Expandir contido
Mostrando entradas con la etiqueta lingua. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta lingua. Mostrar todas las entradas


Hai preto dun mes que remataron as II Xeiras sobre a Lingua Galega, cunha edición que superou as nosas espectativas, tanto en asisentencia coma en interese.

Entre os relatores deste ano estivo Valentim Rodrigues Fagim, Presidente da AGAL, que quixo manter unha entrevista comigo despois das Xeiras. Velahí vai:

Iago Varela: «Por quê nom conhecemos quase nada do mundo lusófono, se temos tanto em comum?»

«Nem o ILG nem a RAG se prestárom a participar [nas Xeiras], alegando que 'só existe umha normativa e que nom havia nada que falar'»


Valentim R. Fagim - Entre os dias 9 e 12 de março desenvolvêrom-se as II Xeiras sobre a Lingua Galega, organizadas polos Comités da Universidade de Vigo. Fum convidado a participar numha mesa redonda sobre a questom normativa com a professora Pilar Garcia Negro.

Agora é o momento de devolver esse amável convite entrevistando um dos organizadores, Iago Varela Martínez, estudante de Engenharia de Telecomunicaçom.

Valentim R. Fagim: Esta foi a segunda ediçom das Jornadas que tivo um enorme êxito relativamente ao número de pessoas inscritas.

Iago Varela: Verdadeiramente esta II ediçom das Xeiras foi todo um êxito quanto à participaçom e ao interesse que gerárom. Tivemos um total de 235 inscritos (mais do dobre que o ano passado) e umha lista de espera de mais de 50 pessoas. Ademais, consta-nos que mais de 300 pessoas seguírom a evoluçom das mesmas via Internet.

VRF: Qual eram as linhas temáticas das Jornadas?

IV: Basicamente tivemos 9 linhas: Galego e Internet, ensino, música, humor, normativas, plataformas pró-galego, público infantil, ensaio e política.

Todas elas fôrom temáticas novas, é dizer, nom contempladas na primeira ediçom. Além disso, cumpre assinalar que esta selecçom nom foi casual, mas quigemos misturar temáticas lúdicas com outras mais sérias, com o fim de fazer umhas jornadas muito mais amenas.

VRF: Qual das atividades destacarias pola sua boa recepçom? Qual foi o sentir geral dos participantes a respeito das Jornadas?

IV: Com bastante diferença, a actividade mais valorizada foi a actuaçom do conta-contos Celso Fernández Sanmartín, que soubo manter a atençom de todo o público e tirar-lhe umhas boas risadas, seguida da palestra-actuaçom dos históricos Mini e Mero.

Mas em geral, todas as mesas fôrom mui bem valorizadas. De facto, na última jornada figemos umha enquisa de satisfaçom e a nota média das mesmas é dum 8.1

VRF: Nom é muito frequente existirem debates públicos sobre a questom normativa que afinal, sabemos, é muito mais do que Filologia. Como surgiu a ideia? Como se desenvolveu?

IV: Precisamente, a pouca atençom que se presta a esta questom foi o que nos levou a fazê-la. Cremos que nom tem que ser um tema tabu, antes ao contrário: o nosso objectivo com esta palestra era pôr riba da mesa as potencialidades das diferentes normativas. Depois cada quem que escolha o que prefira.

Cremos que foi todo um acerto, mas cumpre dizer que nom foi doado conseguir alguém da linha oficial. Nem o ILG nem a RAG se prestárom a participar, alegando que 'só existe umha normativa e que nom havia nada que falar'. Nom podo negar que nos surpreendeu estas atitudes tam pouco construtivas.

VRF: Tés a sensaçom de que o público presente na mesa redonda tem agora umha visom mais ampla da estratégia luso-brasileira para a nossa língua?

IV: Com certeza que sim. Neste sentido tenho-te que parabenizar, já que em grande parte a tua apresentaçom serviu para abrir os olhos e fazer-nos cavilar: por quê nom conhecemos quase nada do mundo lusófono, se temos tanto em comum?

Tenho que reconhecer que eu mesmo, usuário da linha oficial, tenho após esta mesa umha visom muito mais esclaredida e positiva da estrategia luso-brasileira.

VRF: Os Comités é um entidade estudantil que está a recuperar a sua presença pública depois de anos de recuo. Que tem possibilitado isto?

IV: Os Comités lutamos por um ensino que seja público, democrático, galego e de qualidade. Com a nossa presença nos órgaos de governo estamos a conseguir melhorias substanciais para o estudantado galego.

