Expandir contido

'Galego-Portugués', un artigo de Francisco Rodríguez

Reproduzo hoxe un artigo de Francisco Rodríguez, Paco, publicado na web do BNG. Leva por título Galego-Portugués e nel escribe sobre as relacións entre o galego e o portugués a raíz da presentación da Académia Galega da Língua Portuguesa.

Cando se nega oficialmente a verdade, adoitan producirse fenómenos, máis ou menos extramuros, que a reclaman. Defenderon filólogos e estudosos, durante séculos, que galego e portugués eran o mesmo idioma. Este criterio fundamentábase en sólidos razoamentos e comprobacións históricas, lingüísticas e xenéticas. Non se deixaron perturbar polo feito de ser Portugal un estado independente e a Galiza unha nación negada, convertida en provincia da España imperial. Tampouco por ser o portugués un idioma oficial, con uso normal, perfectamente estandarizado, mentres o galego era caracterizado despectivamente como dialecto, restrinxido a un uso coloquial e popular.

Curiosamente, coa chegada da democracia e a instauración da autonomía, foi desde a oficialidade científico-institucional, que se comezou a emitir o discurso de que galego e portugués eran linguas diferentes. A normativa do galego, lingua cooficial da Galiza, elaborouse con criterios totalmente alleos aos da normativa do portugués, enfatizando as diferencias. Optouse por afastar artificialmente, non por aproximar naturalmente. A orientación anti-portuguesa, parella moitas veces a unha posición ideolóxica españolista, argumentou en base á defensa do considerado xenuíno e peculiar da nosa fala, por moi mancada e contaminada que estivese polo español.

Certamente non foi unha opción responsábel nin comprometida co idioma galego como ferramenta da uso normal para todo na nosa sociedade, con perspectiva de futuro e dentro da nosa tradición literaria. Esta política oficial lembra a mesma teima por afastar o valenciano do catalán. Obxectivamente ambas responden a un isolacionismo axitado pola españolía.

A aparición dunha Academia Galega da Lingua Portuguesa na Galiza provocou algunha reaccións desaforadas e sintomáticas. Certamente a solución non está en denominar o galego “portugués de Galiza”. Está en dar pasos claros, prácticos, para reintegrar o noso idioma no seu espazo natural, o galego-portugués. Un destes pasos, tímido, foi a “Normativa de Concordia”. Malia a súa legalidade, enfróntase a moi serias resistencias na súa aplicación xeneralizada nas administracións e institucións oficiais. É ignorada a mantenta ou usada na súas opcións non preferentes. Precisamente Alonso Montero, académico da RAG, aproveitou o seu ataque á nova Academia para deixar constancia de que a normativa legalmente vixente era de orientación lusista, facéndoa responsábel de non sei que dificultades para o alumnado de primaria e secundaria identificárense co galego.

Non é negativo que exista unha Academia Galega da Lingua Portuguesa. É simplemente a resposta extraoficial, filolóxica, e, en certa maneira, extrema a unha deformación e negación recorrente. O problema está en que necesitamos que o mundo administrativo, académico, social, económico e institucional avancen na práctica na dirección de asumir, con todas as cautelas e matices que se queiran, que o galego e o portugués son o mesmo idioma. É conveniente a maior aproximación da normativa oficial á do portugués. Esta aproximación esixe compromisos, conivencias e recoñecemento por parte dos países lusófonos, a comezar por Portugal. Tanto como de información e comprensión por parte da sociedade galega. Os obxectivos estratéxicos deben ser claros; as tácticas deben calibrarse, con debates serenos e propostas eficaces para avanzar...

One Response so far.

  1. Anónimo says:

    Lin ate a metada, non teño máis tempo. Promete interesante! Voltarei máis tarde.

    Bicos. qrt.