Notas sobre o XXIV Encuentro de las Telecomunicaciones (I)
O XXIV Encuentro de las Telecomunicaciones que se está a celebrar estes días en Santander, deixounos na súa primeira xornada interesantes reflexións sobre as previsións do futuro deste sector en auxe.
O primeiro día veu marcado pola comparecencia de Julio Linares, Conselleiro Delegado de Telefónica, que comentou que o "modelo actual de Internet non é sostíbel" e deixou caer a intención da compañía de pór fin ás tarifas planas ilimitadas e de facer pagar máis a quen máis as use. Como ben apunta Luís no seu post E queren que paguemos máis, resulta satírico que este home se queixe porque o cliente faga uso lexítimo do que ten contratado, e se é unha tarifa plana ilimitada poderá descargar todo o que lle veña en gana, só faltaba. E por poñer un exemplo máis aos sinalados por Luís, é como se vas a un buffet como todo o que queiras e paga 10 € e ao saír dinche que comiches moito, e que tes que pagar máis. Non, non funciona así.
O que para min resulta máis patético é que estas declaracións veñan de onde veñen, da operadora que presume de ter un maior número de clientes (lembrades o falso - colla por onde se colla - como somos más, pagamos menos?). Iso si, canto menos invirta neles, mellor. Senón, como se entende que non teñan a mellor rede de datos que ofrecerlles, nin cableada nin móbil? Quizais deberan plantexarse deixarse de mercar Tuentis e regalar iPhones e investir en mellorar a calidade dos seus servizos.
Mais o Encuentro contou ademais con outras presenzas destacadas, como a de Reinaldo Rodríguez, Presidente da Comisión do Mercado das Telecomunicacións, quen criticou dunha banda as exquisiteces de Apple cos seus novos trebellos (iPhone4, iPad) e a necesidade de que conten cunha microsim (ver post en Mallando na e-ira sobre as SIM), feito que rompe coa convivencia e universalidade coa que naceu o servizo de telefonía móbil e, doutra banda, as dúbidas sobre o debate da neutralidade da rede.
Finalmente, unha das conferencias "profuturo", foi a de Johan Andsjö, Conselleiro Delegado de Yoigo, quen falou fondo da experiencia da súa filial TeliaSonera no despregamento da rede 4G/LTE en Suecia e as intencións da compañía de comezar canto antes co despregamento da rede no Estado español. Ademais, sobre esta tecnoloxía apuntou que resulta 4 veces máis rápida cá 3G e cun coste de infraestrutura moito máis baixo: 8 veces inferior.
Tamén criticou Andsjö o spam telefónico do tipo vente a Fruitimóvil y te regalamos 1 teléfono buenísimo, algo que Yoigo rexeita totalmente.
Veremos que nos depara o resto do ciclo de conferencias.
Publicar un comentario