Expandir contido
Mostrando entradas con la etiqueta telecomunicacións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta telecomunicacións. Mostrar todas las entradas
Esta mañá participei no programa A Vivir Galicia da Cadena Ser, podedes escoitalo aquí:

O luns pasado entrevistoume Kiko Novoa e compañía no Galicia por Diante. Estivemos falando uns minutos sobre o Mobile World Congress 2013.

Se vos interesa, podedes no seguinte widget (desde o minuto: 3:50)

Moitos xa sabedes que son moi fan da publicidade. Así en xeral non, da que ten algo de sentidiño detrás, polo que non é de todo raro verme prestándolle máis atención ao espazo de anuncios máis ca a certos programas...

En Galiza temos varias empresas que apostan pola creatividade e que teñen claramente definida unha imaxe de marca e, sen dúbida, R é unha delas. Tras bastante tempo afastados da televisión volven cunha nova campaña formada por, até o de agora, 5 spots protagonizados polos televisivos Tacho e Isi e que leva un eslógan que resume a filosofía da casa: R, xente de aquí.

Voilá!












Comezo a escribir este post nun tren. Sen embargo, as posibilidades de que o poida chegar a publicar desde o mesmo son practicamente nulas. Imaxino a algúns que me coñecedes pensando 'comooorrr? pero se hai "Internet everywhere"! non es un rapaz conectado?'

Síntoo. It was my fault... quizais debera ter comezado cun "Ola, son Iago e vivo en Galiza". De seguro que así moitas e moitos de vós xa me entenderíades.

Como dicía, collín o tren ás 7.20 horas. Semellante madrugón non me permitiu levar a cabo a miña habitual rutina de almorzo, consulta de correo electrónico pendente, lectura da prensa diaria, etcétera. Pensei en aproveitar o traxecto en tren entre Cabanas e A Coruña para ir facendo iso, consciente das dificultades. Pero, por intentalo que non quedase.

Como podedes imaxinar, o que aconteceu foi o que acontece sempre que viaxas por Galiza: ráfagas de conexión e desconexión que desesperan e que, aínda por riba, son mortais para a duración da batería dos teus gadgets.

E é que cando viaxas por Galiza descubres que a cobertura móbil nas principais arterias de comunicación é, digámolo claro e sen tabúes, unha merda espichada nun pau. Dá igual que te movas pola AP9 (principal arteria de comunicación por estrada), polo Eixo Atlántico de Alta Velocidade (principal vía de comunicación ferroviaria) ou por calquera outra liña férrea. Atoparaste con que, cando estás preto (moi preto) de núcleos de poboación importantes terás 3G (con moita sorte a evolución mais rápida HSPA/HSPA+) e no resto GPRS ou, simplemente, a nada.

Haberá quen diga que "GPRS é conectividade". Si, máis eu lle engadiría aquilo de "limitada ou nula", porque, sinceramente, esperar medio minuto para cargar unha foto subida a Twitter ou máis de un para que cargue a web dun xornal non é conectividade.

Todo mellorará co 4G...

Correcto. Temos unha nova tecnoloxía por despregar, o LTE/4G. Polo de agora en España hai probas piloto nunhas poucas cidades, polo que a súa implantación vai levar anos (sobre todo tendo en conta a crise e todo iso).

O 4G véndese como "a solución para chegar a todos os recunchos con alta velocidade, incluso aos lugares onde non se pode chegar con conexións fixas". A pregunta é: cando?

De varias conversas que tiven con responsábeis de diferentes operadores saquei a mesma conclusión: as prioridades son sempre as cidades, onde está o "nicho de clientes" (que mal me soa ese termo...). E logo, o resto. Como foi sempre, vamos.

Os que agora poden gozar de conexións de 100 ou 200 Mbps (cando se faga o despregamento de 4G pode que xa teñan posibilidade de contratar 1 Gbps) terán acceso antes a conexións móbiles de até 100 Mbps en 4G. O resto, os que teñen acceso por Internet fixo a 1 Mbps (con sorte 3 ou 6) seguirán disfrutando de GPRS. Vamos, que a fenda dixital será cada vez maior.

