Expandir contido
Mostrando entradas con la etiqueta natureza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta natureza. Mostrar todas las entradas
Gustavo Rivas, La Voz de Galicia
Raiba, tristura, indignación, impotencia... verbas que hai un ano definían os meus sentimentos cando, aínda enxugando as bágoas, parei a escribir o relato dun enmeigado polas Frondosas, un texto escrito cando as lapas estaban xa extintas pero as brasas aínda  mantiñan quente o terreo.

Xa pasou un ano desde aqueles fatídicos días, tempo que serviu para avaliar os danos causados polo maior incendio forestal que sufriu o Parque Natural das Fragas do Eume (750 hectáreas arrasadas polo lume segundo as cifras oficiais), mais tamén para dar por resolto o asunto como se resolven outras tantas cousas neste País: arquivando o caso, sen responsábeis materiais nin políticos, esquecendo.

Tempo que tamén tivo a tropa gobernante para facer, xa nos primeiros días, unha especie de tourné, ascendendo pola marxe do río desde o lugar de Nogueirosa até o Mosteiro de Caaveiro para tratar de amosar á sociedade unha falsa imaxe de normalidade. É certo que o incendio, por fortuna, non afectou ao mosteiro nin ás inmediacións da ponte e muíños do Río Sesín, espazos onde calquera enmeigado fica perplexo ante tal frondosidade e riqueza natural, onde a auga brota en manantiais inagotábeis que fan posíbel a vida en ducias de tons verdes.


Pero tamén é certo que reducir as Fragas do Eume ás inmediacións de Caaveiro é simplificar de máis, é amosar un descoñecemento total do territorio, da xoia natural que temos ao lado da casa. As Fragas son infinitos recunchos, infinitos lugares nos que perderse, marabillarse. As Fragas son matriz inagotábel de "momentos".

Logo do incendio púxenme como obxetivo afondar no meu enmeigamento, aventurarme a perderme polos diferentes camiños e vieiros para min descoñecidos do Parque Natural, tentar aprender onde leva cada un deles, descubrir novas paraxes... Se ben é certo que algo avancei neste cometido persoal, foi desde logo unha miguiña insignificante comparado co imaxinado, en parte debido á falta de tempo e á climatoloxía adversa, que tampouco axudou demasiado. Con todo, as miñas visitas ás Fragas aumentaron, seguramente o medo a perdelas fixo que a atración sexa hoxe en día maior do que era.

Confío en que o incendio teña servido para concienciar algunhas mentes sobre a importancia de protexer o noso medio. E confío tamén en ser capaz de, pasiño a pasiño, ir acadando o meu obxetivo persoal. Quen sabe? Pode que algún día os incendios sexan anécdotas de avós, de nós depende que así sexa.


*As imaxes, salvo a primeira de Gustavo Rivas, son todas propias, tomadas durante 2012 e o que vai de ano.

Hai lugares máxicos. Recoñécelos porque a primeira vez que vas a eles cautívante sen que tan sequera chegues a darte conta. E unha vez que iso pasa, non tes nada que facer.

Mentiría se dixera que recordo a miña primeira visita ás Fragas do Eume, pero supoño que foi de moi pícaro. E é que os meus pais tamén están envoltos nesa maxia do bosque atlántico que compartimos Cabanas, A Capela, As Pontes, Monfero e Pontedeume. De feito, as fotos da súa voda foron tomadas nas Fragas. Non sei, que eu non casei, pero penso que cando escolles o lugar para unhas fotos que marcan unha data importante na túa vida vas a un sitio especial.

A min as Fragas cautiváronme. Maxicamente. Sen tan sequera darme conta. Sen ser capaz de dicir cando foi. Pero cautiváronme. E agora son un máis deses enmeigados polas Frondosas, como cariñosamente lle chamamos os galegos ás nosas Fragas. Un máis dos que cada vez que nos adentramos nelas marabillámonos, deixámonos levar polos seus sendeiros e nos abraiamos ao descubrir cada vez unha cousa nova, unha sensación indescriptíbel e non explicábel para alguén que non teña estado aló.

As Fragas son un orgullo colectivo, un as na manga para todos os enmeigados que vivimos na comarca do Eume. Sabemos que cando alguén de fóra nos di que ten un lugar máxico que amosarnos nós temos outro que estamos ansiosos por descubrirlle.

Sempre quero levar á xente que quero ás Fragas, amosarlles o meu segredo, o lugar no que son capaz de desconectar do mundo. E sempre intento cautivar á xente coas palabras máxicas que alguén un día tivo a ben compartir comigo: Para. Cala. Pecha os ollos. Escoita. Abre os ollos.


