Expandir contido

De rafting polo Ulla

Todo comezou cunha pregunta: e se imos facer algo de aventura en semana santa?

A partir de aí, veu unha segunda cuestión: e que facemos? Pola nosa cabeza pasoúsenos hydrospeed, kayak, barranquismo... pero definitivamente decidímonos por sumerxirnos no rafting.

O seguinte paso foi procurar unha empresa que se adicase a iso. En Galiza hai unhas cantas; tras navegar polo río da Internet, contactamos cos servizos que ofrece Viajes Tambre. E aló fomos, decididos a poñernos en marcha Carmen, Álex, Adrián, Cristina e eu.

Así que onte á mañá collemos o coche rumbo a Padrón, onde procuramos por un sitio onde xantar a bo prezo.

Para facer tempo despois de encher o estómago, decidimos que, de estar en Padrón, habería que ir visitar a antiga casa de Rosalía de Castro. E aló fomos; a mágoa foi que estivese pechada e nos tivésemos que conformar por vela dende fóra das murallas.

Ao redor das catro da tarde, achegámonos ao bar Casa Dios, en Herbón, onde quedáramos cos monitores que nos acompañarían no traxecto. Aló coñecemos a outro Álex e Juan, dous amigos de Jérez de la Frontera de vacacións por Galiza, que nos acompañarían na aventura.

Tamén a Luís, un dos monitores e organizadores desta empresa adicada ao deporte de aventura (dende logo que hai traballos ben bonitos!).

Dende aló, fomos seguindo á furgoneta que nos adentrou polas terras de Herbón cara "A Base" da empresa, onde nos facilitaron o material necesario para facer rafting: traxe de neopreno, escarpíns para levar por baixo dos tenis, chaleco salvavidas e casco.

Encamiñámonos logo cara o ponto de partida da nosa viaxe polo río Ulla, no lugar de Sinde. Aló agardamos a que Carlos (o outro dos monitores) e Luís volvesen de deixar o coche no ponto final para baixar por unha pendente bastante pronunciada que nos levaría até un dos marxes do Ulla.

Comezaba unha rota que nos levaba río abaixo, por augas tranquilas e por algún que outro rápido onde se aceleraba un pouco a adrenalina. E houbo de todo: abordaxes ás outras lanchas, caídas... en fin, todo unha aventura.

Nun determinado momento da baixada, paramos a xogar ao "tobogán".

Consiste en pór unha balsa dada a volta, baixar correndo por unha rocha, tirarse enriba da neumática e caer ao río.
Aí houbo estilos varios, dende o meu, que foi moi predecíbel, ao de Carmen, que primeiro se lanzou ao "Superman" e logo foi perfeccionando o estilo, saltando de xeonllos e con mil efectos, moi similar ao que temos visto en Humor Amarelo.

Adrián tamén intentou o estilo de xeonllos, e en certa medida conseguiuno, como nesta estampa ao estilo toreiro.
Logo desta parada, baixamos un rápido dos light facendo un tren entre todos os participantes, o que tamén foi moi divertido.

Continuamos o descenso do Ulla con algún outro punto forte, cun rápido longo onde todo o marxe dereito da balsa caemos á auga (Adrián, Álex, o monitor e eu). Claro que uns (monitor) conseguiron agarrarse á balsa, mentres que outros, collemos fixemos o rápido en persoa.

Durante a baixada, Carlos, o monitor que nos acompañaba a bordo, propúxonos un acertixo cunha aposta: se o acertábamos, saltarían os monitores dende unha ponte que había ao rematar o percorrido. Senón, teríamos que saltar todo o resto.

Sen ter en conta a aposta, algúns valentes (non moitos, en realidade só os rapaces de Jerez, Álex e eu) decidimos probar que se sentía ao saltar ao baleiro dende a ponte, e aló fomos. Eu nunca saltara á auga dende unha altura tan grande, e a verdade é que foi unha sensación marabillosa de adrenalina total. Como dixo un dos andaluces, "até da tempo a pensar na caída".
Foi o que completou un día pragado de aventura.

Recomendados polos monitores, unha vez deixadas atrás as instalacións da empresa de aventuras, paramos no bar Casa Dios para probar o bocadillo de xamón asado con queixo, unha verdadeira delicia que desfrutamos mentres íamos deixando atrás Padrón, de regreso a casa.
A experiencia foi marabillosa, eu xa fixera rafting un par de veces a través do Concello de Cabanas, pero claro, hai tantos anos que xa non me lembraba.

Sobre o prezo: 30 euros, a verdade é que moi ben (case todos oscilan entre os 30-35 euros). Pero esta empresa, ademais, leva unha cámara dixital acuática que saca fotos a ráfagas. Ao chegar de volta, danche un cd coas fotos que sacan durante toda a viaxe (unhas 600), o que é de agradecer.



Visualizar o mapa ampliado

2 Responses so far.

  1. Anónimo says:

    A ver,teño unha dúbida coas fotos,¿ que é o da foto 4 comezando por riba ?, :-) , unha aperta compañeiro, e para a próxima,levade unha cana e pscades unhas troitas , :-) , boa noite dende a bocanada da ría

  2. Unknown says:

    Son eu saltando sobre a balsa xD