Expandir contido

Pekín Express III: Kazán - Yekaterinburgo

Os Pekin-Express-fans xa temos unha nova entrega deste innovador formato de reality show... e é que ás veces, o que gusta, a doses de semana en semana sabe a pouco... haberá que unirse á petición que xa circula polos foros de Cuatro de menos Fama e máis Pekín...

A terceira etapa sae de Kazán, onde quedáramos a semana pasada. Nesta cidade, os concursantes estiveron pasando a noite en tendas de campaña, cunha temperatura exterior de 2 graos... apetecíbel, non?

Esta semana, tiveron que chegar até Yekaterinburgo, pasando por Serpievka, onde tivo lugar a proba de inmunidade, que como sabedes, fai que anque os concursantes gañadores desta proba cheguen os últimos á meta da etapa non sexan expulsados.

O programa de onte comezou cunha pregunta aos concursantes sobre quenes eran a parella que mellor lles caía, e de aí saiu unha evidencia que xa se palpaba nas anteriores entregas: a parella formada por José e Oier non caen ben aos demais concursantes, e non foron nomeados por ninguén.

Outra sorpresa que nos presentou Paula Vázquez foi o comezo da etapa. Disporían de dous helicópteros nos que poderían percorrer certa distancia. Un deles, percorrería 100 quilómetros a maiores, e disporían del os gañadores da anterior etapa (José e Oier) e dúas parellas á súa elección. Decidiron que os acompañasen Javier e Martha e as xemelgas Idoia e Ainhoa. Aquí mostrouse un xesto feo por parte do resto dos concursantes que non foron eleitos, que lles chamaron de todo... agás pola parella dos avós Carlos e Mario, que aceptaron a decisión con naturalidade.

Tras este voo por terras rusas, de novo faise preciso botar man do autostop para moverse. E aquí parece que Martha e Javier teñen sorte, xa que coñecen a un rapaz que non só os leva, senón que para nunha floristaría para mercarlle un fermoso ramo de flores a ela, que recolle con entusiasmo.

Os concursantes que non gozaran do plus de 100 quilómetros quedaron situados nunha zona despoboada e con pouco tránsito, o que complicou un pouco o tema de conseguir coche. Isto fixo, por exemplo, que Bego se desesperase coa actitude un pouco irascíbel do seu fillo, Noel, afirmando que éste se pasaba con ela.

As gogós tiveron mala sorte e colleron o camiño equivocado... iso sí, pasáronno ben co camioneiro que as levou até que se deu conta de que percorreran 200 quilómetros en direción oposta.

Detense a carreira

O momento da detección da carreira colleu a Carlos e Mario xunto a José e Oier, polo que foron na procura de aloxamento xuntos. No camiño atoparon cuns rapaces xogando ao fútbol e puxéronse a xogar con eles. Logo resultou que foron a pedir aloxamento na casa dun destes rapaces, onde foron moi ben atendidos, cunha comida abundante e apetecíbel. Ademais, gozaron dunha sesión de sauna.

Juanan e Tony quedaron nunha casa máis humilde, onde degustaron leite recén ordeñada, xa que posuían unha fermosa vaca, moi amiga da cámara, por certo.

Pola súa banda, Javier e Martha, que despois de baixar do coche do que lle regalara as flores a ela, continuaron camiño noutro vehículo. Tiveron a sorte de que o segundo conductor, un rapaz novo, ofreceulles quedar na súa casa en Ufa, o que xa lles facilitou a viaxe. Fixeron boas migas co rapaz, de feito Javier desfrutou de que tanto o rapaz como unha rapaza que debía ser a súa moza falaban inglés e, entre cubata e cubata de vodka, fixeron promesas de amizade e de que os rusos viaxarían a Valencia para ir de festa con el. Martha, máis prudente, mostrou unha actitude de preocupación pola facilidade de Javier de alcolizarse.

Novo día, continuando o camiño

Carlos e Mario, na procura de chofer, dan cunha rapaza amiga das corridas (de touros, sobreentendédeme) que tras invitalos a uns chupiños de vodka (hai mellor forma de comezar unha fría mañá en Rusia?) lévaos no coche, xunto con outras tres rapazas coas que comparten o asento traseiro do coche e cancións.

Martha e Javier desfrutan até a saída da cidade dun taxi que paga a moza do rapaza que os levara o día anterior, o que sen dúbida serviu para avanzar.

Proba de inmunidade

Como era de agardar visto o ritmo da carreira, os primeiros en chegar (e con tempo de adianto) á proba de inmunidade foron Martha e Javier, seguindos de Idoia e Ainhoa e de Fernando e María. A sorpresa veu da man de Juanan e Tony, que chegaron en cuarto lugar, inda que sen posibilidade de participar.