Neses momentos é cando máis me acordo nese modelo de iPhones gratis, no que os clientes esixen terminais gratuítos (polos que logo acaban pagando moito máis, pero iso é outro tema...). Ese vicio creado polas operadoras, aumentado polos clientes, que fai que grandes operadoras como Vodafone invertise a mesma cantidade de cartos en subvencións ca en rede, cando queda tanto, tanto, tanto por mellorar.

Queremos pois, supersmartphones sen cobertura? Eu, desde logo, non.

Imaxe: Desmotivados
Non hai moito tempo enterábamonos dunha nova bastante boa para os usuarios das compañías de telefonía móbil (debera dicir para todo o mundo?): a Comisión Europea propuña a eliminación das tarifas de roaming, é dicir, manter as tarifas do país de orixe nas viaxes pola UE.

Esta proposta europea vai na liña da xa iniciada coa limitación do prezo/minuto que xa se está a aplicar, ou a unificación das tarifas de sms dende o extranxeiro, que quedaron en 11 cént, o que fai que usuarios de certas compañías españolas paguen menos por enviar sms dende o extranxeiro ca cando fican no Estado español.

Mais hoxe enterámonos de que as operadoras non están a encaixar moi ben esta modificación das condicións, e xa se fala dun encarecemento das tarifas 'nacionais' para contrarrestar (ler isto).

E eu digo. Máis?

Até non hai moito as tarifas de referencia das compañías españolas era de arredor de 20 cént/min e non foi até a chegada dos OMV con prezos nunca vistos (falamos de 8, 6, 5 e mesmo 4 cént/min) cando o panorama comezou a mudar.

E se por algo se caracterizaron - e caracterizan - as compañías españolas é polos seus prezos excesivos, en comparanza co resto de compañías europeas, cuxos servizos, alén de ser mellores, son máis baratos.

É certo que as operadoras deberán seguir pagando ás do país de destino cando os seus clientes viaxen fóra. Pero tamén recibirán clientes doutros países e ingresos por ilo, o que compensa unha cousa pola outra. En fin, que estamos diante doutra estúpida desculpa para subir os prezos. Así imos.
Era cuestión de tempo: as tarifas 'planas' de voz estanse a converter nunha opción básica das que inclúen as compañías de telefonía móbil. E en R souberon non quedar atrás.

Xa que logo, ofrecen dúas novas tarifas de voz, por 19 e 49 € respectivamente.

A primeira, Tarifa Plana Mini, inclúe 300 minutos para consumir de 17-8h de luns a venres e fins de semana e festivos as 24h + 50 sms + internet ilimitado (con redución de velocidade pasados os 250 MB).

Doutra banda, a Tarifa Plana 24h inclúe 500 minutos a calquera hora + 100 sms + internet ilimitado (tamén con redución da velocidade logo dos 250 MB).

En calquera caso, pasados os límites, as chamadas tarifícanse a 19 cént/min.

O XXIV Encuentro de las Telecomunicaciones que se está a celebrar estes días en Santander, deixounos na súa primeira xornada interesantes reflexións sobre as previsións do futuro deste sector en auxe.

O primeiro día veu marcado pola comparecencia de Julio Linares, Conselleiro Delegado de Telefónica, que comentou que o "modelo actual de Internet non é sostíbel" e deixou caer a intención da compañía de pór fin ás tarifas planas ilimitadas e de facer pagar máis a quen máis as use. Como ben apunta Luís no seu post E queren que paguemos máis, resulta satírico que este home se queixe porque o cliente faga uso lexítimo do que ten contratado, e se é unha tarifa plana ilimitada poderá descargar todo o que lle veña en gana, só faltaba. E por poñer un exemplo máis aos sinalados por Luís, é como se vas a un buffet como todo o que queiras e paga 10 € e ao saír dinche que comiches moito, e que tes que pagar máis. Non, non funciona así.