Eu, como enmeigado, sei o que acontece nese momento. Éntrase nunha espiral de sensacións onde escoitas o percorrer dun río de augas frías e transparentes, sintes o zoar dunha brisa que comeza por acariciar as túas orellas e acaba por percorrer todo o teu corpo, ules o verde húmido das follas de milleiros de árbores, ves unha imaxe que quedará no teu maxín para toda a túa vida e saboreas a mellor sensación das imaxinábeis. Desde ese momento, os teus acompañantes serán outros enmeigados, coma ti.

O pasado sábado fun dar unha volta polas Fragas en bicicleta como tantas veces fixen, sobre todo dun ano a esta parte. Acompañábame outro enmeigado. Saímos do bosque máxico sen saber que dentro as cousas non ían ben. Non sería até chegar a Pontedeume cando vimos que detrás de nós había fume, que nun principio non soubemos identificar de onde viña pero que tardamos poucos minutos en descubrir.


Non son capaz de describir con palabras a tristura, a indignación ou a impotencia de non poder facer nada que me invadiu nas horas seguintes, a sensación de perda total. Foron días de estar pendente do que podía ver desde a relativa proximidade da miña casa e de seguir os acontecementos a través de #sosfragasdoeume (única forma de canalizar a información ante o silencio oficial), aínda que tomando os datos con cautela ante a intoxicación de información falsa que algúns usuarios introducían no fío.

Agora non hai lume e moitos políticos irán visitar as Frondosas sen empregar dez minutos a ficar parados, calados. Sen pechar os ollos, escoitar e volver abrilos. Sen ficar enmeigados. Sen entender nada, só para sacar unha foto con fondo verde aquí-non-pasou-nada.

Queda moito traballo por diante e vai levar moito tempo que as Fragas, as nosas Fragas, volvan relucir coma antes. Pero serán capaces de conseguilo, porque a natureza é sabia, aínda que ás veces a estupidez humana poida facernos crer o contrario.

*Imaxes: Luis e Carmen
Hai uns días visitei por vez primeira na miña vida un lugar ben bonito (e pódese dicir que non moi afastado da miña casa...): a fervenza do Belelle.

Os meus pais xa visitaran o lugar en numerosas ocasións e tíñanme dito moitas veces aquilo de que "hai que levarte un día"... pero xa sabedes, por unhas cousas ou outras a intención foi quedando no esquecemento.

Mais isto cambiou hai uns días: a visita da miña familia catalana fixo que nos achegásemos a ensinarlles ese pequeno tesouro situado entre os concellos de Neda e Fene. E vaia se pagou a pena!

Unha pequena camiñata (10-15 minutos) achéganos até a base da impresionante caída e transpórtanos a un espazo dunha beleza especial. Hai un roteiro que segundo indican nuns cartaces que hai pola zona leva sobre unha hora e vai cara a parte superior, non sei moi ben por onde nin o que se ve, pero a falta da indumentaria axeitada levounos a tomar a decisión de deixalo para outra ocasión (agardo que non dentro de moito...).

Podedes ver no meu Flickr algunhas fotos.

E neste vídeo que atopei no YouTube podédesvos facer unha idea do lugar:


Síntome realizado. Acabo de contribuír a facer de internet un lugar máis útil e interesante cunha pequena aportación de material fotográfico.

Non é que eu sexa un grande fotógrafo, que xa quixera. O que fixen foi darlle uso á miña conta de Panoramio, xa sabedes, o espazo de Google adicado a que as e os usuarios podiamos subir as nosas fotos e situalas nun mapa, que logo aparecerán no Google Maps e no Google Earth.

A miña modesta contribución suma imaxes das Illes Cíes (hai que dicir que algunhas bastante boas), de Cabanas (poucas imaxes situaba Google na actualidade...), do encoro do Eume, de Redes e da ría e porto exterior de Ferrol.

Haberá que agardar canto tarda Google en facelas visíbeis nos seus mapas! Mentres tanto, podedes velas na miña conta Panoramio.

[Ligazón]: As miñas fotos en Panoramio

Todo comezou cunha pregunta: e se imos facer algo de aventura en semana santa?

A partir de aí, veu unha segunda cuestión: e que facemos? Pola nosa cabeza pasoúsenos hydrospeed, kayak, barranquismo... pero definitivamente decidímonos por sumerxirnos no rafting.

O seguinte paso foi procurar unha empresa que se adicase a iso. En Galiza hai unhas cantas; tras navegar polo río da Internet, contactamos cos servizos que ofrece Viajes Tambre. E aló fomos, decididos a poñernos en marcha Carmen, Álex, Adrián, Cristina e eu.

Así que onte á mañá collemos o coche rumbo a Padrón, onde procuramos por un sitio onde xantar a bo prezo.

Para facer tempo despois de encher o estómago, decidimos que, de estar en Padrón, habería que ir visitar a antiga casa de Rosalía de Castro. E aló fomos; a mágoa foi que estivese pechada e nos tivésemos que conformar por vela dende fóra das murallas.

