#SOSFragasDoEume: Relato dun "Enmeigado polas Frondosas"
Hai lugares máxicos. Recoñécelos porque a primeira vez que vas a eles cautívante sen que tan sequera chegues a darte conta. E unha vez que iso pasa, non tes nada que facer.
Mentiría se dixera que recordo a miña primeira visita ás Fragas do Eume, pero supoño que foi de moi pícaro. E é que os meus pais tamén están envoltos nesa maxia do bosque atlántico que compartimos Cabanas, A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume. De feito, as fotos da súa voda foron tomadas nas Fragas. Non sei, que eu non casei, pero penso que cando escolles o lugar para unhas fotos que marcan unha data importante na túa vida vas a un sitio especial.
A min as Fragas cautiváronme. Maxicamente. Sen tan sequera darme conta. Sen ser capaz de dicir cando foi. Pero cautiváronme. E agora son un máis deses enmeigados polas Frondosas, como cariñosamente lle chamamos os galegos ás nosas Fragas. Un máis dos que cada vez que nos adentramos nelas marabillámonos, deixámonos levar polos seus sendeiros e nos abraiamos ao descubrir cada vez unha cousa nova, unha sensación indescriptíbel e non explicábel para alguén que non teña estado aló.
As Fragas son un orgullo colectivo, un as na manga para todos os enmeigados que vivimos na comarca do Eume. Sabemos que cando alguén de fóra nos di que ten un lugar máxico que amosarnos nós temos outro que estamos ansiosos por descubrirlle.
Sempre quero levar á xente que quero ás Fragas, amosarlles o meu segredo, o lugar no que son capaz de desconectar do mundo. E sempre intento cautivar á xente coas palabras máxicas que alguén un día tivo a ben compartir comigo: Para. Cala. Pecha os ollos. Escoita. Abre os ollos.
Eu, como enmeigado, sei o que acontece nese momento. Éntrase nunha espiral de sensacións onde escoitas o percorrer dun río de augas frías e transparentes, sintes o zoar dunha brisa que comeza por acariciar as túas orellas e acaba por percorrer todo o teu corpo, ules o verde húmido das follas de milleiros de árbores, ves unha imaxe que quedará no teu maxín para toda a túa vida e saboreas a mellor sensación das imaxinábeis. Desde ese momento, os teus acompañantes serán outros enmeigados, coma ti.
O pasado sábado fun dar unha volta polas Fragas en bicicleta como tantas veces fixen, sobre todo dun ano a esta parte. Acompañábame outro enmeigado. Saímos do bosque máxico sen saber que dentro as cousas non ían ben. Non sería até chegar a Pontedeume cando vimos que detrás de nós había fume, que nun principio non soubemos identificar de onde viña pero que tardamos poucos minutos en descubrir.
Non son capaz de describir con palabras a tristura, a indignación ou a impotencia de non poder facer nada que me invadiu nas horas seguintes, a sensación de perda total. Foron días de estar pendente do que podía ver desde a relativa proximidade da miña casa e de seguir os acontecementos a través de #sosfragasdoeume (única forma de canalizar a información ante o silencio oficial), aínda que tomando os datos con cautela ante a intoxicación de información falsa que algúns usuarios introducían no fío.
Agora non hai lume e moitos políticos irán visitar as Frondosas sen empregar dez minutos a ficar parados, calados. Sen pechar os ollos, escoitar e volver abrilos. Sen ficar enmeigados. Sen entender nada, só para sacar unha foto con fondo verde aquí-non-pasou-nada.
Queda moito traballo por diante e vai levar moito tempo que as Fragas, as nosas Fragas, volvan relucir coma antes. Pero serán capaces de conseguilo, porque a natureza é sabia, aínda que ás veces a estupidez humana poida facernos crer o contrario.
*Imaxes: Luis e Carmen
Publicar un comentario