O que para min resulta máis patético é que estas declaracións veñan de onde veñen, da operadora que presume de ter un maior número de clientes (lembrades o falso - colla por onde se colla - como somos más, pagamos menos?). Iso si, canto menos invirta neles, mellor. Senón, como se entende que non teñan a mellor rede de datos que ofrecerlles, nin cableada nin móbil? Quizais deberan plantexarse deixarse de mercar Tuentis e regalar iPhones e investir en mellorar a calidade dos seus servizos.

Mais o Encuentro contou ademais con outras presenzas destacadas, como a de Reinaldo Rodríguez, Presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, quen criticou dunha banda as exquisiteces de Apple cos seus novos trebellos (iPhone4, iPad) e a necesidade de que conten cunha microsim (ver post en Mallando na e-ira sobre as SIM), feito que rompe coa convivencia e universalidade coa que naceu o servizo de telefonía móbil e, doutra banda, as dúbidas sobre o debate da neutralidade da rede.

Finalmente, unha das conferencias "profuturo", foi a de Johan Andsjö, Conselleiro Delegado de Yoigo, quen falou fondo da experiencia da súa filial TeliaSonera no despregamento da rede 4G/LTE en Suecia e as intencións da compañía de comezar canto antes co despregamento da rede no Estado español. Ademais, sobre esta tecnoloxía apuntou que resulta 4 veces máis rápida cá 3G e cun coste de infraestrutura moito máis baixo: 8 veces inferior.

Tamén criticou Andsjö o spam telefónico do tipo vente a Fruitimóvil y te regalamos 1 teléfono buenísimo, algo que Yoigo rexeita totalmente.

Veremos que nos depara o resto do ciclo de conferencias.
Que é: Xeolocalización
A xeolocalización é un termo que fai referencia a coñecer
a nosa ubicación xeográfica automaticamente.

Que é: Foursquare
Rede social na que os usuarios comparten a súa posición
en lugares de interese e opinan sobre eles

Dun tempo a esta parte falamos moito de xeolocalización e evolucionamos do sonado que está a pasar ao onde está a pasar. Damos por feito e natural que no gadget do tempo do noso móbil apareza a climatoloxía do concello no que nos atopamos, ou que cando no noso terminal buscamos en Google a palabra gasolinera aparezan entre as primeiras opcións as que temos máis preto e non unha situada no centro de Roma, por pór un exemplo.

Todo isto é grazas á xeolocalización, que moitos sinalan coma a fin da privacidade. Eu rexeito de pleno esta idea, porque o usuario sempre pode decidir cando, como e con quen quere compartir a súa posición.

O caso de Foursquare

Como adiantaba, Foursquare é un exemplo dunha rede social na que os usuarios comparten información sobre a súa posición nun lugar de interese, que pode ser un negocio, un centro de estudos, unha paraxe natural... e milleiros de cousas máis.

O seu funcionamento é moi sinxelo. Cando chegas a ese sitio, fas un check-in (confirmas que estás alí). Ademais, podes deixar opinións do lugar ("Bo lugar para tomar un licorcafé con vistas ao Eume"). Segundo vas facendo check-in, vas gañando badges, un xeito de premiar a túa actividade na rede social. O que máis check-in fai nun determinado lugar, convírtese en Alcalde.

Para os establecementos, os check-in de Foursquare son publicidade gratuíta, mais non ten por que ser positiva. Neste sentido, nas grandes metrópoles, certos establecementos coma Starbucks [tamén comeza a haber exemplos no Estado, como é o caso de Telepizza], ofrecen descondos aos seus alcaldes ou simplemente a calquera usuario que compara a súa posición no local.

Futuro da xeolocalización

Sen dúbidas, o futuro deste servizo virá ligado ao desenvolvemento de ferramentas capaces de explotalo, mais non cabe dúbida que é un terreo frutífero e que pode traer moitas vantaxes para os usuarios, sempre e cando o usemos con cabeciña.
Xa sabedes que son un fanboy de R, pero é que hai razóns, sendo a máis importante a ansia que teñen por poñer a Galiza no futuro.