Por pormos um exemplo, neste curso grande parte do nosso trabalho estivo focalizado na modificaçom dos Estatutos da Universidade de Vigo para adaptá-los às exigências da LOU. Neste sentido, graças a nós a Universidade de Vigo conta hoje com um texto muito mais ambicioso em matéria lingüística.

Isto sem esquecer outras reivindicaçons históricas, como o transporte, residências ou a luta contra as taxas académicas.

VRF: Que projetos se alviscam no presente ano?

IV: Agora mesmo, estamos começando a preparar as eleiçons, que teremos o vindoiro 20 de Maio. Mas isso nom nos aparta de outros projectos pendentes como algum concerto e outras cousas que ainda nom podo adiantar...

VRF: Qual a presença da nossa língua na Universidade de Vigo, entre estudantes, PAS e docentes?

IV: A presença do galego a título individual é aceitável, mas nom como idioma de uso normal. De facto, a docência em galego situa-se na UVigo arredor dos 16%, percentagem que se vê muito mais mermada nas titulaçons técnicas, onde nom chega nem aos 5%.

Estas percentagens chocam bastante com os relatórios que situam o galego como língua habitual de 35% da mocidade, o que nos levou a fazer umha campanha com a qual, baixo o lema 'Na defensa do galego, nin un paso atrás', estamos a denunciar esta situaçom.

VRF: Todo o debate em volta do decreto está a ter ecos entre o estudantado?

IV: Claro que está. O estudantado nom está a ficar calado ante os graves ataques que a Junta da Galiza está a ter em contra da nossa língua, de facto demonstrou-se com o seguimento da jornada de greve que tivemos no dia 21 de Janeiro, que foi em massa.

VRF: Na hora de consultar bibliografia básica, existe a hipótese nas bibliotecas universitárias de aceder às versons em português?

IV: Nom, existem mui poucos títulos das bibliografias que tenham versom em português.. Realmente, torna-se raro atopar versons idiomáticas diferentes à original nas estantes da biblioteca e, as que existem, som todas em castelhano.

VRF: Pode-se estudar na nossa língua na Universidade de Vigo?

IV: A dia de hoje, nom. Aguardamos que pouco a pouco vaiamos tomando consciência de que a Universidade tem que dar uso à nossa língua em todos os ámbitos. Tem que ser exemplo, visibilizar que a nossa língua, como qualquer outra, vale para a investigaçom, para falar de modernidade... nom é só umha questom cultural.

VRF: Algumha reflexom final ou comentário pessoal?

IV: Obrigado por poder contar com a tua presença nas Xeiras e por esta conversa.

[Ligazón á fonte orixinal]: Entrevista no P.G. da Língua

Gustei moito desta tira cómica do Carrabouxo, vista no blogue do Carlos Callón
Hai menos dun ano, organizabamos dende os Comités de Vigo as Xeiras sobre a Lingua Galega, unhas xornadas coas que se creou un espazo dentro da Universidade de Vigo onde poder debater sobre a situación da lingua galega.

Hai que recoñecer que ditas xornadas foron todo un éxito, o que nos levou a facer o esforzo de organizar a segunda edición das mesmas. Despois dalgún tempo de contactos e confirmacións con diferentes persoeiros, ao fin onte puidemos presentar o programa definitivo, así como tamén a imaxe que acompañará a campaña de difusión [nova no DUVI].

A min, persoalmente, parécenme unhas xornadas moi interesantes e non mas perdería. Podedes consultar o programa e, se o desexades, apuntarvos de balde, nesta ligazón.
Ás veces unha imaxe vale máis ca mil palabras: Galiza quere galego.




Deberase enviar antes do 29 de xaneiro ao enderezo alegacions.decreto.plurilinguismo@edu.xunta.es e a alegacions.decretazo@queremosgalego.org para facer un seguimento:



Don/ Dona…………………………………………. con DI……………………….. e domicilio en………………………………………………………………………………………………………….

En relación coas Bases para a elaboración do decreto de plurilingüísmo presentado publicamente a noite do 30 de decembro de 2009, presenta as seguintes


ALEGACIÓNS


O borrador de decreto presentando na noite do 30 decembro:


1) Non garante que os estudantes finalicen cada etapa educativa coas destrezas lingüísticas tamén en galego.- Todos os informes oficiais sinalan que hai un problema para conseguir que boa parte dos rapaces e das rapazas, sobre todo nas zonas urbanas, teñan fluidez comunicativa en galego. Diminuír a presenza da nosa lingua non fará máis que agravar a situación, vulnerando o dereito do alumnado a unha educación de calidade e pondo en perigo a pervivencia da nosa cultura.