Ao redor das catro da tarde, achegámonos ao bar Casa Dios, en Herbón, onde quedáramos cos monitores que nos acompañarían no traxecto. Aló coñecemos a outro Álex e Juan, dous amigos de Jérez de la Frontera de vacacións por Galiza, que nos acompañarían na aventura.

Tamén a Luís, un dos monitores e organizadores desta empresa adicada ao deporte de aventura (dende logo que hai traballos ben bonitos!).

Dende aló, fomos seguindo á furgoneta que nos adentrou polas terras de Herbón cara "A Base" da empresa, onde nos facilitaron o material necesario para facer rafting: traxe de neopreno, escarpíns para levar por baixo dos tenis, chaleco salvavidas e casco.

Encamiñámonos logo cara o ponto de partida da nosa viaxe polo río Ulla, no lugar de Sinde. Aló agardamos a que Carlos (o outro dos monitores) e Luís volvesen de deixar o coche no ponto final para baixar por unha pendente bastante pronunciada que nos levaría até un dos marxes do Ulla.

Comezaba unha rota que nos levaba río abaixo, por augas tranquilas e por algún que outro rápido onde se aceleraba un pouco a adrenalina. E houbo de todo: abordaxes ás outras lanchas, caídas... en fin, todo unha aventura.

Nun determinado momento da baixada, paramos a xogar ao "tobogán".

Consiste en pór unha balsa dada a volta, baixar correndo por unha rocha, tirarse enriba da neumática e caer ao río.
Aí houbo estilos varios, dende o meu, que foi moi predecíbel, ao de Carmen, que primeiro se lanzou ao "Superman" e logo foi perfeccionando o estilo, saltando de xeonllos e con mil efectos, moi similar ao que temos visto en Humor Amarelo.

Adrián tamén intentou o estilo de xeonllos, e en certa medida conseguiuno, como nesta estampa ao estilo toreiro.
Logo desta parada, baixamos un rápido dos light facendo un tren entre todos os participantes, o que tamén foi moi divertido.

Continuamos o descenso do Ulla con algún outro punto forte, cun rápido longo onde todo o marxe dereito da balsa caemos á auga (Adrián, Álex, o monitor e eu). Claro que uns (monitor) conseguiron agarrarse á balsa, mentres que outros, collemos fixemos o rápido en persoa.

Durante a baixada, Carlos, o monitor que nos acompañaba a bordo, propúxonos un acertixo cunha aposta: se o acertábamos, saltarían os monitores dende unha ponte que había ao rematar o percorrido. Senón, teríamos que saltar todo o resto.

Sen ter en conta a aposta, algúns valentes (non moitos, en realidade só os rapaces de Jerez, Álex e eu) decidimos probar que se sentía ao saltar ao baleiro dende a ponte, e aló fomos. Eu nunca saltara á auga dende unha altura tan grande, e a verdade é que foi unha sensación marabillosa de adrenalina total. Como dixo un dos andaluces, "até da tempo a pensar na caída".
Foi o que completou un día pragado de aventura.

Recomendados polos monitores, unha vez deixadas atrás as instalacións da empresa de aventuras, paramos no bar Casa Dios para probar o bocadillo de xamón asado con queixo, unha verdadeira delicia que desfrutamos mentres íamos deixando atrás Padrón, de regreso a casa.
A experiencia foi marabillosa, eu xa fixera rafting un par de veces a través do Concello de Cabanas, pero claro, hai tantos anos que xa non me lembraba.

Sobre o prezo: 30 euros, a verdade é que moi ben (case todos oscilan entre os 30-35 euros). Pero esta empresa, ademais, leva unha cámara dixital acuática que saca fotos a ráfagas. Ao chegar de volta, danche un cd coas fotos que sacan durante toda a viaxe (unhas 600), o que é de agradecer.



Visualizar o mapa ampliado

Hoxe, ás 20.30h. A hora do planeta. Súmaste?

Máis información na web Earth Hour

Onte regresamos ao Parque Natural das Fragas do Eume, para min un dos lugares máis fermosos de toda Galiza e, obxetivamente, o bosque atlántico máis importante de toda Europa.

As Fragas do Eume están situadas nos concellos de Cabanas, Pontedeume, A Capela, As Pontes e Monfero, e nela podemos atopar grandes cantidades de flora e fauna autóctonos en estado puro.

A rota

A rota que fixemos onte non é apta para todos os públicos, xa que a xente que teña vértigo non a pode facer.

O ponto de partida foi a central eléctrica da Ventureira. Na estrada que une Cabanas con As Pontes, no seu paso por A Capela, atopamos cun restaurante, Casa Toñita, onde debemos desviarnos cara a central. Unha vez feito o xiro, xa hai un letreiro que nos indica que quedan 5 quilómetros para chegar á central.

