira convencernos do contrario, Galiza é potencia.


Froito dunha explicación que tivemos hai uns días nunha clase plantéxome a seguinte pregunta: está a televisión acabada?

A verdade é que é unha cuestión de non moi doada resposta, porque entran en xogo multitude de factores. Se ven é certo que as cotas de share son cada día máis baixas.

Os factores deste descenso son moitos: o aumento de canles, sobre todo agora coa chegada da TDT, a excesiva publicidade... mais sobre todo Internet. Hoxe en día é máis que habitual que unha persoa busque en Internet a súa serie favorita e use unha das múltiples plataformas de visión online (as webs das propias canles de tv ou outras alternativas) ou decida descargala ao seu ordenador para vela noutro momento ou pasala a un disco duro dixital e ver así o programa en cuestión a través do seu aparello de televisión.

E que vantaxe ten iso? Pois que podemos ver o que queremos cando queremos e sen publicidade. Abondo non?

É obvio que o modelo de negocio das televisións estase desmoronando: a xente fuxe cara Internet --> Menos share --> Menos anunciantes --> Menos ingresos --> Máis anuncios "low cost" --> Telelixo.

E que fan mentres as corporacións televisivas? Criticar Internet. Cando sae Internet nos telexornais? Cando se fala dos perigos das redes sociais, da indefensión dos menores, da pornografía e pederastia, do sinxelo que resulta mercar medicamentos...

Vós oídes algo bo de Internet na televisión?
Poucas veces na historia - se me apurades, ningunha - un goberno dun País fixo todo o posíbel por relegar o idioma propio do mesmo a un segundo plano.

Asemella que aquel dito de Galiza is different faise realidade na nosa Nación, xa que dende que o Sr. Feijóo e a súa tropa aterraron na Xunta as medidas antigalegas cóntanse por moreas. Mais non só na Xunta, tamén a través da Deputación de Pontevedra, subvencionando actividades de Galicia Bilingüe nas que só contaron con expertos da opresión lingüística en Catalunya e Euskadi.

Por iso é importante que este domingo 18 todos e todas fagamos un esforzo por achegármonos a Compostela, por apoiar a manifestación convocada por Queremos Galego e por berrarlle a este goberno que defenderemos o noso dereito a vivírmonos en galego, porque nos gosta, porque nos peta e porque nos da a gana.
Un pouco na liña do que escribía onte, hoxe atópome con estas tres propostas de logos alternativos.... para que poidan escoller ben:

É habitual cando hai un cambio de goberno, deixar pasar os 100 días de rigor, para poder entrar a valorar o cambio. E é neses primeiros 100 días cando o novo goberno soe botar man dunha "medida estrela" para lucirse e non desanimar ás e aos votantes que lle outorgaron a responsabilidade de levar un País.

No caso de Galiza, os 100 primeiros días foron bastante representativos. para demostrar que temos un goberno que vive da propaganda a bombo e platillo (amplificada por medios de comunicación fieis ao réxime) e da improvisación.

De seguro que unha das actuacións máis polémicas do goberno Feijóo é a que ten a ver coa lingua. Quedarán para a historia as actuacións retrógadas dun goberno galego que pretende aniquilar o noso idioma, ben sexa nas oposicións, ben sexa no sistema educativo.

Mais, con toda a relevancia que isto ten, non foi o único asunto chave destes primeiros 100 días. Falemos do reparto eólico. Despois dunha dura campaña na que acusaron ás consellarías nacionalistas, ao coller o goberno dixeron que o decreto eólico, que lembremos repartía a concesión e non monopolizaba, non era tan malo... agora resulta que si que o era e derrógano como quen mata unha mosca.

Pero quizáis o xesto máis estúpido da era Feijóo fora a propaganda sobre os coches oficiais. Que se amoso os coches, que se os poño á venda, que se xornadas de portas abertas para posíbeis compradores... unha cousa tan pouco seria para un goberno democrático...

E o que pasou coa cunca do Sil? O BNG visita as obras e denuncia o estropicio medioambiental e a Xunta négao. Dous días despois, os técnicos da Xunta tamén o denuncian...

Xa non falemos de Sanidade, onde a xestión para o novo hospital de Lugo e para o de Vigo pretenden que pase a mans de fundacións, como no final da era Fraga. Lembremos que o bipartito tivo que recuperar o que cedera o presidente honorífico do PP a mans privadas, ao s modelos Esperanza Aguirre e Camps, ambos os dous os máis deficientes do estado.

En fin, que podemos agardar deste goberno? Só pasos atrás.
A miña última viaxe a Catalunya, a semana pasada, serviume para decatarme de que é un país bastante normal, no que se quere e respeta á súa lingua nacional.

En Galiza non. En Galiza, falar galego non está ben visto, e menos aínda que a publicidade das marcas "importantes" estea en galego... en Catalunya acontece todo o contraro: as publicidades de grandes empresas como Vodafone, Movistar, KFC, McDonals... estaban en catalán. Pero tamén os cataces que indicaban espazos dispoñíbeis para publicidade, as farmacias, os menús...

