Expandir contido

Conectividade limitada ou nula



Comezo a escribir este post nun tren. Sen embargo, as posibilidades de que o poida chegar a publicar desde o mesmo son practicamente nulas. Imaxino a algúns que me coñecedes pensando 'comooorrr? pero se hai "Internet everywhere"! non es un rapaz conectado?'

Síntoo. It was my fault... quizais debera ter comezado cun "Ola, son Iago e vivo en Galiza". De seguro que así moitas e moitos de vós xa me entenderíades.

Como dicía, collín o tren ás 7.20 horas. Semellante madrugón non me permitiu levar a cabo a miña habitual rutina de almorzo, consulta de correo electrónico pendente, lectura da prensa diaria, etcétera. Pensei en aproveitar o traxecto en tren entre Cabanas e A Coruña para ir facendo iso, consciente das dificultades. Pero, por intentalo que non quedase.

Como podedes imaxinar, o que aconteceu foi o que acontece sempre que viaxas por Galiza: ráfagas de conexión e desconexión que desesperan e que, aínda por riba, son mortais para a duración da batería dos teus gadgets.

E é que cando viaxas por Galiza descubres que a cobertura móbil nas principais arterias de comunicación é, digámolo claro e sen tabúes, unha merda espichada nun pau. Dá igual que te movas pola AP9 (principal arteria de comunicación por estrada), polo Eixo Atlántico de Alta Velocidade (principal vía de comunicación ferroviaria) ou por calquera outra liña férrea. Atoparaste con que, cando estás preto (moi preto) de núcleos de poboación importantes terás 3G (con moita sorte a evolución mais rápida HSPA/HSPA+) e no resto GPRS ou, simplemente, a nada.

Haberá quen diga que "GPRS é conectividade". Si, máis eu lle engadiría aquilo de "limitada ou nula", porque, sinceramente, esperar medio minuto para cargar unha foto subida a Twitter ou máis de un para que cargue a web dun xornal non é conectividade.

Todo mellorará co 4G...

Correcto. Temos unha nova tecnoloxía por despregar, o LTE/4G. Polo de agora en España hai probas piloto nunhas poucas cidades, polo que a súa implantación vai levar anos (sobre todo tendo en conta a crise e todo iso).

O 4G véndese como "a solución para chegar a todos os recunchos con alta velocidade, incluso aos lugares onde non se pode chegar con conexións fixas". A pregunta é: cando?

De varias conversas que tiven con responsábeis de diferentes operadores saquei a mesma conclusión: as prioridades son sempre as cidades, onde está o "nicho de clientes" (que mal me soa ese termo...). E logo, o resto. Como foi sempre, vamos.

Os que agora poden gozar de conexións de 100 ou 200 Mbps (cando se faga o despregamento de 4G pode que xa teñan posibilidade de contratar 1 Gbps) terán acceso antes a conexións móbiles de até 100 Mbps en 4G. O resto, os que teñen acceso por Internet fixo a 1 Mbps (con sorte 3 ou 6) seguirán disfrutando de GPRS. Vamos, que a fenda dixital será cada vez maior.

Neses momentos é cando máis me acordo nese modelo de iPhones gratis, no que os clientes esixen terminais gratuítos (polos que logo acaban pagando moito máis, pero iso é outro tema...). Ese vicio creado polas operadoras, aumentado polos clientes, que fai que grandes operadoras como Vodafone invertise a mesma cantidade de cartos en subvencións ca en rede, cando queda tanto, tanto, tanto por mellorar.

Queremos pois, supersmartphones sen cobertura? Eu, desde logo, non.

Imaxe: Desmotivados