A partires do Plan Director de Banda Larga (2010-2013) da Xunta de Galiza, Movistar presentou hai uns días a súa proposta para concorrer a estas axudas públicas. Para ilo, fixo unha proposta interesante, de levar unha velocidade de 100 megas de suba e 10 de baixada a 740.000 beneficiarios en 410 núcleos poboacionais.

A resposta coa que R se presenta a ditas axudas, non se fixo agardar, superando por moito as pretensións de Movistar. Cunha inversión de 129,6 millóns de euros, R pasará a ofrecer no 2013 velocidades de até 200 megas por segundo de baixada e 10 de suba (o dobre do que a Xunta esixe). Ademais, no 2015 chegaríanse aos 600/20 megas e xa no 2019 acadaríanse os 1000/30.

No conxunto da rede de R mellorarase a velocidade mínima, pasando dunha velocidade 'básica' de 15 megas (actuais Combo3 e ComboR), en 2013 esta será de 50 megas.

Entre os núcleos que inclúe R están non só as cidades, senón tamén outros concellos menores como Cabanas.

Mapa de concellos incluídos por R (ver en grande aquí)
Hai algún tempo, publicaba un artigo no meu blogue de Teleco, no que baixo o título O futuro da banda larga en Galiza: 4G falaba das ideas que tiña R de establecer o 4G para achegar Internet de alta velocidade ao rural.

Nesta liña, vénse de crear un consorcio galego, chamado WiMove, no que participan Arteixo Telecom, Gsertel (Televés), Level Telecom, Optare Solutions e R. Deste consorcio xorde un proxecto de I+D+i a través do que se pretenden desenvolver equipos e solucións para a 4G, dende e para Galiza.

Sen lugar a dúbidas, unha moi boa nova.

[Ligazón]: O futuro da banda larga en Galiza: 4G [artigo meu no Tic Tac]
Era imprescindíbel. De nada valía dicir cousas como 'chamadas de balde a móbilR dende o teu fixo' 'pagas un minuto e falas 90 con calquera Vodafone' 'os 10 primeiros minutos entre Yoigos de balde'... se non sabes de que operador é a persoa coa que queres comunicarte.

Ben, pois isto xa é pasado. A Comisión do Mercado das Telecomunicacións vén de pór en marcha unha ferramenta que, introducindo o número e un código de verificación amósanos o operador ao que pertence dito número. Ademais, de estar en proceso de portabilidade sairanos a mensaxe "en proceso".

Unha ferramenta ben interesante. Podedes consultar a base na seguinte ligazón:

O dato que coñecíamos estes días, froito dun estudo de Akamai levado a cabo durante o primeiro trimestre deste 2010, demostra que o Estado Español fica á cola das conexións de banda larga en Europa.

Segundo as súas medicións, a velocidade media das conexións é de 2,43 Mbps. O penúltimo posto da lista ocúpao Italia, cunha velocidade media de 10,5 Mbps (4 veces a do Estado Español). Os nosos veciños de Portugal sitúanse na parte alta da clasificación, superando os 16 Mbps de media. As máximas velocidades europeas atopámolas en Rumanía (25 Mbps) e Suecia e Letonia (19 Mbps).

A nível mundial, Corea do Sur mantense no primeiro posto da lista, cunha media de 32,7 Mbps

[Fonte]: Banda ancha
Tense falado moito das canles que quedarán 'fixas' na TDT cando rematara o proceso de apagado analóxico. Agora que só dispomos do sinal en dixital - e despois de fusións entre grupos de comunicación por mor da crise económica - comézase a despexar o panorama. A partires de setembro, comezarán a emitir na TDT as seguintes canles:

- LaNueve: do grupo Telecinco, dirixida ao público feminino.
- Nitro: do grupo Antena 3, dirixida ao público masculino.
- MarcaTV: deportes
- MTV España: música e outros contidos

No TDT premium (de pagamento)
- Canal+ (no lugar de 40latino)
-2º canle de pagamento de LaSexta (comezará a emitir en xaneiro do 2011, aínda sen contidos programados).

