Pekín Express XIII: FINAL: Pekín
A derradeira etapa transcorreu na súa práctica totalidade pola cidade de Pekín, onde as dúas parellas tiveron que facer unha gincana que estivo realmente reñida até o desenlace final.
Comezou a etapa no Mosteiro da Paz, onde Fernando, María, Martha e Javier recibiron unha clase de kun fu e explicáronelles que os movementos responden a cinco animais: a grulla, o dragón, o tigre, o leopardo e a serpe. Aló déuselles un sobre a cada parella coa indicación do primeiro sitio a onde deberían ir: a praza de Tiananmen, a 50 quilómetros de onde se atopan.
Os primeiros en coller coche son Fernando e María, pero por pouco tempo sobre Javier e Martha. Estes últimos tiveron dificultades á hora de chegar á praza, pois había sitios onde non podían cruzar e costoulles ver por onde ir nos túneles subterráneos que cruzaban as rúas repletas de coches. Porén, os primeiros en chegar á praza foron Fernando e María, gañando así un amuleto de 6000 euros.
Aló, cámbianlles as mochilas por unhas máis pequenas e cómodas para facer a gincana pola cidade. Tamén lles dan unhas bicis coas que deberán percorrer 5 quilómetros até o Palacio de Verán. Nese sitio escribiránlles coas letras chinesas o nome do seguinte lugar ao que deberán ir: o mercado central.
Os primeiros en chegar ao Palacio de Verán son novamente Fernando e María, mais Martha e Javier chegan pouco despois e son os primeiros en facerse cun coche para ir ao mercado. Por mor da dificultade para coller coche e do tráfico, a parella en crise chegou unha hora despois ao mercado, onde agardaban Martha e Javier con Paula Vázquez. Empregada e xefe fixéronse co segundo dos premios: 2 minutos extra para o sprint final.
No mercado danlles cartos para que merquen 14 brochetas típicas chinesas, que van dende estrelas de mar até cabaliños de mar, pasando por escorpión, larvas, corazóns de polo, fígados de cordeiro, algas...
Ambas parellas conseguen facerse coas 14 brochetas e, por cuestións de milésimas chegaron antes Fernando e María, que se fixeron cun novo amuleto, desta vez con valor de 3000 euros.
Dende aló débense dirixir a un parque, onde os agardan unhas chinesas con 6 tipos de tés, que deberán asociar coa herba que os da... á saída do mercado, Javier e Martha conseguen coche axiña e, porén, chegan antes ao parque. Despois faranno Fernando e María.
Para Javier e Martha a proba dos tés foilles sinxela e puideron descubrir o lugar do seguinte ponto a visitar. Fernando e María tiveron máis problemas con esta proba. Dende aló tíñanse que dirixir a unha praza na que había unha pantalla xigante nun tándem... neste vehículo, Fernando e María avanzaron máis rapidamente ca Javier e Martha e conseguiron chegar onda Paula antes, facéndose eles tamén con 2 minutos para o sprint final.
Na pantalla, diferentes concursantes foron facéndolles preguntas sobre o concurso. A parella que contestase antes ben a catro, levaría un novo amuleto de 3000 euros. E novamente, éste foi parar a Fernando e María grazas á habilidade e rapidez del.
A partires de aí, os concursantes tiveron que ir até un parque onde se lles diría o seguinte destino. Fer e María foron os primeiros en conseguir coche, mais os primeiros en chegar ao parque foron Javier e Martha. Aló indicábaselles que tiñan que ir até a torre de telecomunicacións da televisión chinesa, onde chegaron antes empregada e xefe, gañando 2 minutos de vantaxe.
Chegados a este ponto, as parellas deben separarse. Un membro seguirá a carreira mentres que o outro irá a unha proba lóxica. Entre eles, as parellas escollen a Fernando e Javier para a proba física e María e Martha para a lóxica.
Eles deberán subir ao alto da torre de telecomunicacións, buscar entre 20 sobre un dos 2 que teñen as indicacións para ir ao seguinte ponto, a Torre do Tambor, onde se lles dará a última peza apra completar a proba lóxica e as indicacións para ir ao lugar onde estarán as rapazas. Elas deberán ordear as metas de todas as etapas de Pekín Express, mais escritas no idioma orixinal.
Os dous minutos de vantaxe de Javier sobre Fernando, permitíronlle subir antes ao alto da torre, mais á hora de baixar non daba collido ascensor. Isto fixo que a Fernando lle dese tempo de subir e atopar o sobre, baixando os dous no mesmo ascensor.
Fernando tivo a sorte de coller axiña un coche que o levase á Torre do Tambor e, a súa boa forma física fixo que acadase a cima axiña, recollendo a peza e baixando antes de que Javier chegase. E, claro está, tamén foi Fernando o primeiro en chegar ao parque coa peza que faltaba... aló, María xa tiña ordeados os nomes das demais cidades...xuntos correron o espazo que os separaba de Paula, pero ésta díxolles que non era correcto, polo que tiveron que volver a colocar o que tiñan mal... pero á segunda xa acertaron, converténdose en gañadores de Pekín Express á vez que Javier chegaba coa última peza.
Fernando, convertido en gañador de Pekín Express, buscou na súa mochila un anel e pediulle matrimonio a María entre euforia, quen acertou. Preguntados por Paula sobre a que adicarían os 78.000 euros conseguidos ao longo do programa, dixeron que agardarían por se o precisase Idoia, a compañeira que abandoara por mor de padecer un cancro.
Finaliza así o primeiro Pekín Express, coa miña parella favourita gañadora :)
Non viches Pekín Express?
Alguén tomouse a molestia de gravar o programa e ir pendurando os vídeos no YouTube. Pódense ver en http://es.youtube.com/user/pekinxprss
O vídeo: Fernando e María gañan Pekín Express
http://www.cuatro.com/microsites/pekin-express/video-ficha.html?id=PEKI_14730
Publicar un comentario