2) É unha proposta feita de costas á sociedade galega.- O presidente da Xunta sabe que non conta con ningún consenso do profesorado, o estudantado, as familias e da sociedade en xeral para este decretazo. Por iso o presentou na véspera de fin de ano, a última hora do serán, e sen que existise ningún proceso previo de diálogo nin contraste.


3) Suporá enfrontamentos nos centros.- A Xunta fai deixadez das súas funcións e traslada o problema ao profesorado, ao estudantado e ás familias, que serán parcialmente consultadas (ben tendo en conta só o criterio da maioría, sen que se saiba que pasará coa minoría que se sinta perdedora; ben dando unha opinión cada catro anos, o que significa que uns pais darán a súa consideración sobre a educación das fillas e dos fillos doutros). A política lingüística e educativa non se pode limitar á opinión que poida ter a comunidade escolar, porque nos corresponde a todas as galegas e a todos os galegos. Hai que ter presentes criterios pedagóxicos e o dereito a unha educación en igualdade.


4) É unha burla á cidadanía cando di que se vai impartir un terzo das materias en inglés, cando sabe que iso é totalmente inviábel, e sen se preocupar do fracaso escolar.- O presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamento de inglés non teñen un reforzo real para mellorar a aprendizaxe desta lingua e mesmo se recortan os recursos para a formación do profesorado e se reduce o número de profesores/as das escolas oficiais de idiomas. O reforzo e mellora do ensino de inglés no sistema educativo galego debe facerse con máis profesorado específico, con máis recursos e con grupos máis reducidos


5) Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.- O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de normalización lingüística (arts. 12 e 13), así como da Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel cumpre as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos.


6) Porque é unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que ande ás patadas coa lingua propia do noso país.- Temos que erguer a nosa voz con claridade e exclamar que, independentemente do idioma que falemos no noso día a día, os galegos e as galegas amamos a nosa lingua propia e queremos que non haxa políticas para discriminala, senón ao contrario: que se promova nos diferentes ámbitos, garantindo a igualdade de dereitos.


Fronte á imposición unilateral de Alberto Núñez Feijóo, reclamo que se escoite a voz das comunidades educativas. O presidente da Xunta debería lembrar que o decreto aínda en vigor contou co respaldo dos sindicatos que representan ao 90% do profesorado, a inmensa maioría das ANPAs, todas as organizacións estudantís e todos os movementos de renovación pedagóxica con actuación en Galiza. O seu decreto contra o galego, ao contrario, non xera máis que rexeitamento e preocupación.


Por todo isto


SOLICITA


A aplicación real e efectiva do decreto 124/2007 e do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por consenso e unanimidade polo Parlamento Galego.


Asdo:


Don/ Dona


O pasado 18 de outubro miles de galegas e galegos ateigamos as vellas rúas de Compostela para reclarmármonos o dereito a vivirmos na nosa lingua, o galego.

O seguinte vídeo resume o que deu de sí a manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego.


Poucas veces na historia - se me apurades, ningunha - un goberno dun País fixo todo o posíbel por relegar o idioma propio do mesmo a un segundo plano.

Asemella que aquel dito de Galiza is different faise realidade na nosa Nación, xa que dende que o Sr. Feijóo e a súa tropa aterraron na Xunta as medidas antigalegas cóntanse por moreas. Mais non só na Xunta, tamén a través da Deputación de Pontevedra, subvencionando actividades de Galicia Bilingüe nas que só contaron con expertos da opresión lingüística en Catalunya e Euskadi.

Por iso é importante que este domingo 18 todos e todas fagamos un esforzo por achegármonos a Compostela, por apoiar a manifestación convocada por Queremos Galego e por berrarlle a este goberno que defenderemos o noso dereito a vivírmonos en galego, porque nos gosta, porque nos peta e porque nos da a gana.
A miña última viaxe a Catalunya, a semana pasada, serviume para decatarme de que é un país bastante normal, no que se quere e respeta á súa lingua nacional.

En Galiza non. En Galiza, falar galego non está ben visto, e menos aínda que a publicidade das marcas "importantes" estea en galego... en Catalunya acontece todo o contraro: as publicidades de grandes empresas como Vodafone, Movistar, KFC, McDonals... estaban en catalán. Pero tamén os cataces que indicaban espazos dispoñíbeis para publicidade, as farmacias, os menús...