Logo destes cambios, a grella quedaría do seguinte xeito (indícanse canles estatais, autonómicos - Galiza - e premium)


Nota: faltan as canles locais (Teleferrol, Localia...) e as de alta definición (HD)

[Fonte]: Banda ancha
Hoxe en día, ter puntos de acceso WiFi libre é cada vez máis habitual (cafetarías, bibliotecas., centros comerciais...), mais é certo que neste Estado moitas veces as Administracións que intentan pór en marcha unha rede deste estilo atópanse coas trabas das 'recomendacións' da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, que regula e adopta gran parte das reticencias das operadoras á creación de WiFis de acceso gratuítas.

Sen embargo, o Concello de París puxo un marcha unha rede completa WiFi e de acceso libre, con máis de 400 puntos de acceso repartidos por edificios, parques e prazas, inda que con limitacións (accesíbeis de 7.00-23.00h).

Agardo pois que hoxe, mentres merodeo pola zona de Notre Dame teña acceso para, cando menos, actualizar o estado no Twitter :p


Clicar acó para ver o Pass Paris Wi-Fi nun mapa máis grande
O pasado 1 de xullo entrou en vigor unha nova normativa da Unión Europea na cal se regulan os prezos máximos das chamadas en itinerancia (ou roaming), así como tamén se pon límite ao consumo de datos para evitar desagradábeis sorpresas.Este novo marco vai na liña da xa iniciada hai uns cando, cando Europa regulou o prezo das mensaxes sms que enviamo dende o extranxeiro ao noso país, limitando o prezo a 0,11 € (prezo que paradoxicamente é máis baixo que o habitual que cobran as grandes operadoras, 0,15 €).

Así, a partires de agora, a nosa operadora poderanos cobrar un máximo de:

- 0,39 €/min por facer chamadas a calquera país da UE
- 0,15 €/min por recibir chamadas

Ademais, o consumo de datos limítase a 50 €, tendo que avisar ao consumidor cando leve consumido o 80% desa cantidade. Isto é moi importante, porque se temos un teléfono que vive conectado a Internet e nos despistamos de desconectar o consumo de datos, podíamos levar grandes sorpresas, xa que as tarifas de datos en itinerancia son de todo menos económicas (Por exemplo R cobra no extranxeiro 5 €/1 MB, Movistar 4 €/1 MB...)
Hoxe fixen un descubrimento que me pareceu bastante interesante: un sitio web que, axudado por Google Maps, permite seleccionar o teu posicionamento (pondo o enderezo ou código postal) e, logo diso, ver as estacións base de telefonía móbil que hai ao teu redor.

Alén de situar ditas estacións base, indica o operador, o tipo de rede (GSM, 3G), a distancia á antena... dende logo, paréceme unha ferramenta bastante interesante e curiosa.

Non sei até que punto a información está actualizada ou é de todo correcta. De feito, non sitúa algunhas das que hai no alto do monte de Breamo, en Pontedeume. Mais, cando menos, pode ser unha aproximación interesante.

Nota: As estacións amosadas son de Vodafone, Movistar, Orange e Yoigo. O resto de compañías que, até o de agora, operan no Estado español son OMV, que alugan a rede a un destes catro. Velahí a listaxe (non están todos)

Cobertura Vodafone: R, Pepephone, Euskaltel, Telecable, Lebara, Eroski móvil, Hits mobile,
Cobertura Movistar: Ono io,
Cobertura Orange: Simyo, Masmovil, Carrefour móvil, Happy móvil, Cable móvil, Jazztel móvil, Bankinter

[Ligazón]: Mapa de estacións base
[Listaxe de OMV]: Wikipedia
Hoxe comeza o apagón analóxico en media Galiza, polo que dende agora só será posíbel ver a televisión a través da TDT.

