Expandir contido

R dá a cara: anotacións da xuntanza con clientes en Vigo

Onte asistín á xuntanza informal que argallou a xente de R en Vigo, despois da que houbera en A Coruña hai algún tempo. E a verdade é que voltei á casa con bastante bo sabor de boca.

En primeiro lugar, apuntar que me parece moi interesante e a ter en conta que dende R xurda a idea de reunirse cos clientes. Iso amosa confianza e proximidade cos clientes. Darnos a oportunidade de falar, de preguntar dúbidas, de queixarnos... e nun ambiente informal e distentido, paréceme moi importante.

A xuntanza tivo lugar no Lounge Bar de García Barbón ás 20.00h. Por parte de R, 3 representantes. Como clientes, 8. Todos arredor dunha mesa tomando algo.

Comezamos falando de tarifas de móbil-R. Comentei que cría que a Tarifa Flexible (19 cént/min e baixando o prezo segundo o número de chamadas) quedaba un pouco sen sentido co lanzamento da nova Tarifa Mini (6 cént/min), xa que ambas contan con 6 euros de consumo mínimo. O único que diferenza a esas tarifas é a posibilidade de subvencionar ou non terminais. Maila que teñen intención de manter este tipo de criterio para poder adquirir terminais máis baratos ou mesmo de balde a cambio de permanencia, parece que a súa preferencia é dar un bo servizo e que cadaquén merque libre o terminal que lle guste ou se adapte ás súas necesidades.

E non hai intención de sacar unha tarifa sen consumo mínimo, xa que consideran que non é excesivo para un uso normal (só 6 euros) e se evitan posíbeis fraudes de altas masivas.

Afondando no tema da telefonía móbil, preguntei polo suposto acordo que se publicou hai uns meses entre Yoigo e as cableras para extender a cobertura móbil de Yoigo e compartila. Non era así. Non existe tal acordo. A idea de R é conquerir licenza propia de telefonía móbil para comezar a construír unha rede 4G coas últimas tecnoloxías e dotar a Galiza dun servizo digno, nun proxecto que calculan podería durar uns 10 anos. Mentres tanto, a idea é manter os acordos con Vodafone, mudando da rede propia (cando a vaian construíndo) á da operadora británica de forma transparente para o cliente.

En decembro ademais haberá renovación de terminais, incluíndo o iPhone.

En canto ao cable, parece ser que xa case está rematado o proxecto de cablear Galiza, quedando sen fibra as zonas que por orografía, distancia entre vivendas etc resulta excesivamente costoso facer. Neste sentido, a aposta pola súa rede móbil 4G servirá tamén para dotar de cobertura de banda larga a zonas difíciles. Nada de WiMax nin nada polo estilo.

Sobre as velocidades, confirmaron as subidas que se especulaban polos foros. As de 12 Mb/1 Mb e 12 Mb/ 600 Kb pasarán a 15 Mb/1,5 Mb e a de 6 Mb/300 Kbps sube a 6 Mb/600 Kbps. Sobre o resto de velocidades, non me quedou claro se se movían algo ou non, porque se mixturaron con cifras para empresa tamén.

Tema aparte foi o do upload. Quizais sexa unha das demandas máis activas dos clientes a R. Cunha explicación ben clariña e didáctica (esquema inluído), comentaron como se repartía o cable segundo contidos (cantidade para televisión analóxica, dixital, subida, baixada...) e cómo é o estándar para cable, que non a capacidade da fibra, o que establece a máxima suba posíbel. Maila todo, apostan por reverter a situación e seguir mellorando a suba. Algunhas propostas, como o uso do upstream sobrante (compartiríase o upstream para usos temporais, como subir vídeos, fotos, manter unha videoconferencia...) están un pouco paradas polas infinitas estupideces (sexamos claros) de clientes que, cando se propuxo iso viron a solución como un "mal apaño".

Preguntei pola falta de contidos da web de clientes e comentaron que para o ano apostarán firmemente por este tema, para poder configurar os servizos, contratalos etc. a través da web sen ter que chamar para todo ao Servizo de Atención ao Cliente.

No tema da televisión, haberá un novo decodificador para o ano, adaptado á alta definición (a aposta por este tipo de canles vai ser notoria). Ademais, haberá a posibilidade de collelo cun disco duro duns 500 GB para gravar contido, etc.

Ademais, vaise configurar unha liña de Internet no propio decodificador de televisión, para uso de Internet no televisor (ver vídeos do Youtube...), ou nalgún aparello externo (consola, por exemplo...). A velocidade será de 1 Mb ou así...

E finalmente, unha historia que me pareceu moi interesante. Van crear un sistema que permitirá acceder ao cablemódem e ver nunha web todo o que tes conectado. É dicir, accedemos ao servizo (dende calquera conexión a Internet) e vemos que ao noso cablemódem, por exemplo, está conectado un portátil, o decodificador de televisión e un sobremesa. Ademáis, temos unha impresora conectada ao sobremesa e un disco duro externo ao portátil. Ben, pois dende esa web poderemos xestionar toda a rede, mover ficherios dun lado a outro, imprimir... sen ter que facer nada. Xenial, non?

E bon, para rematar... uns agasallos cortesía de R: unha camisola Pura Fibra, unha esterilla para o rato e un libraco coa historia de R, moi curioso e divertido este último, todo hai que dicilo.


2 Responses so far.

  1. Rodri says:

    La verdad es que R mola bastante, gracias por compartir esta información!

  2. O día que chegue a Palas...