Sen embargo, o que máis me chamou a atención foron os bancos e caixas galegos. O "Banco Gallego", que nin sequera ten a súa web no noso idioma, tiña aló todas as publicidades en catalán, ao igual que Caixa Galicia. Esta última conta tamén cun publicidade no aeroporto de Santiago de Compostela, iso si, en castelán, que en Galiza non entendemos o noso idioma.

Será algún día normal neste país que nos ofrezan servizos de móbil, con b, hamburguesas con queixo, ou contas de aforro, con f?Aprenderemos os galegos a respetarnos a nós mesmos ou falaremos de imposicións?

Sen dúbida un goberno que aposte e crea nas nosas posibilidades pode conseguilo. O noso? Sinceiramente, non.
Un total de nove científicos galegos que están a traballar no CERN (Centro Europeo de Investigación Nuclear) veñen de pór na rúa un manifesto en defensa da nosa lingua:

Unha achega ao debate sobre o galego desde o CERN


Somos un conxunto de físicos e enxeñeiros galegos vencellados ao Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) en Xenebra, a día de hoxe uns dos laboratorios científicos máis importantes do mundo. Desde a distancia, levamos meses asistindo ao debate que se está a xerar sobre a posición que debe ocupar a lingua galega no noso sistema educativo. Esta cuestión está a provocar unha confrontación continua de posturas e opinións que se estende a distintos ámbitos da nosa sociedade. Se ben consideramos este debate lexítimo tamén coidamos que as posturas deben ser mantidas e defendidas desde a máis absoluta rigorosidade, a mesma pola que nós estamos rexidos nas nosas actividades científicas. E vémonos na obriga de intervir cando determinados argumentos que non seguen esta máxima aparecen por parte de persoas cunha opinión que non se restrinxe ao ámbito privado.

En declaracións ao “Faro de Vigo”, o voceiro da “Confederación das Asociacións de Pais de Alumnos de Colexios Concertados” (Congapa), José Ramón Hermida, dicía: “Utilicemos el sentido común. Químicas o Físicas, con tantas nomenclaturas internacionales, no se pueden dar en gallego. No podemos retroceder”. Ben, for desde a ignorancia, for intencionadamente, declaracións deste tipo resultan totalmente inadmisíbeis. E dicimos isto con coñecemento de causa, pois no noso ámbito de traballo estamos acostumados a ter conversas de alto nivel científico de temas moi diversos en galego. Nun entorno no que temos a sorte de traballar con algúns dos mellores físicos e enxeñeiros do mundo, o galego está, modestamente a través de nós, presente como vehículo de comunicación científica. E para isto é un idioma exactamente igual de válido que o francés, o alemán ou, desde logo, o castelán. Ben é certo que o galego non é empregado para as comunicacións nin publicacións científicas a grande escala, pero é necesario que se saiba que tampouco o é o castelán. A lingua franca da ciencia desde hai moitos anos é o inglés, e desde logo se algunha lle discutíu no pasado tal condición esa non foi o castelán.

O noso obxectivo con esta carta é simplemente evitar que se empreguen argumentos falsos (ou falseados) na discusión dun tema tan delicado e importante coma este. E tamén reivindicar o galego como lingua que nos identifica sen excluírnos estando como estamos lonxe da casa.

No CERN en Xenebra, a 26 de Maio de 2009,


Xabier Cid Vidal, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Patricia Conde Muíño, Doutora en Física de Partículas, Investigadora do LIP (Laboratório de Física e Instrumentação de Física de Partículas) - Lisboa (Portugal), experimento Atlas.
Daniel Esperante Pereira, Enxeñeiro de Telecomunicacións e estudante de Doutoramento na USC, experimento LHCb.
Teresa Fonseca Martín, Doutora en Física de Partículas, investigadora asociada da Royal Holloway University - Londres (Reino Unido), experimento Atlas.
Abraham Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, investigador Ramón y Cajal na USC, experimento LHCb.
Manuel Gallas Torreira, Doutor en Física de Partículas, antigo staff do CERN no departamento de Física Experimental.
Marcos Mariño Beiras, Doutor en Física de Partículas, Catedratico de Física Matemática na Universidade de Xenebra (Suíza).
Diego Martínez Santos, Licenciado en Física e estudante de Doutoramento - USC, experimento LHCb.
Cibrán Santamarina Ríos, Doutor en Física de Partículas, investigador asociado na McGill University - Montreal (Canadá), experimento Atlas.

Déixovos hoxe esta curta feita polos Comités sobre a historia do galego.