Sen embargo, o que máis me chamou a atención foron os bancos e caixas galegos. O "Banco Gallego", que nin sequera ten a súa web no noso idioma, tiña aló todas as publicidades en catalán, ao igual que Caixa Galicia. Esta última conta tamén cun publicidade no aeroporto de Santiago de Compostela, iso si, en castelán, que en Galiza non entendemos o noso idioma.

Será algún día normal neste país que nos ofrezan servizos de móbil, con b, hamburguesas con queixo, ou contas de aforro, con f?Aprenderemos os galegos a respetarnos a nós mesmos ou falaremos de imposicións?

Sen dúbida un goberno que aposte e crea nas nosas posibilidades pode conseguilo. O noso? Sinceiramente, non.
Xa non é a primeira vez que me permito escribir referencias no blogue a propósito das actitudes que as compañías de telecomunicacións, especialmente as que dan servizo de telefonía móbil, teñen cara os seus clientes.

A chegada dos OMV (Operadores Móbiles Virtuais) vendéusenos como a panacea: o grande aluvión de compañías de nova creación faría aumentar a competencia e descender notabelmente os prezos de servizo. Sen embargo, para daquela, os OMR (Operadores Móbiles con Rede, é dicir, Vodafone, Movistar, Orange e Yoigo) xa tiñan unha carteira de clientes bastante estábel e unha capacidade de acción importante.

Cómpre dicir que existen dous tipos de OMV.:

Dunha banda están os denominados OMV-completos, que teñen os seus propios centros de conmutación e todos os elementos de rede agás o acceso de radio, o que lle permite ser absolutamente independente do OMR que lle aluga o segmento de radio. Neste grupo atópanse R-móbil, DIGI.Mobil, Fouyou.com, Flipamovil, Euskaltel, Telecable, British Telecom, Simyo, Jazztel Móvil, Kuile Mobile.

Por outro lado, o outro tipo de OMV son meros revendedores. É dicir, mercar unha cantidade X de minutos ou sms á operadora coa que operan. Ao mercar unha cantidade grande esta ofrécelle un prezo máis económico, polo que eles revenden eses minutos ou sms a un prezo sensibelmente inferior ao habitual. Deste outro grupo forman parte Sweno, Lebara, Eroski Móvil, PepePhone, Hits Mobile, Midas Mobile, Ventaja Móvil, Carrefour Móvil, Día Móvil, Happy Móvil, Cable Móvil, Másmóvil, Bankinter, Euphony, Talkout, MundiMóvil, XL móvil, Blau, Hablafácil e Hong Da.

Pero como dicía antes, os OMV inda non acabaron de despegar, pois inda que ás veces ofrecen prezos realmente interesantes (mensaxes por baixo dos 10 céntimos...), o certo é que inda non ofertan ocpións de aforro (módulos para falar cos amigos (tipo Qtal de Vodafone), coa parella (A2...) ou coa familia (Módulo Familiar etc...), o que non os fai atractivos para xente que use bastante o móbil neste sentido.

A entrada en vigor o pasado 1 de xullo da normativa europea que limita o prezo das sms enviadas en Roaming (itinerancia, é dicir, usando o móbil no extranxeiro) a 11 céntimos de euro, deixou en evidencia unha incongruencia de grande relevancia: como é posíbel que Vodafone, Movistar ou Orange sigan mantendo o prezo das mensaxes dentro do Estado español a 15 céntimos?

É dicir, pagaremos máis enviando unha sms aquí que no extranxeiro, cando neste último caso a nosa operadora terá que pagarlle á operadora extranxeira unha certa cantidade porque nós esteamos a usar unha rede que non é a nosa propia. Resulta cando menos curioso.

Buscando unha imaxe coa que ilustrar a miña entrada de hoxe, vin unha cuxo nome me deu a idea para o título deste post: o PSOE derrapa.

Despois da resaca electoral, na que os resultados non foron tampouco bos para os "socialistas", andan todos percorrendo os medios de comunicación botándolle a culpa ao BNG. Comezou Touriño, no seu discurso de demisión dicindo que o BNG era "un lastre". Pero non foi o único, nin moito menos. Pepiño Blanco, a man dereita de Zapatero que estivo por Galiza durante toda a campaña, dixo pasadas as eleccións que "o BNG estaba botado ao monte" e que por Madrid non tiñan nin idea de "toda a responsabilidade que tiña o BNG" nin "do concurso eólico". E tamén Méndez Romeu...

Penso que o problema dos "sociolistos" é que se deron conta, agora, tarde, de que o verdadeiro motor do goberno galego foi o BNG. O BNG non foi durante os catro anos de goberno lastre de ninguén, máis ben todo o contrario. O BNG foi quen de aplicar medidas transformadoras, non seguir a liña continuista que demostraron as consellarías do PSOE. Aí está o problema.