Este proceso afecta de momento ás áreas técnicas de Ares, Santiago leste, Ourense e Meda. De todos xeitos, non será un apagón 'radical', senón que entre hoxe e o 1 de febreiro procederase a cubrir as diferentes fases.

O resto de Galiza será completamente dixital logo do 3 de abril.

[Ligazón]: Xornal de Galicia
"Polo momento, tense anunciado unha distribución do terminal
con Vodafone para Europa,

unido á súa dispoñibilidade como terminal libre"

Enrique Dans

Os que me coñecedes un algo - ou bastante, segundo se mire - xa sabedes do meu gusto polos gadgets tecnolóxicos e pola telefonía móbil. Mais o certo é que en raras ocasións tiven a oportunidade de ter terminais ou elementos á última, non por falta de ganas, senón porque non sei até que punto sería lícito aproveitarse de máis de quen che paga os gastos...

O certo é que dun tempo a esta parte estoulle dando voltas a aproveitar a fin da permanencia e o cambio de compañía para facerme cun smartphone táctil á que poderlle sacar o máximo partido. Dende sempre mirara con interese os terminais con Android, o sistema operativo baseado en Linux. Mais quizáis o último empuxonciño deumo Vítor, cando publicou no seu blogue o post co que participaba no concurso promovido por and.roid.es. Foi aí cando comecei a cavilar na idea de ligar o Android a un terminal HTC.

Resultou que nin Vítor nin eu resultamos agraciados co premio do concurso, mais el fíxose co terminal pola súa conta, un HTC Magic. Logo de ver in situ as marabillas deste, xa tiña o ollo posto no meu obxetivo: un HTC con Android.

Foi entón cando entrou en escea a todopoderosa Google. A rede foise enchendo dun rumor que cada vez ía collendo máis forza: un novo terminal de Google. Foron aparecendo fotos, vídeos... filtracións que pouco antes de final de ano parecían unha realidade cando Google convocou unha rolda de prensa para o 5 de xaneiro. E así foi. Ese día, presentábase o Google Nexus One, un terminal HTC, táctil, Android... vamos, con todo ao que eu aspiraba.

Ademais, desvelouse tamén o método de adquisición nos EUA: libre ou ligado a un contrato de permanencia coa compañía T-mobile. O prezo, nada esaxerado: 530 dólares (~370 euros). O misterio de quen o comercializaría en Europa desvelaríase días despois, Vodafone.

Entón, a min xurdiume unha dúbida: íase poder atopar libre acó? Senón, todas as miñas esperanzas nexunianas quedarían en nada... pois, a xulgar polas palabras de Dans, parece ser que sí. Así que agora só queda agardar á primavera, 'data' na que chegará a Europa. Ah! E que a conversión dólar-euro non sexa a habitual nestas cousas, i.e. 530 $ = 530 €!

[Fonte]: Probando el Nexus One
Hai 3 días analizaba como funciona o operador móbil virtual Fonyou, e indicaba que inda non se sabían os prezos para os "non convidados" antes do día 22 de decembro.

Ben, hoxe xa se sabe que o custe será de 1€/mes, coas mesmas características que as contas gratuítas para toda a vida dos afortunados que conquerimos un convite a tempo. Iso sí, até o 30 de xuño é de balde...



[Vía]: Xatakamóvil


Como xa nos ten acostumados R, o ano que vén haberá novas subas de velocidade, que desta vez veñen acompañadas dun incremento máis ca interesante na velocidade de suba.

Así, os cambios que haberá ao longo do 2010 son os seguintes:

1 Mb / 100 Kbps -> 1 Mb /300 Kbps
3 Mb / 150 Kbps -> 6 Mb /600 Kbps
6 Mb / 300 Kbps -> 10 Mb / 1 Mb
12 Mb /600 Kbps -> 15 Mb/1,5 Mb

As opcións de 30 e 100 Mb de baixada verán incrementadas tamén as súas velocidades de suba, a 3 Mb no caso da conexión de 30 Mb e 5 Mb, no caso da de 100 Mb.