Preto dunha semana despois de que rematasen as Xeiras sobre a Lingua Galega, estamos en condicións de dicir que foron todo un éxito.

E un éxito en todos os sentidos: dunha banda, a participación, con preto de cen persoas e, como non, o contido.

As sete mesas redondas programadas reuniron a poñentes como María Yáñez e Ana Iglesias en "Bilingüísmo ou diglosia?", a Henrique Costas e Iolanda Veloso en "A normalización do galego", a Carlos Callón, Mariló Candedo e Fernando Ramallo en "A situación actual do galego", a Alexandre Prieto e Roberto Noguerol en "Lingua e novas tecnoloxías", a Xabier P. Docampo e Marta Dacosta falando de "Lingua e literatura", a Afonso Eiré, Belén Regueira e Iago Martínez en "Lingua e medios" e a Antón Dobao, Ignacio Vilar e Carlos Ares en "O audiovisual en galego".

Non sabería quedarme con unha mesa ou outra, xa que todas e todos os participantes aportaron unha chea de información interesante que os aló presentes soubemos aspirar coma esponxas.

Coido que até os máis desinteresados, quen só ía polo crédito, quedaron entusiasmados.

Agardo que isto leve a que o ano que vén poidamos ter unha nova entrega do Dálle á Lingua, na que abordemos temas que polos tempos non fomos quen de situar nesta edición
Os Comités de Vigo organizamos para os vindeiros días 15, 16 e 17 de abril unhas Xeiras sobre a Lingua Galega, que pretenden servir de punto de encontro para o debate e para expór novas propostas no que á nosa lingua se refire.
  • Alén de varias proxeccións, haberá tamén mesas redondas con escritores, cineastas, xornalistas, etc. Podes ler máis aquí.
  • Para inscribirse hai que mandar un correo a xornadaslingua@gmail.com onde conste o nome e apelidos, a titulación, documento de identidade con letra e un teléfono de contacto.
Dende hai aproximadamente un mes, comprobei con ledicia que Vodafone ofrece os servizos de atención ao cliente vía web, no apartado persoal "O meu Vodafone", en galego.

E é unha ledicia para min, como galegofalante, que a compañía coa que teño contratado o servizo de telefonía móbil fale galego.

Mais cómpre que sigan afondando neste camiño. Se ben é certo que ofrecían dende hai tempo recibir a factura e o servizo telefónico (de 08.00-24.00h) en galego, é necesario continuar nese camiño, e ter toda a información da súa páxina web no noso idoma (sorprende que os posíbeis idiomas para visualizar o site Vodafone.es sexan castelán, inglés, alemán, rumano ou árabe e non galego, catalán e eúscaro).

Galiza Nova, a Mocidade pola Normalización Lingüística e os Comités, convocamos para o vindeiro 26 de novembro unha xornada de folga contra as agresións que está a sufrir o galego e que proveñen dos sectores máis conservadores e españolistas, nomeadamente o PP, cando a realidade é reflicte que a lingua galega é a que está nunha situación de inferioridade, perdendo falantes cada día, sobor de todo entre a mocidade.

Como agoirábamos, a aprobación do Decreto 124/07 non supuxo un ponto de inflesión neste eido, pois a Consellaría de Educación non puxo ningunha ferramenta para garantir o seu cumprimento (nin ten intención de facelo). O PP, pola súa banda, xa anunciou que de gañar as eleccións derrogaría dito Decreto.

Por iso, faise necesaria a mobilización do estudantado, para que se garanta o dereito das galegas e do galegos a sermos educados no idioma da nosa nación.

Baixo o nome de Chámate con xeito a Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo está a desenrolar unha campaña que ten como obxetivo "suscitar unha reflexión entre a comunidade universitaria acerca de como nos chamamos, de como nos chamaron e de como deberan ser os nosos nomes en galego e en castelán".

Cun chamamento á reflexión serena e informada, dende Chámate con xeito anímannos a preguntarnos sobre nós... "se oficialmente todos os topónimos de Galiza son Toxeiro ou Ameixeiras, por que os meus apelidos son Tojeiro e Ameijeiras, cando en castelán deberan ser algo así coma 'Aliaguero' e 'Ciruelos'?"

A campaña vai dirixida a aquela xente que teñen o nome ou os apelidos en forma regaleguizábel e con ela preténdese facer máis doado todo o trámite preciso. Dispoñen dunha web, www.chamateconxeito.com onde facilitan a imformación precisa, así como documentación e as formas de contacto.

Todo para que aqueles que queiran deixar de 'llamarse con jeito' poidan 'chamarse con xeito'.