A proba de inmunidade usou desta vez os sidecar usados nos montes Urais, por onde discorreu esta etapa, para facer unha jimcana. Nela había unhas pizarras cunha canción popular rusa, que debían memorizar, ao chegar ao final da jimcana, os que chegaran primeiro terían que completar só unhas cantas palabras, os seguntos algunhas máis e os últimos a pizarra completa.

A destreza dos concursantes cos sidecar deixou moito que desexar, e os primeiros en rematar foron Fernando e María, seguidos das xemelgas e, xa por último, por Martha e Javier. A dificultade era obvia e, como era de agardar, os que mellor o fixeron (gañando así a inmunidade) foron Fernando e María.

Nova sorpresa do programa. Os gañadores dispoñen dun sidecar durante 30 minutos, pero non para eles, senón para destinar á parella que elixan. Deciden deixarllo a Bego e Noel, xa que Bego mostra signos de cansancio.

A sorte acompañounos neste novo tramo, xa que segundo baixaron do sidecar colleron un bus para continuar a súa viaxe.

19.00h, párase a carreira

De novo toca buscar sitio onde durmir.

A segunda noite desta etapa foi sen dúbida máis dura para os nosos concursantes.

Mario e Carlos atopan sitio por un lado, e Juanan e Tony, que coinciden coas gogós, parece que tamén. E aquí, Tony maldí a sorte dos vascos por non telos elexido para percorrer os 100 quilómetros a maiores no helicóptero desexándolles "que non atopen sitio".

Parece que acertou na súa maldición, pero o cuspe tamén lle caeu no ollo, xa que unha señora da casa onde parecía que se ían aloxar bótaos fóra. Así pois, as gogós e os drags acaban durmindo nun porche. Os vascos, José e Oier, atopan unha especie de adega aberta, onde pasan a noite.

As xemelgas Idoia e Ainhoa foron quedar no medio da nada, polo que fixeron unha fogata e durmiron á intemperie.

Pola contra, Martha e Javier quedaron na casa dunha señora (con gato, para desgusto de Martha) que os tratou humildemente ben.

07.00h En pé!

A continuación da viaxe para Martha e Javier foi en furgoneta, mentres que Bego e Noel tiveron a sorte de atopar un camión. Pola súa banda, Tony e Juanan suben nun coche que os leva directos á meta.

Clasficacións

A chegada á meta foi bastante esperábel visto o ritmo da carreira. Os primeiros foron Martha e Javier, seguidos por Bego e Noel e, éstes, moi de preto por Carlos e Mario. Os cuartos foron José e Oier, seguidos de Ainhoa e Idoia, Juanan e Tony e Fernando e María, os posuidores da inmunidade.

As últimas en chegar foron Carol e María, as gogós, que nesta etapa, sobre todo a loira, xa mostraron síntomas de cansancio. A tarxeta que lles podería salvar de ser eliminadas foi de novo vermella (non haberá ningunha verde?)... polo que deixaron o programa

As miñas impresións

Se teño que escoller á miña parella favourita creo que dubidaría entre Carlos e Mario e Fernando e María.

Carlos e Mario, a parte de facer boas marcas, intégranse moi ben no grupo, desfrutan da viaxe, pásano ben, non discuten entre eles... pola súa banda, Fernando e María están a dar bastante de sí, parece que a experiencia os está unindo e nótase que cando están a gusto traballan ben.

Os que cada vez soporto menos son a Juanan e Tony, que botan a culpa a todo... que non atopan coche que os leve? os rusos son homófobos... en fin... e logo José e Oier, pois non sei, quizais sexa o afán tan competitivo que faga que non sexan moi agradábeis e mostren o que a min me parece algo así como falsedade...

En fin, isto foi todo o que deu Pekín Express onte... o vindeiro luns, máis!

2 Responses so far.

  1. Anónimo says:

    Bonito blog, bo programa e bos resumos de P.E.!

  2. Luisinho says:

    A verdade é que eu sigo vendo aos vascos coma os favoritos, e me caen ben, son cerebrais e teñen o necesario para gañar este programa.

    Aos outros que vexo como favoritos é á "parella asimétrica" de Fernando e María.

    A eliminación das go-gós foi un pouco por mala sorte, pero non demasiado sorpresiva.

    E non moito máis, a esperar ao próximo luns!

    Por outra parte, e xa aproveitando para comentar de vez:
    Volve deixar a barba!
    e
    Que lembranzas A Capela, aínda que eu son máis de Casa Pepe (mira que teño comido alí xD!) que de Casa Toñita. Se non estou trabucado, coñezo a primeira parte da ruta, aínda que non a fixen enteira.

    Un saúdo!