Pero claro, xa sabemos que o PSOE ten dúas caras, e "donde dije digo, digo Diego". Así, o alcalde de A Coruña, Javier Losada, xa quere que A Coruña sexa "La".

En fin, as culpas, do BNG.

Dicía Castelao, no seu Sempre en Galiza aquilo de que o pobo é somentes soberán o día das eleccións.

Galiza falou, Galiza votou. E votou polo cambio (cambio ao de sempre, pero cambio). Tres anos e medio despois de que o pobo galego mudase o ritmo deste País, impulsase o desterro dos gobernos rancios de Fraga e impulsase tamén un goberno que logrou situar á nosa nación nas políticas de vangardas, o mesmo pobo di agora que non. Que non quere seguir afondando na transformación das bases que sempre rixiron o funcionamento das cousas en Galiza.

Será certo entón o que se di de que a sociedade galega quería máis cambios? Eu non mo creo, porque senón non voltaría o PP. Din que os que houbo foron lentos... claro, tiña que ser así. Botar abaixo un réxime non se fai en dous días. Tres anos e medio só serviron para sentar as bases, mais era preciso unha nova lexislatura para que fosen visíbeis.

A conclusión, a grandes rasgos, que podo tirar de todo isto é que quizais Galiza, a sociedade galega, non sexa tan progresista como a moitas e moitos nos gustaría. Inda está moi arraigada a tradición, a tradición política claro. E iso non se muda en catro anos.

Porén, só queda agardar. Pregúntome que terá preparado o PP e Feijóo para Galiza. Se nos fixamos na campaña electoral só podemos quedarnos con 'regresos ao pasado': fin das Galescolas, fin do decreto eólico que beneficia a Galiza? Eu non oín propostas, só mentiras, insultos, descalificacións... fronte ás iniciativas concretas do BNG.

En fin, a ver que pasa. É o que nos toca.



Se por algo se caracterizou esta campaña que hoxe rematamos é pola mentira tras mentira do Partido Popular, amplificados por 'La voz de Galicia'.

Os populares comezaron as súa suxa campaña incluso antes da pegada de cartaces, pondo sobre as bandeirolas electorais outras 'propias' que descalificaban ao resto de candidatos. Pero aquilo só foi o comezo... segundo foron pasando os días o PP foi aumentando máis e máis a súa campaña difamatoria, mesmo inventando un accidente de tráfico de Anxo Quintana para que a xente non asistise ao acto previsto en Santiago.

Dende 'La voz de Galicia' adicáronse a criticar, descalificar e difamar sobre o candidato nacionalista. É máis, censurando información. Por que non publican hoxe, como fai El País, que cobraron preto de 100.000 euros da Xunta a catro días das eleccións do 2005 para falar ben do Instituto da Vivenda, que dependía directamente de Feijóo?

Por que no canto de informar sobre as políticas tansformadoras que o BNG impulsou e as que presentou para esta campaña se adicou a difamar?

Por que non lle preguntou a Feijóo a quen pensa darlle as concesións do vento se bota por terra o concurso eólico (un concurso por vez primeira transparente e no que o 14% dos beneficios son para Galiza, mentres antes non víamos un peso... un concurso que reparte a concesión entre 29 promotores, evitando concentracións monopolistas...)?

Por que non lle preguntou que vai facer coas traballadoras e traballadores e cos meniños das Galescolas se cumpre a súa ameaza de botarlles o peche?

Por que non lle preguntou sobre a creación das fundacións sanitarias, que houbo que volver meter na rede pública? Ou do que fixo cando tiña responsabilidades en Correos?

Contestémoslles ao PP e a La voz o domingo, nas urnas. Enchéndoas de votos ao BNG, para poder seguir avanzando en servizos públicos, en prestacións sociais, en mocidade.

Ánimo, falta pouco. Vota BNG.

Déixovos hoxe un artigo que escribín a propósito da apertura dun novo centro da rede Quérote en Ferrol, epicentro das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal.

En Galiza, a palabra 'Quérote' ten xa múltiples acepcións. Alén dunha expresión agarimosa, para a mocidade galega significa tamén 'información, asesoramento' e en clave política 'éxito'.

A apertura dun novo centro da rede afectivo – sexual Quérote en Ferrol, iniciativa posta en marcha dende a Dirección Xeral de Xuventude (dependente de Vicepresidencia), mostra a consolidación dun proxecto ambicioso de achegar á mocidade galega a sexualidade dunha maneira atractiva, sen tabús e, obviamente, confidencial.

Remataron pois os tempos nos que a mocidade tiñamos medo de preguntar as nosas dúbidas, nos que falar de masturbación ou métodos anticonceptivos acendía nas nosas facianas un chisco de vergoña… a sexualidade é algo natural e inherente ao ser humano; grazas a Quérote, as mozas e mozos de Ferrolterra poderemos gozar dela con información e seguridade.