Foursquare e Estrella Galicia polo mundo
As galegas e galegos estamos orgullosos de moitas cousas: das nosas vilas, das nosas costas, dos nosos montes, das nosas tradicións... e tamén da nosa cervexa. E cando falamos da nosa cervexa falamos de Estrella Galicia.
Acaso non nos sentimos orgullosos cando viaxamos fóra e vemos que nun bar serven a nosa cervexa?
Por outro lado, falemos de Foursquare. Supoño que todos saberedes de que vai Foursquare, se non sempre podedes botarlle un ollo a este outro post que publiquei hai bastante tempo. Entre as cousas boas desta aplicación social están as listaxes de lugares, que nos facilitan as cousas cando andamos na procura de sitios ou recomendacións.
E que teñen que ver Foursquare e Estrella Galicia?
Pois que veño de poñer en marcha unha idea que levaba tempo a rondarme na cabeza: crear unha listaxe de lugares nos que se atopa Estrella Galicia fóra de Galicia; chámase Estrella Galicia fóra de Galicia (vamos! un aplauso á orixinalidade!). O feito de só pensar en lugares de fóra de Galicia é porque aquí é demasiado habitual atopala e sería cargar a listaxe en exceso.
Así que pídovos colaboración, para facer esa listaxe máis e máis ampla entre todos. Para comezar metín 84 lugares de todo o mundo (xa vedes que hai lugares en España, Estado Unidos, étc), vexamos cantos somos capaces de engadir entre todos.
Se che deixa editar a listaxe, engádeo ti mesmo. Se non podes poñer os sitios que coñezas e que non estean nesa listaxe nos comentarios ou facéndome unha mención no Twitter (@iagovarela).
Graciñas!
Publicar un comentario