Feitos os cinco quilómetros, atopamos o ponto de partida (antes de cruzar a ponte sobre o río Eume). Baixando unhas pequenas escaleiras, achegámonos ao que foi a antiga central eléctrica da Ventureira, e unha vez aló, comeza o ascenso por unhas escaleiras (deixando a central á dereita) que nos levará cara as antigas tubaxes que facían chegar o auga até as turbinas que no seu día xeraron luz.

Cando rematan as escaleiras, comeza o ascenso en zig-zag montaña arriba, até chegar á (mini)presa (agora en seco) onde se almacenaba o auga antes de ser precipitado polas tubaxes anteriormente citadas. Dicir que este ascenso é bastante forte, hai que tomalo con calma.

Unha vez aló arriba, debemos seguir subindo por un camiño no monte até que nos atopamos unhas pedras ben colocadas, que no seu tempo serviron de almacenaxe das castañas que se recollían pola fraga. Para que vos fagades unha ideia do tipo de construcción ao que me refiro, podería parecerse a un curtín dos que nos atopamos polos camiños dos Ancares ou a un castro. Dende ese ponto, baixa un camiño cara un antigo río.

Como curiosidade, direivos que ese río era o encargado de traer o auga dende o embalse pola parte alta do canón do Eume até a minipresa situada na parte alta das tubaxes da antiga central eléctrica da Ventureira.

Pois ben, o camiño discorre polo muro de contención dese antigo río artificial, o que deixa a unha beira a montaña e ao outro o desfiadeiro sobre o Eume. As vistas son realmente impresionantes, sobor de todo se coincide un día tan marabilloso coma o de onte. E isa é cicais a maior dificultade na rota, xa que pode resultar un tanto perigoso circular por ese muro de apenas corenta centímetros.

Nalgún momento, o antigo río introdúcese por túneles (para os aventureiros, dentro deses túneles hai morcegos... de querer velos hai que levar lanterna), pero existe un camiño que bordea a montaña neses pontos.

Ao final da rota polo desfiadeiro do canón do Eume pódese sentir o impresionante de verse á altura do río e ver o embalse dende abaixo... unha parede de formigón de dimensións considerábeis.

Xa vos digo, non é unha rota válida para todos os públicos, mais vale a pena vela...

Algunhas fotos

Outras rotas

Na seguinte páxina existen diversas rotas polas Fragas do Eume, mais a que vos citei eu non aparece... se estás interesada/o en ter máis información sobre a mesma, non dubides en enviar un correo a iago@iagovarela.eu ou deixar un comentario

http://www.eumevisual.negreira.net/senderismo.htm

Naturalmente Galiza é un progama ambiental de saídas de fin de semana que inclúe itinerarios de sendeirismo de dificultade media, rutas en kaiak e en bicicleta, actividades de multiaventura e de interpretación do noso patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico.

Cales son os obxectivos do programa?

O Obxectivo é fomentar o coidade do medio ambiente e gozar da paisaxe e do contacto coa natureza.

A quen vai dirixido?

O programa está dirixido a mozas e mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos.

Cantas persoas poden acudir a cada actividade?

O número de prazas está limitado a 22 persoas por actividade.

Vale... pero canto custa?

A cota de inscrición é de 30 euros, pero se dispós do Carné Xove ou do Carné Máis obterás un 25% de desconto.

Os prezos xa inclúen aloxamento en réxime de pensión completa en cuarto de uso múltiple, actividades con monitores - guía, seguro de accidentes e de responsabilidade civil. Non se inclúe o desprazamento de ida nin de volta entre o ponto de partida e o lugar onde se desenvolve a actividade.

E que teño que facer para apuntarme?

As preinscricións poderanse facer, até cubri-las prazas na Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade persoalmente, ou chamando aos teléfonos 981.545.702, 981.545.937, 981.544.869, en horario de 09.00 a 14.00h. Unha vez reservada a praza, deberedes efectua-lo pagamento da cota de participación no prazo máximo de 48 horas. Recibiredes información sobre como facelo no mento de efectuares a reserva da praza.

Que documentos preciso?

- Fotocopia do Documento de Identidade.

- Xustificante do pagamento.

- Fotocopia do Carné Xove/Máis se procede.

*Non se consideraráconfirmado ningún participante ao que lle falte algunha documentación da que se menciona anteriormente.

Outra información de interese:

1.-De non realizardes o pagamento da cota no prazo máxumo de 48 horas, a Dirección Xeral de Xuventude disporá da praza reservada.

2.-Só se procederá á devolución da cota cando, por causas non imputábeis ao interesado, o servizo non se preste ou cando a administración anule a actividade.

Guías cos roteiros e toda a información:

Versión pdf para descargar (son 12 megas aprox.)

Versión para visionar en liña