Expandir contido

A fascinación polo abandonado


Non me preguntedes por que, pero síntome fascinado polo abandonado. Non me refiro ao abandono por abandono, ao feísmo ruinoso ou ás casas que caen nos centros das vilas por desleixo de uns ou falta de interese pola súa conservación de outros. Non. O meu interese é máis ben polos lugares que un día foron e que hoxe non son, lugares aos que gosto de achegarme e percorrelos, facer o esforzo de escurrir o maxín para poñerme na pel de antigos moradores ou traballadores que nun tempo máis esplendoroso andiveron por aló.

Abundan este tipo de sitios. Galiza, por exemplo, está inzada de vilas, rueiros, mosteiros, antigos hospitais, fábricas... e, sobre todo ducias e ducias de baterías e instalación militares. Todos estes lugares comparten situación de abandono e o encanto máxico do que vos falaba.

Pero o exemplo de abandono por excelencia é Prypiat, a cidade dos traballadores de Chernobyl. Deixando de lado o tema da radiación, o establecemento dunha zona de exclusión que aínda hoxe en día mantén a raia a visitantes e curiosos contribuiu aínda máis a aumentar a curiosidade polo lugar.

Estes días lin un artigo de Henry Shukman, un visitante que se aventurou a adentrarse nos arredores da central, onde o abandono foi transformado nun curioso Edén, un refuxio de vida onde noutro momento habitou a morte.  E algo longo, pero paga a pena. Podédelo consultar nesta ligazón.