Expandir contido

Paco Rodríguez na rede


Descubro hoxe, para ledicia miña e a través do blogue do compañeiro Xabier Pérez, que Francisco Rodríguez (Paco) ten tamén o seu espazo na rede, que se une á rede dos BNG's (Blogues Nacionalistas Galegos) no que xa estaban outros compañeiros do BNG coma Anxo Quintana, Francisco Jorquera, Paz Abraira e un longo etcétera.

E é que, sen lugar a dúbidas, o compañeiro e amigo Paco Rodríguez é unha das máis destacadas figuras do nacionalismo galego. O ex-deputado polo Bloque Nacionalista Galego (BNG), actual Secretario de Acción Institucional da Executiva da formación frontista, alén de Secretario Xeral da Unión do Povo Galego (UPG), defendeu coma ninguén no Congreso dos Deputados durante 12 anos os intereses de Galiza e, nomeadamente, de Ferrolterra. Se tivera que definilo cunha frase, diría que é un bo político e unha mellor persoa.

Un home apaixoado pola historia e gran coñecedor desta, un home que ten moito que dicir na vida política de Galiza. Sen lugar a dúbidas o seu espazo na rede é un sitio de interese, non só para os que temos o formigo do nacionalismo, senón tamén para calquer galega/o cun mínimo de interese pola nosa nación.

Como non podía ser doutro xeito, engado o blogue de Paco ás ligazóns do meu.

Ligazón: http://franciscorodriguez-bng.org